Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfonso Blanco, na coherencia do esforzo e do traballo

martes, 19 de febrero de 2019
Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero e David Otero:

Mero.- Bo día. Camiñamos na luz da candeloria, no arrecendo xa das mimosas e na hora máis do San Brais; en nada estaremos da man da Rosalía no seu día vinte catro, na celebración que nos alenta. Pero hoxe en especial temos un día moi noso. Un día de confluencia, pleno de integración dos nosos desexos colocados nas mesmas nosas ilusións. Un día de irmos nos soños cos ollos abertos, espertos, atentos e contentos. Hoxe celebramos a Alfonso Blanco Torrado. Home de moitas empresas que cotizan á alza nos valores do máis íntimo, no aquén dos nosos sentimentos. Nesa tarefa das nosas ilusións. Alfonso, home de ir cara adiante, connosco e nós con el. Home que integra e que non dispersa. Que ve desde o corazón.

David.- Tes razón compañeiro. Velo aí ao Alfonso na merecencia inmensurable do noso recoñecelo. Velo aí dinámico e activado. A toda marcha. Na vida con tantas vidas. Sen soñar con lobos vexetarianos .Velo aí un espírito incómodo de valor innegable. Teimoso do ben. Buscando e promovendo a implicación de tantas e de tantos. Velo aí no traballo de base, producindo belezas e encantos. Actitudes sedimentadas. Sólidas. Velo aí nos soños e na realidade desde os alborexares dos días ata os seus solpores. Sen rutinas e sempre na intuición de mellores proxectos con traxectos de nobres posibilidades.

Mero.- Pois si, e por iso debemos estar contentos e tamén a ti esixirche contento e celebración. Por facernos revivir a memoria contra os intencionados esquecementos. Este é un acto agradecido. E estamos, agora mesmo, nese desexo de agradecer publicamente que sexas así, xustamente como es. Ben sabemos que para gañar presentes e futuros fanse necesarias complicidades, e ti telas na manda pura e natural das nosas fidelidades, tamén contan os reveses e as pedras do camiño e iso lévate a verdadeiras creacións heroicas, ...non saben que o teu traballo é vocacional e non milita nas relacións de submisión. Por iso Alfonso conta que, por veces e desgraciadamente, recorre ao amor e vai so, na solemnidade das soidades. Sabemos, son moitos os que se agachan, desaparecen oportunamente. Aparecen para saír na foto e publicitarse. De aí que moitas veces sexa boa aquela solemnidade das soidades, aquel silencio reflexivo.

David.-Nese facer e responsabilidade Alfonso buscou (e busca) a conexión coa mocidade. El sabe que aí está unha boa parte do futuro. E por iso motiva e provoca, move e conmove, chama, convoca. Dinamiza indo á par deles e delas. Indo no facer compartido e comprensivo. Indo pois na nosa Cultura e Lingua, militando na vida, na inclusión dos non incluídos, na creación de conciencia colectiva, recuperando e atopándonos coa realidade. Facendo na humildade e o orgullo por sermos deste Pobo do Galego, tratando de ver o froito na semente. E así tamén… no sentir da recondución das vidas e na visibilidade de novos horizontes. Na cohesión entre a xente do cerca e do arredor e así chegar ao lonxe necesario e obrigado para determinar identidade. Velaí esa obra nai, esa masa nai, que leveda e produce mornura de pan. Velaí Xermolos e a Irmandade Manuel María como baluartes de defensa de nós.

Mero.- Tes razón meu amigo. A Irmandade Manuel María e Xermolos. O miolo nutricio de tanto e tanto, de tanto aínda por facer que xa soñamos. Canto hai nesas asociacións, é obra de iniciativa persoal, cultural e chairega, de proxección de nós sobre da inactividade e dos silencios. Esa obra que perdura coa forza de tanta xente de marabillosa tripulación, que leva en proa ao Alfonso. Na fundamental coherencia do esforzo e do traballo. Sen postureos. Abrindo camiños, sen débedas, nin abaixamentos. Co orgullo de ser quen somos.

David.- Aínda que hoxe é día de facer festa. Día de celebración. Hai que dicir que a obra da Irmandade e de Xermolos, as súas propostas, non teñen moita atención espectacular. Poucas e poucos se ocupan do que fan e do que queren facer. Miran de lonxe e non montan no carro. Case que sempre as portas, para as axudas, están pechadas. Camiñan carentes dos pulos necesarios que se lle debesen facilitar nunha sociedade normalizada. Moi pouco se lle dá. E abofé direi… que sería de nós de non haber colectivos como Xermolos e a Irmandade. Que sería de nós…Non son poucas as institucións que debesen facer…, mais asubían e prefiren deixarse ir na indiferencia .

Mero.- Pero Alfonso non recuou. Nin recúa. Os da Irmandade e de Xermolos poden andar medio perdidos, despistados, mais nunca recúan e non o farán. Tiraron sempre para adiante. As cousas non se fan espontaneamente, veñen de atrás caviladas e maduradas. Non caen de ningunha parte. As cousas van como no pensar de Alexandre Bóveda “ agardando…si, pero andando”. Os golpes de efecto non valen de nada, son os golpes de afecto aqueles que fan ronsel. Por iso colleron polo andar da dignidade, coas soidades da alma, si; pero tirando do carro, daquel mesmo carro que renxe e nos dá contento para saír das señardades. Non paran nin pararán. Dan pasos firmes na dignificación do Noso. No revivir do rural. Daquilo que nos reconforta na autoestima e que serve de semente de porvir. Nesa responsabilidade compartida, onde a cousa non vai polo consumo e si polo cambio social inclusivo. O valor de uso e non do abuso, nin do cambio constante no excesivo consumo. A Cultura feita un terreo de batalla, na que vencerán e venceremos.

David.- Pero hai máis obra. Máis espazos de construír. De construír na riqueza das esperanzas. Máis onde manter o fío condutor do combate, xa que para obrar futuro, hai que aprender pasado e teñen claro a loita, pois certas resistencias son formas de renderse. E velaí a memoria nosa colectiva. Memoria na que aprendamos do pasado e entender o presente intuíndo o futuro en xustiza e dignidade. Esa paz. Memoria viva e activa. E aí está Alfonso. Nesa fraternidade compartida. Con honestidade, autenticidade e responsabilidade. Acentuando con firmeza a palabra Nós O Nós que non se debese render, que non se debese resignar. O Nós que mantén e que rescata. O Nós…sen esquecementos. E velaí por iso e niso… A Terra Cha, Xermolos, Irmandade Manuel María, Irmandade Avelino Pousa, Irimia. Pardiñas, Díaz Castro, Os guerrilleiros, os Da Lexía…

Mero.- Por iso Alfonso a túa referencia, a túa irmandade chea de humanismo, motivounos a recompoñer o noso orgullo. Interiorizamos que Galiza é a única Patria, porque a é. Que a loita indo contigo ha ser permanente, nesa aspiración comunal da liberdade, na busca da felicidade, aínda desde os soños comúns feitos desexos e postos na confianza da realidade. Por iso Alfonso…, co teu exemplo e coherencia, iremos xuntos nos acordos e nas protestas, nas rebeldías. Sabemos que paga a pena seguirmos nelas. Sabemos que paga a pena non cumprir como entregados aos mandados daqueles que se arrogan ser donos de nós e do noso. Eses aos que tanto medo lles mete a nosa liberdade.

David.- Tes razón compañeiro. Por iso Alfonso nos coloca na xenerosidade, na fidelidade, na complicidade. Axúdanos a coller rumbo aos corazóns. E nós con el queremos ser unha voz perceptible e afirmámonos na súa sensibilidade. Nós seguimos moi cerca dos outros que se empeñan en perder. Con el recuperar e crear van de ganchete. Velaí o seu sentido histórico. Velaí os seus soños hoxe postos de ben campar. E polo mesmo nos ventos a pasos de hectómetros xigantes, Alfonso pasea ao compás do Madalena no máis lucido dos seus desexos. Ilusionado. Elabora a man as esperanzas E leva tanto que contar con moita luz intensa. Por iso Alfonso…alegrámonos moito de ir contigo. Os teus soños como os nosos…non están en rebaixas. Os ideais non son slogans repetidos. Ben sabemos amigo Alfonso… que os teus soños non están rifados coas túas responsabilidades. Ti sempre estás á altura.

POEMA COMPARTIDO:

Mero.- Es voz rebelde e valente
que con-leva así belezas
a cantares de denuncias.

David.- Es re-frescura de alma
e de memoria
Valor natural en cada palabra

Mero.- E hoxe nos nosos corazóns
cos latexares do Madalena…
escribimos o teu nome

David.- Escribimos o teu nome
coas grafías primorosas…
dos enormes afectos.

(Leído por Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero e David Otero, en Vilalba, o 9 de febreiro de 2018, na homenaxe a Alfonso Blanco Torrado ao serlle dedicado o 13º Hectómetro Literario do Paseo dos Soños vilalbés)
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES