Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Inez Andrade Paes, revestida de auga poética

viernes, 22 de febrero de 2019
Esta poeta mozambicana-portuguesa, con varios libros de poesía publicados, non sucumbe en procurar esa harmonía intimista, tan presente e particularizada en varias das súas entregas que distinguen unha poética fluída e nada repregada en suntuosidades. Ao contrario, é a palabra a que exerce de vehículo no que interiorízase e exteriorízase, modelando esa avidez que Inez Andrade Paes confirma a incontinencia da edificación do ego que fornece as referencias de toda irmandade que a poesía define a consolidación dunha apertura que sae do mais íntimo da poeta que interioriza e exterioriza, reitero. Como dicía María Zambrano: “La poesía es un abrirse del ser hacia adentro y hacia afuera al mismo tiempo”. A palabra poética como realización, tantas veces captada desde o lado inocente, sen ver a necesidade de asumila e integrala en súa expresión interior e exterior da intimidade. A poesía non existiría se a palabra non estivese mobilizada para expresar as secuencias na sucesión dos tempos, dos atributos dos símbolos, da vitalidade intimista e da propia experiencia acumulada no intelecto e que este concede á palabra unha orde da cosmovisión que se exterioriza, manifestándose na poesía.

Digamos que a nosa autora, Inez Andrade Paes, no seu último poemario: “Sobre a Água Dento Dela Anda uma Ponte”, mobiliza a palabra, ela sabe que vai sustentar o corpus poético na forma e na dialéctica que o intelecto dita e selecciona aquilo que subtraeu das retinas, cando estas impactaron coa beleza e co resto do relato cósmico visual. A palabra que constrúe o gran monumento que é a poesía, non tería o mais mínimo interese se non transmitise ese conxunto de elementos que o poeta, como axente directo, normaliza e distingue os grados de potencialidade e visibilidade que conforma unha determinada obra poética. No caso deste libro, está presenta a revelación e, tamén, a prioridade de manifestar os conceptos expresivos que a propia autora modula e que vén a manifestar as reflexións dese ego intelectual que é capaz de exteriorizar a avaliación de cada unha desas precisións interiores.

Mais de sesenta poemas conforman este libro, todos eles sometidos a un estrito formato expresivo, fornecido por esa incontinencia metafórica, con significados transcendentes, onde a mobilidade da palabra, sobria e inocente, conforma a súa propia potestade, no seu adecuado ritmo, configurando unha orde lírica, en seus diferentes estados de asociacións de tempos, de espazos, de evocacións, de plenitudes, de fluídos e contencións. Saber construír un poema, como o fai Inez Andrade, é unha das maneiras de estar integrado entre a materia e o que entendemos por sublime, do que emana do espírito. Ademais neste libro aparece esa resistencia cantoral de evocar o que se perde. Diríamos, un cántico de ausencia, talvez o presaxio ao desamparo dese microcosmos nativo da súa Pemba natal. A auga que potencia este poemario rescata esa xeografía da cidade marítima de Pemba, e potencia a metafísica que restitúe vivencias da poeta, fusionando a intimidade desas paisaxes africanas e outras sobre abundancia que no interior do seu imaxinario conserva e por veces exterioriza. Aquí hai grandes logros na composición de versos saudosos, moi ben modulados e fornecidos. Inez Andrade Paes toma unha posición de non deixarse devorar polo esquecemento das cousas, doutra maneira, sería contribuír ao silencio. Mais ese irresistíbel impulso que a poeta nos dá, para acollernos ao esencial desas paisaxes primixenias, das que perdemos ou estamos ausentes delas, móstrase esa virtude activa de contactar, de conducir as vivencias a unha realidade tan persoal que só podemos entendela a través da capacidade e transmisión da linguaxe poética, como vehículo sensorial. Neste poemario están esas fecundas presencias do íntimo e do cotián, intercambiándose en fórmulas, valores e sentimentos que conflúen nestes poemas de: “Sobre a Água Dentro Dela Anda uma Ponte”.

Fragmento e transcribo un dos poemas acuáticos que nos leva a coñecer unha das expresións mais íntimas da itinerancia da auga que nos leva a peregrinar por eses caudais de plenitude, como expresan estes versos:

o mar está calmo
sem quase nada que surpreenda
a não ser a rastejante vaga que o anima
peço então à água
que ampare esse ser
para que descanse das batidas
violentas
que chegan em turbilhão
peço que se desnude ali antes
bem a meio palmo
e se quebre en duas
para que o sofrimento acabe.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania