Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Abandono e despoboamento do rural

viernes, 15 de febrero de 2019
A preocupación polo estado de abandono en que foi quedando, desde hai algunhas décadas, o rural, acusado principalmente nos núcleos antigos de poboación, as aldeas, xerou certos tópicos, que, por ser tales, non deixan de reflectir, aínda que sexa parcialmente, a realidade. E este cambio social é de tal magnitude que non só afectou aos habitantes do ámbito rural, senón tamén aos de fora, á poboación urbana, aínda que desde puntos de vista distintos: Os integrantes da sociedade rural, evidenciando as dificultades de vivir no campo, nalgúns núcleos rurais; por outra parte, valorando a vida rural, cansados dos problemas que emerxen nas cidades, especialmente os que levan anos fuxidos das aldeas e asentáronse na cidade.

En todo caso, é indiscutible que estamos na presenza, cando menos con referencia a España, dun fenómeno social moi complexo. Creo que non cabe dubidalo. Os estudosos que se dedicaron e dedican a investigar as causas fálannos da converxencia de varios factores causais, que impiden a simplificación do problema. Trataremos de ofrecerlles algunhas indicacións, e comezamos, se cabe, polo máis sinxelo, e non por iso de escasa importancia. Estamos a referirnos á distinción, aquí, dos dous termos substanciais do título deste artigo: ABANDONO e DESPOBOAMENTO.

Vénse falando do despoboamento como un abandono, e, sen embargo, un e outro, esixen políticas rurais ben diferenciadas. Os estímulos aos nacementos son un bo exemplo; pero aquí, ademais, é necesario combinar factores educativos, económicos, éticos, infraestruturais, resolución de problemas derivados da biodiversidade, etc., é dicir, trátase dunha cuestión de tal envergadura que é da competencia do Estado a procura das pertinentes solucións, aínda que debe recoñecerse que o declive demográfico vai ser de moi difícil solución política, que seguramente o mellor que pode facerse polos gobernos é evitar que a calidade de vida das persoas que elixan vivir na aldea non se deteriore, por desacertos nas regulacións das distintas administracións.

Todos podemos dar testemuño de que hai comarcas con declive demográfico, e incluso abandono da poboación, que están moi ben atendidas, con pobos limpos e fincas ben coidadas, e incluso por familias que están na cidade desde fai bastantes anos e, non obstante, preocúpanse de visitalas os fins de semana, pasando as vacacións nelas.

Non pode negarse que os servizos indispensables, sanidade e educación, experimentaron en España un gran progreso e son motivo de tranquilidade no rural. Certo que sempre desexamos máis e que existen diferenzas cos núcleos de poboación grandes. E isto é relevante, porque sen estas melloras non se pode ofrecer postos de traballo, hoxe en día, a ningunha persoa, e pérdese a oportunidade de facer ofertas incluso, ás veces, ós rapaces e ás rapazas que os desexan no rural, e os polígonos industriais vénse baleiros das actividades empresariais innovadoras e as leiras de explotacións adecuadas a estes tempos.

Creo que é conveniente, por outra parte, evitar dar solución aos problemas do rural a base de proliferar a creación de parques temáticos, en mans de funcionarios, coa pretensión de salvar a función social dos valores das realidades propias deste ámbito, porque córrese o risco de desnaturalizar as características da auténtica realidade do mesmo, incluso pola inclusión dunha certa artificialidade propia da clase de operacións de museoloxía.

Ademais, é evidente que así acabaría perdéndose o que os investigadores ingleses K. Hoggart e H. Buller, chamaron “idilio rural”, apelando ao que se pode gozar no medio rural: sosego, paisaxe, faladoiros veciñais , autenticidade, reducida contaminación, etc., que contrastan coa vida axitada das cidades, e un indiscutible sentimento de liberdade, polas innecesarias regulacións e sobresaltos rueiros.

Algúns intelectuais dedicados a o estudo deste medio abordan importantes cuestións relacionadas coa temática, como é o caso de D. Fernando Molinero, da Universidade de Valladolid, quen publicou un traballo titulado “La España profunda” (http://www.es/upa/fundación-estudios-rurales), no que figuran divididos os espazos rurais españois en catro categorías, en función do despoboamento, e afirma que as dúas primeiras (“rural profundo”, con 5 habitantes por Km2, e “rural estancado”, entre 5 e 15 habitantes por Km2) agrupan a maior parte do territorio español, con municipios regresivos, debido a un fenómeno demográfico que todos coñecemos: Ter poboacións envellecidas e en regresión. E avoga pola concentración municipal, ou por buscar sinerxías diversas a escala comarcal para compartir servizos e equipamentos, algo que non parece nada estraño en Galicia.

Pero da importancia deste considerable cambio social fixéronse cargo
intelectuais de diferente formación, e os seus estudos e as análises das realidades implicadas responde a distintas perspectivas dentro dun ámbito complexo. Permítanme, a modo de exemplo, que lles faga unha breve referencia a un excelente traballo dos Drs. Tatay e Muñoz, publicado na revista dixital “Fronterasctr”, no que perseguen documentar a conservación e correlación xeográfica entre as reservas naturais e o que eles denominan Lugares Naturais Sagrados, explorando “como as devocións relixiosas posibilitaron a conservación do territorio en España.”

Pero hai precedentes relixiosos, e senón recordemos a Fray Antonio de Guevara, que foi bispo de Mondoñedo, e viviu entre 1.480? e 1.545. En 1.539 publica “Menosprecio de corte y alabanza de aldea”, na que nos presenta unha visión realista da vida da aldea, nada bucólica. Escribe: “O, bendita tu, aldea, a do comen al fuego si es invierno; en el portal si es verano, en la huerta si ay convidados, so parral si hace calor(…)”.

Constataron “420 títulos marianos que se refiren directamente a especies vexetais, confirmando que moitos dos lugares sagrados marianos non urbanos están situados en espazos naturais moi ben conservados(…).” (miña a tradución ao galego). Non os sorprendeu, porque o mesmo Robert Harrison afirma que, dentro da imaxinación cultural occidental, as árbores e os bosques “seguen sendo o correlato da transcendencia humana”. Un recordo tamén para a Galicia celta.

Entre as súas conclusións destaca, na miña modesta opinión, que hai que recoñecer a importancia de establecer alianzas entre todos os actores sociais, porque os sistema sociolóxicos son complexos; que as políticas non deben basearse exclusivamente na lexislación (ignorando a realidade, digo eu); que propoñer novas formas de vida sostible é unha cuestión clave “para o éxito da conservación e supervivencia da civilización no seu conxunto”; etc.

Recoñecendo que esta temática esixe a colaboración de intelectuais de distintas formacións, como sociólogos, economistas, psicólogos, xeógrafos, etc., é dicir, se require unha visión “multidisciplinar”, antes de terminar, seguramente non estea de máis lembrar que os humanos, a diferenza dos animais, vivimos nun mundo de realidades, rico na oferta de ideas e valores, o que nos permite seleccionar e optar por situacións que respondan ás nosas esixencias racionais e preferencias sentimentais. Xustamente por isto temos unha maior capacidade de adaptación, que nos leva a desprazarnos, mentres que o animal, que vive nun mundo de meros estímulos, posúe máis limitacións, posto que, aínda que emigre a grandes distancias, sempre o fai instintivamente conducido, e, incluso, polo que respecta a poboación, á que os humanos podemos controlala . Pero tamén é certo que estamos moito máis expostos ós erros: Temos que resolver problemas, mentres os animais contan coas respostas ós estímulos bioloxicamente conformadas, e aquí está a orixe da complexidade deste fenómeno social.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES