Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O país dos paquidermos

viernes, 15 de febrero de 2019
Non se sabe moi ben quen pagará a desfeita cultural do país. O deterioro é palpable desde que recortamos cartos públicos en cultura. Nos anos máis luminosos da democracia, ata o 80% da oferta cultural era pública. Se alguén pensa que iso era insostible, a ignorancia é infinitamente máis cara. Abonda con asomar ás ventás dos espazos públicos para se decatar de que estamos nun país de paquidermos. Un país coa pel tan grosa que ás veces resulta difícil percibir un chisquiño de sensibilidade, sentido cívico, respeto ao outro e á casa común da natureza. Un país, estámolo a ver, que barrita con entusiasmo mesmo en escenarios concibidos para a educación do pobo, parlamentos por exemplo, ou os espazos televisivos de intercambio de opinións. Pero, ai, a loita polo poder ou as audiencias, obriga a comportarse cun ruído excesivo.

En poucas décadas o país multiplicou a riqueza. Tamén a educación. Lonxe de catastrofismos, o ensino público é ben valorado. Como aprezadas son as universidades públicas nos ránkings internacionais. Pero canto nos falta e canto estamos a perder! Como nota o país a falta de civismo, a carencia de sensibilidade! Tarda séculos unha cidade en construírse pero pode derrubarse en poucos días... décadas costou levantar o edificio cultural do país, poucos anos costará derrubalo.

Nada como saír fóra de España uns poucos días nalgún país que apostou pola educación para a cidadanía para ver o que nos falta: o respecto ao outro, o respecto a natureza, o respecto a cidade. Ao volver topas con sinais da peor identidade: suciedade, ruído, pintadas, berros, barra libre de alcohol nas noites de viño e rosas. É urxente recuperar a cortesía, a boa educación, tan baratos, imprescindibles para unha convivencia civilizada.

Non somos tan diferentes dos países cun alto grado de civismo, pero saltamos dunha etapa autoritaria a outra na que somos o embigo do mundo. Observámolo nas casas, nas escolas, nos centros de saúde: xente coa mochila cargada de dereitos, baldeira de deberes. Velaí o mellor caldo de cultivo para crear un país fusco, acedo, antipático, invivible. Un país de paquidermos acostumados a vivir nun ecosistema de ruído, suciedade, agresións ecolóxicas, mala educación, matonismo dos peores.

Por iso chama tanto a atención que en países veciños a xente non berre nos espazos públicos, nas cafeterías, non emporcalle parques e rúas, non abuse da bucina do coche a calquera hora e en calquera lugar, non ensucie co lixo dos berros, insultos e agresividade escenarios de convivencia, aqueles teatros que deberan sementar pedagoxía como os platós televisivos, os escanos dos parlamentos, os salóns das cidades, esas prazas e rúas onde barritan, con infinito entusiasmo, os paquidermos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES