Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Letras de Amor

miércoles, 20 de febrero de 2019
Foi San Valentín, día dos namorados, unha celebración que ten o seu xermolo nun feito acontecido hai case dous mil anos, cando o relixioso cristián deste nome decidiu contravir as ordes do emperador Claudio II (quen decretara que os mozos soldados non podían casar porque, ao estar libres de atumes sentimentais, desempeñarían mellor o seu cometido), dedicándose a unir en segredo parellas novas. A súa desobediencia custoulle que o decapitasen o 14 de febreiro do 270, de aí a súa canonización e tamén que dende mediados do XIX celebremos esta data como a propia do Día do Amor e a Amizade.

Nun día tan sinalado, ben está que lembremos algunhas das innúmeras obras que na literatura de todo tempo e lugar cantaron e contaron a Cupido ou a ausencia del, un dos Letras de Amorgrandes temas da escrita universal que encheu océanos de letras con historias sensuais, tráxicas, imposibles, de paixóns correspondidas, idealizadas, corteses e mesmo tiranas.

Evidentemente, nin todas as páxinas do Faro de hoxe abondarían para amentar sequera os miles de títulos que aquí poderían citarse, así que o lectorado saberá desculpar esta escolma que ten un moito de persoal.

Todas as literaturas do planeta teñen nos seus textos fundacionais obras nas que o amor é o protagonista. Na cultura occidental abondaría con pensar nos líricos gregos, mais, sobre todo, con figuras como as dos poetas latinos Catulo ou o incomparable Ovidio coa súa Arte de amar ou os Remedios do amor.

Mais outro tanto podería dicirse da literatura da India, cos célebres amores dos reis Nala e Damaiantí ou da princesa Savitrí e o monarca Satiaván, todos relatos do Mahabharata; da literatura árabe, cos versos de amor e erotismo gozosos dos Rubaiyat do admirado Omar Khayyam; da literatura chinesa, co Jin Ping Mei, considerada a primeira novela erótica da súa cultura, ou O soño da cámara vermella de Cao Xueqin, un dos cumes da literatura amorosa oriental.

Agora ben, na nosa contorna máis inmediata as grandes historias literarias de amor nacen no Medievo, onde a poesía amatoria se estendeu por todo Europa nas líricas primeiras en occitano (amparada polas cortes da Aquitania), alemán (velaí os minnesänger), castelán (así as serranillas do Marqués de Santillana e moita outra escrita posterior), italiano (dolce stil nuovo), catalán (pénsese no trobador Guillem de Bergedà) ou inglesa (poño por caso, en Chaucer ou Thomas Malory), entre outras.

Secasí, poida que moitas das persoas que len concorden en que o título a partir do cal se produciu un antes e un despois na memoria colectiva dos amores arrebatados é o Romeo e Xulieta de Shakespeare, a tráxica historia destes dous namorados veroneses, as forzas que o sangue e o destino confabulan na súa contra por medio dos Capuleto e os Montesco é xa inmortal.

Con todo, foi a partir da chegada do Romanticismo cando polo vello continente (e logo polos territorios aos que os europeos foran chegando) se estenderon obras imperecedoiras que son un monumento ao amor e o seu natural reverso, o desamor. Así, na literatura en lingua inglesa foronse sucedendo dende mediados do XIX Orgullo e prexuízo de Jane Austen, Jane Eyre de Charlotte Brontë, Cumios borrascosos de Emily Brontë ou A letra escarlata de Nathaniel Hawthorne, para chegar aos anos vinte do pasado século con A idade da inocencia de Edith Wharton, O gran Gatsby de F. Scott Fitzgerald ou O amante de Lady Chatterly de D. H. Lawrence.

Este dicir de Amor e o seu doce veleno tamén ten os seus clásicos na literatura francesa (como non lembrar A dama das camelias de A. Dumas fillo, Madame Bovary de Gustav Flaubert ou Cyrano de Bergerac de Edmond Rostand), rusa (inesquecible Anna Karénina de Leon Tolstoi ou Doutor Zhivago de Boris Pasternak), lusa (memorable O primo Basilio de Eça de Queirós ou, máis preto, Memorial do convento de Saramago), alemá (abonda con recordar As penas do mozo Werther de Goethe) e, tamén si, castelá (dende as decimonónicas Don Xoán Tenorio de José Zorrilla, A Rexenta de Clarín, Fortunata e Xacinta de Galdós ou as Rimas e lendas de Bécquer ata as Vodas de sangue de Lorca, os Vinte poemas de amor e unha canción desesperada de Neruda, O amor nos tempos do cólera de García Márquez ou as Últimas tardes con Teresa de Marsé).

E é que xa o deixou dito Shakespeare: se non lembras a máis liviá loucura na que Amor che fixo caer, daquela non amaches.

Amores galegos

A literatura galega é unha literatura amorosa dende a súa mesma nacenza. Velaí as cantigas de amigo e amor da literatura medieval, mais tamén a refundación amorosa do Rexurdimento con tantos poemas de Rosalía ou a historia da Virxe do Cristal de Curros, os truculentos quereres de Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares ou as tres novelas amoroso-históricas de Antonio López Ferreiro: A tecedeira de Bonaval, O castelo de Pambre ou O niño de pombas.

Esa nosa tradición estendeuse ao longo de todo o XX con voces maiores como as de Castelao (Os vellos non deben de namorarse) e chega aos nosos días en infinidade de poetas e narradores que, como diría Claudio Rodríguez Fer, cantan para nós os seus Poemas de amor sen morte.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES