Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (5)

martes, 26 de febrero de 2019
.../...

Pasárano ben con aqueles colegas, naquela fin de semana veranega, na Coruña, así que, como non hai nada como estar folgados para descorrer, descorreron organizar outra, esta a Portugal. Elías, que era o menos raca dos catro, lembrándose de que na viaxe da Coruña os Montesco-Capuleto puxeran o Jaguar, ¡que mellor non o tiñan eles!, ofreceuse para paga-las durmidas e mailas comidas no país irmán, e que os outros soportasen a bencina. ¡Dito e feito, aínda que con algunha reserva mental!

A primeira alegación foi alegarlles aquilo que oíra Romeu, con seu sogro, na discusión do bar das Dúas Portas: ¡O leitâo ao forno de Mealhada! Claro que iso requiría un aperitivo luso, de calidade lusa, cousa que nunca tal probaran aqueles Letrados ilusos: ¡Un breakfast de torta de millo, mollada en chocolate, no Barâo, rúa Barâo de Sâo Roque, Caminha!

De alí saíron cantando o:
Para ser conductor de Primera,
acelera, acelera;
para ser conductor de Primera,
hace falta ser buen bebedor.
Con el vino se engrasan las bielas,
¡ay las bielas!, ¡ay las bielas!
y se suben las cuestas mejor.
¡Que el señor conductor acelere,
acelere el señor conductor!


Cantárono en castelán porque, de pasado o Miño, Portugal, para os españois, é de Castela. Pero isto foi…, iso, un aperitivo, pois en Mealhada…, despois de agardar unha Bailando na punta dun fuso (5)hora…, para facer apetito, non, para que lles deixasen unha mesa libre…, ¡estouparon!

-¿Romeu, segues opinando que, para comer, Lugo? ¡Non sei se esaxeraría o teu admirado Alfredo!

-¡Este embaixador así opina! E farao sempre, aínda que só sexa pro domo sua!

-Daquela, come e cala, e non se che ocorra dicilo en alto, que estes portugueses, de esfameados, se alguén lles fala do noso caldo de grelos son capaces de asalta-la nosa muralla, para baleirarnos a despensa!

Comeron e calaron, comeron en abundancia; en abundancia portuguesa, que ten outro significado; tanto, que en tres horas non foron capaces de volver ao Jaguar, que nin entraban polas portas! Menos mal que o tramo seguinte era curto, pois Buçaco, hotel e bosque, todo xunto, pretiño queda da Mealhada, unha Mealhada á que estes lugueses puxeron de sobrenome, Bien Hallada!

¡O Hotel de Buçaco, ***** nada menos! O problema principal tivérono as damas, pesarosas de non ter pasado alí a súa noite de vodas, que non se recataron de censurárllelo aos seus ilustres maridos: Luxosamente amoblado, decorado con mil obras de arte. Frescos tan frescos que mesmo lles pareceron feitos por mans de anxo, ¡as delas! Pinturas de artistas notables. Uns paneis de azulexos que parecían recortados do azul do ceo. Representación de epopeas: Os Descubrimentos, a batalha de Bussaco… Por se isto fose pouco, 64 habitacións paceñas, con dúas suites da súa categoría, precisamente da súa!

Tamén se houbo de desmaiar o Elías da Sandra, tremendo pola febleza da súa carteira, pero non houbo caso, pois a conta, ¡as contas!, foron máis benévolas do que esperaban. Fala que te falarás das respectivas lúas de mel, aquelas lúas que puideron ser e non foron, o práctico do Elías, ¡tamén era de Lugo!, con iso de que a gasolina a pagaba Romeu, propuxo retornar polo Santo Adrao, cerquiña da Portela do Homem, que así mataban dous pombos dun tiro: Uns cantos botes da mellor mel deste mundo, e de paso, na Portela, os restos da Vía romana, precisamente a Vía, o camiño, que fixeran, andando, aqueles romanos, tan andadores eles que deron chegado a Lugo, e aínda o pasaron! ¿Despois viría o luns? ¡E que; con dicirlles aos contribuíntes aquilo de, “Vuelva usted mañana, que el Jefe está de campo, haciendo labores de campo: indagación, comprobación, planificación, perfección…”
-.-

Xulieta, tan humana, tan comprensiva, ¡o dito, un anxo!, comezou a semana con remorsos:

-Mira que lles puidemos dicir...; mira que puidemos planificar a próxima, pois o de Sandra está avanzando, e dentro de pouco non será cousa de propoñerlles excursións, á parte de que o inverno só e bo para ir a Canarias…

-O que digas, amor, o que propoñas, amor, pois, vindo de ti, con tal de que non sexa veleno, todo é bo, tanto aquí como en Verona! ¿Que suxires?

-A min sempre me gustou ve-lo sol ao amencer, así que…, ¿e se fósemos a Covadonga, e da Covadonga aos Lagos, anticipándonos aos ciclistas?

Ben sabía que ao Montesco lle gustaban as bicis, e podían levar unha, na baca, para que a gozase o seu cónxuxe, conducindo ela o Jaguar, mentres, pola costa arriba, antes de que se lle esquecese iso tan sinxelo de cambia-las marchas…

-¡Non é mala idea…, que de paso estreo unha bici nova, unha de carreiras!

-¡Claro, claro! Pensa tamén que para o ano, Sandra… ¡Daquela, co neno en brazos, imposible!

-¡Claro, claro! –Remedouna- ¡E ti, co teu…, no ventre!

-¡Deus te oia, Deus te oia, pero, ou é que non sabes pedir, ou Deus non nos escoita! ¡Teríamos que dicirllo de día…!

-Prometíchesme ir ao Xinecólogo, e vaste esquecendo.

-¡Non esquezo, non, pero, con ese Xefe tan absorbente, tódolos días me deito cansada, e levántome pouco menos!

-Agora que me lembro: Tes uns parentes en Cuerres, arriba de Covadonga…, que che trouxeron un bo regalo daquela, cando viñeron á voda!

-¡Ah, si; a meu primo seica lle chaman “El Gallego de Cuerres”! E se nos regalan queixos, dos deles, da súa fábrica, ¿que facemos?

-¿Como que facemos: aceptárllelos! ¿Non din en Asturias que, gallegos y asturianos primos hermanos, pero que os primos somos nós? ¡Que mellor ocasión para demostrarlles o contrario!
-.-

Bailando na punta dun fuso (5)-Xulieta, esta Aisa estásenos galeguizando; está logrando o que non puido facer o seu Al Mansur: entrar en Lugo, comer en Lugo, que tivo que conformarse co bolo e mailo año que lle tirou desde o adarve aquel defensor, o primeiro dos Bolaño! ¿Viches o capón que nos ten na neveira? ¡Dá para sete, e vai sobrar!

-A min nada me dixo...; será cousa de miña nai, que se porían de acordo para o menú navideño.
...

-Non o comprei; aquí teñen a tarxeta do señor que llelo trouxo...

-¡Da aldea tiña que ser...; un estúpido! E para máis comprometernos, mira o que puxo aquí: “Este capón é só un recoñecemento polos favores que me fixo”.

-¿De que te estrañas: tamén sabe Dereito, Do ut des!

-¡Nunca outro favor lle fago; que vaia comprometer á nai que o pariu! Semellante paifoco é capaz de declarar ante o Xuíz se alguén me plantase unha querela! ¡Maldito paifoco! Temos que desfacernos desta proba acusatoria, inmediatamente!

-¡Xa; meténdoo no forno da cociña, antes hoxe que mañá!

-¡Frío, frío! ¿Non me tes falado dunha profesora túa, de canto, ou de música..., algo así, que sempre te tivo en moito aprecio? Daquela mete ese capón nunha bolsa grande, desas frigoríficas, e que llo vaia levar Aisa; nun taxi que sexa! E ti poslle, nunha tarxeta das nosas, das particulares: “Tan agradecida lle estou, que nin de casada a esquezo. Felices festas”.

A decisión tomouse, ipso facto, e pintoulle ben, non só á Profesora senón á Aisa, que recibiu propina dobre: unha, por leva-lo pito, e outra, de agradecemento da receptora, pero..., ¡cousas de Lugo, xenerosidades de Lugo, ecos, correspondencias de Lugo, pois ao día seguinte, á mañá seguinte, sen ninguén na casa, que Aisa ía na praza, alguén deixou un capón diante da porta dos Montesco-Capuleto! Aisa, ¡que outra cousa podía, ou debía facer!, pasou para dentro o agasallo: neveira e..., tarxeta! Aberto o sobre polos señores Montesco-Capuleto, outra mensaxe, pero esta vez dun devoto da señora: “Dona Xulieta, é pouca cousa para o que lle debemos, pero faríanos un honor se o goza tal e como vostede se merece”.

-¡Romeu, é a nosa bolsa, a mesma; a mesma na que llo levou Aisa á miña profesora! Se non fose porque o trouxeron con esta tarxeta, outra, distinta, doutra familia, teríamos que pensar que nos fora refusado..., aquel, o de marras!

-¿Refusado un capón...? ¡Iso fixémo-lo nós, tan só nós, e non precisamente por escrúpulos éticos senón por puro pragmatismo! Isto andou de man en man, pagando favores sucesivos; quizabes unha ducia, ata que deu con estes agradecidos, cos teus amigos!

-¿Que facemos, agora; mandámolo para Cáritas?

-¡Non muller, que se teñen algún compromiso…, igual volve a funcionar a ruleta, e témolo aquí por enésima vez! Chama a túa nai para que lle explique á Aisa a mellor forma de preparalo, que ela terá experiencia.

-¡E non vai ter, coa de capóns que lle teñen regalado a meu pai; ¡tantos anos de cacique do franquismo!
-.-

Naceu o Neno Xesús en Belén, pero en Verona, na Verona de Lugo…? ¡É sabido que as pílulas anticonceptivas non se levan ben cos Reis Magos! Capuletos e Montescos a velas vir; ollando para Xulieta, preguntando de cando en vez, e…, sen resposta satisfactoria! Para ver un neno tiñan que ir á Praza de España, nas tardes de sol, pero…, eran alleos! Dúas familias liñaxudas en perigo de extinción polo seu afán acumulativo: ¡herdeiro único con herdeira única, dobre herdanza! ¿Si; para quen? ¡A falta de herdeiros forzosos, Hacienda!

-¿Cando pensas ir ao Xinecólogo?

-¡Cando ti fagas as probas, ou é que non estamos a gananciais?

Nel, o medo a que o declarasen inútil, inútil para o servizo matrimonial; nela, aquel dobre xogo que lle complicaba a súa planificación familiar, aquelas comodidades tan apetecibles e tan apetecidas. A ver se na primavera, pois, daquela...; daquela o que non brota, rebrota…

No traballo era no único que ían a mellor: en parte, porque o bo exemplo dos mellores axuda a tirar do carro; e doutra, pola constatación de que os peores, tarde ou non, pero acababan esfarelados, desacreditados. ¡Tratándose dunha Xunta, o propio era sumar esforzos, mandase quen mandase, mandasen ben ou mal! Cambiando impresións sobre a súa adaptación respectiva, Romeu, que adoitaba dicir a primeira palabra, reservándose Xulieta, sempre, ou case sempre, o privilexio do ditame definitivo, ¡outra vez na Porta Falsa!, exclamou, como para si, pero oíuselle:

-¡O témpora, o mores!

-¿Onde tes o móbil, que non cho vexo? –Xulieta, irónica, que tamén sabía facelo.

-Aquí, no cinto…

-Daquela, ves falando só? ¿Algunha queixa?

-¡Si! ¡Que tempos, que costumes! Noutros, cos nosos estudios, antano estaríamos gañando preitos, e agora, ¡xa ves!, arranxando cousas, precisamente para que non haxa preitos, nin preitos nin reclamacións. ¡Estoume pasando ao bando do teu Xefe!

-¡Maldito xefe! ¡A ver se me poño a face-las prácticas, para colexiarme e todo iso!

-¿Pourquoi, mademoiselle?

-¿Por que vai ser? ¡Para preitear, con bufete aberto, que estou farta desta burrocracia, da do XXI!

-¿Burrocracia…?

-¡Si, iso dixen!

E non houbo máis discusión porque xa chegaran ao piso; ¡só por iso!
…

-¡Don Romeo, de parte de seu pai que o chame, que xa o fixo ao Multiusos, e sempre estaba comunicando!

-Gracias, Aisa!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES