Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Licenciado en Feiras e Feiróns

viernes, 07 de diciembre de 2007
Feirón, aínda que non o pareza, é menos ca feira. Feira en Vilalba é o primeiro domingo do mes que non cadre en día un para non coincidir coa das Pontes. É feirón o martes que non baixe do 15 nin suba do 22. E martes e venres, mercado, agás o día do feirón.

Todo o pobo vivía a feira. Na praza da igrexa, a verdura. Na das mulleres, ovos e pitos. Máis abaixo, a praza do froito. No Campo da feira, o gando. E enchendo os baleiros, ducias de postos.

Lembro a Antimo Martín co pemento á beira da Pravia, sinto o cheiro que desprendían os xurelos ó ser fritidos baixo as cubertas de lona.

Desde o mundo do xurelo ata o cumio da praza, onde estaba o grupo escolar, árbores grosos que logo foron substituídos por outros pequeniños protexidos por madeiros. E arredor das árbores, ranchos pequenos en gaiolas, ranchos grandes atados polo que logo será a punta do xamón, vacas con becerros, becerros sen vacas, e a arte do regateo elevada a potencia tan alta que ningún tratado de economía poderá nunca describila.

Os meus cinco sentidos percibían a maxia da feira a través dos poros, polo olfato, pola minorada vista, polo tacto... e eu era feirante por un día, aprendendo do contorno imposible de describir, imposible de repetir.

Unha vez fun coa miña nai á feira vender unha porca. Un tratante poñíalle como pega que non estaba preñada. Outro, que non estaba capada. Na miña inocencia, eu trataba de ensinarlle á miña nai como se vendía unha porca, asegurándolle ó comprador que non só estaba capada senón tamén preñada.

Pero todo iso era o EXB no mundo das feiras. A Universidade era outra cousa. Eu fun á universidade vilalbesa das feiras no momento en que entrei a traballar na tenda de José Pampillo, O Enano, paquetería aberta na parte alta da Porta de Cima.

Alí cursei impagables disciplinas que logo me foron moi útiles, empezando polo trato cos clientes, paisanos do rural, mestres no regateo, señores do humor intelixente, donos do tempo e da cachaza, que viñan mercar e falar, e tiñan co meu xefe unha amizade de longos anos e longas conversas.

A mercancía máis cotizada, as madeixas de algodón para as tecelás, entre as que a soberana era Basilisa de Bordelle, nome que hoxe soa mítico, medio século máis tarde.

Licencieme nesta peculiar e extraordinaria universidade cando vin para Lugo, no sesenta e catro, precisamente no momento en que O Enano pensaba facerme socio do negocio. Non puido ser. Eu tiña outro camiño. O das feiras quedou no meu mundo da primeira mocidade e das lembranzas. Isto de agora é –suponse- moito máis serio. Ou sexa: moito menos divertido.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES