Dame la manita, Pepe Luí
Xiz, Xulio - martes, 11 de diciembre de 2007
Xuntáronse para fundar o Foro pro Lugo os representantes do Concello, Deputación (Presidente e Vicepresidente), Universidade (Vicerrector de Lugo), Cámara de Comercio, Fundación Caixa Galicia, Cel e Fundación Cel, na mellor das intencións para coa cidade e provincia, tentando impulsar os recursos e as potencialidades que Lugo ten.
Non se sabe se a petición dos fotógrafos ou de motu proprio, os oito asinantes posaron para os fotógrafos collidos das mans, e catro deles cruzándoas diante de sí como en algunha peza do folclore iugoslavo que teño visto aló en Viveiro hai anos.
A un, que non é dado a moitas efusións en público, esta postura lémbralle a vella canción de Tip e Coll titulada Dame la manita, Pepe Luí, que non só tivo un relativo éxito como preludio do Rap senón que marcou un fito na fraseoloxía popular naquel tempo escuro.
Tip e Coll eran humoristas. Esto de agora é equiparable ó das vodas onde ó berro de Que se besen comezan a morrearse os noivos, os padriños, os pais dos noivos e os tios dos curmáns. Sorte que a colocación era estratéxica porque senon podía darse o caso de que algún deles lle negase o saúdo a outro.
Postos no mellor, se se trata de traballar todos xuntos por Lugo, ese collerse das mans pode ser sintomático, preludio de algo importante.
Cousas coma esta reconfortan e fan recobrar o agarimo polos homes públicos. A fin de contas, ¡son coma nenos!.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora