Alfonso: Xermolo de Xermolos
Otero Canto, Xosé - sábado, 23 de febrero de 2019
Romance para Xermolos e para Alfonso Blanco Torrado.
Xermolar éche un verbo
e xermolo un substantivo
que agroma en Guitiriz
dun tubérculo amigo,
cuxo xerme é Afonso,
hoxe fillo adoptivo,
gromo, orixe e autor
deste abrocho colectivo.
Na década dos setenta,
eu fun testemuña, amigo,
fronte á Casa das Palabras,
que de Afonso é bautizo
e chamada a Habaneira
foi da F.P.acubillo,
cando xermola o nome
da semente do principio,
en que rebenta a xénese
e xermina no edificio.
Xermolar éche un verbo
e xermolo un substantivo
que agroma en Guitiriz
dun tubérculo amigo,
cuxo xerme é Afonso,
hoxe fillo adoptivo,
gromo, orixe e autor
deste abrocho colectivo.
Afonso, grela e estirpe,
Afonso, pai e amigo,
creador dun novo orbe
e hoxe recoñecido
como gromo desta rosa,
estigma, tamén pistilo
da Valuria á que engrandeces,
Chaira coa luz do teu brillo,
sementeira necesaria
pois na cultura es trigo,
na música es beleza
e un viveiro de agarimo
con légoas de sentimentos
sachadas de pantrigo,
deixas toda a contorna
sementada de bo millo.
Xermolar éche un verbo
e xermolo un substantivo
que agroma en Guitiriz
dun tubérculo amigo,
cuxo xerme é Afonso,
hoxe fillo adoptivo,
gromo, orixe e autor
deste abrocho colectivo.
(Poema lido polo autor en Guitiriz, o 19 de febreiro de 2018, no descubrimento do monumento a Xermolos/Alfonso Blanco, Alfonso Blanco/Xermolos, promovido polos feligreses das parroquias que Alfonso serve, e financiado polas Comunidades de Montes de Guitiriz).

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora