Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (3)

martes, 12 de febrero de 2019
.../...

-¿Que; quen estaba conquistando a quen, nese portelo? ¡Está visto que, o que non o fai de solteiro, de casado lévao atrasado!

Bailando na punta dun fuso (3)-¡Xulieta déixate de indirectas, por máis que en Lugo esteamos na terra delas! ¡Ai, muller, cando será o día que saiamos do traballo en paz e en graza de Deus? ¿Non tes tarefa suficiente? ¡Daquela hei pedir que te trasladen ao meu despacho, pois teño para tres, e só somos dous!

-¡Xa o vin, xa; quince minutos esperándote diante dunha ventá pechada…, e por máis que mirei non din cun letreiro que puxese: Volva mañá, pois a estas horas a miña Auxiliar e mais eu estamos pelando a pava, na cafetería da planta baixa!

-¿Así que era iso? Ben te vin na cafetería, e tan mal educada fuches, ¡es!, que nin ao teu marido te achegaches. ¿Que dirá de ti Adela…; unha recén casada que nin se achega ao marido para compartir un café!

-O teu café xa o tiñas compartido…; pero a todo isto a miña pregunta segue en pé: ¿cal era o conquistador, e cal o conquistado; ou estabades ao pair? ¡O que é por sorrisos, xa vin que a competición era máxima!

-¡Que pouco te pareces á Xulieta shakesperiana! ¡Canto máis me coñeces, canto máis fiel che son, polas trazas máis arrefría o teu amor! Adela estábame contando as cabazas que se viu obrigada a darlle ao seu rapaz…, en vista de que non é capaz de sacar unha triste oposición…, porque colleu o hábito de presentarse pola cara, sen molestarse en preparalas! ¡Ela, miña pobre, para non chorar en público deulle un ataque de histeria, ou como se chame iso, e rompeu a rir! Simplemente, os nervios, coa rabia de que perdeu, con el, agardando por el, non sei cantos anos da súa xuventude… ¡Diso ía o seu desafogue, cousa que me honra, confianza que me honra, xa que ve en min un conselleiro para as súas cuítas!

-¡Xa! Ela, histérica, e ti de consolador, ríndolle as desgrazas; ¡pois que merque un dos outros, que seica os hai á venta!

-Xulieta, a modo: pase o de celosa, unha celosa sen fundamento, pero esta desconsideración, túa, ante o drama dunha colega…; francamente, non che senta ben! En canto ao de rirme, eu simplemente quixen desdramatizar, infundirlle azos para animala a que botase aquela experiencia en saco roto, que bos opositores aquí en Lugo, neste país dos desertores do arado, son tódolos rapaces, o resto deles. ¿Entendes, ou non queres entender?

-Sendo así, ¿por que non lle contou esas penas ao seu confesor, tantos que hai na catedral, todos ou case todos en paro, que ninguén se lles achega?

-¡Outra…, e van cen! Pero, muller, parece mentira que o sexas: nin os curas entenden de frustracións amorosas, nin unha muller é boa conselleira das outras, por amigas que sexan! Igual que aos homes nos compracería confesarnos coas monxas, as mulleres desafogan mellor con quen saben que é neutral, que non é competidor. Se non me tivese por formal, e por competente, libraríaa Deus de ter comigo semellantes confidencias. E logo que para xulgar hai que indagar, indagar previamente; hai que coñecer, como ti deberas saber, e por tanto, exercitar o Corpus delicti, o corpo do delito, a orixe do drama. Eu víraa nerviosa, pouco concentrada no seu traballo, e antes de roñar quixen saber…; ¡iso, confesala! Sonsaquei, se cadra demasiado, e ela, ¡miña pobre!, rompeu a chorar, así que optei por medicala…, con un coñac, na cafetería, para temperar gaitas, para que se entoase! A medicina fixo efecto, proba de que non son mal psicólogo, e non coma algunhas que eu sei, incapaces de profundar na alma do cliente… ¡Que digo do cliente…; nin na do propio marido, recén casado por máis referentes! Pero, outrosí digo, que decipimus specie recie, que dixo Horacio; o que tamén che pasa a ti é que te engana a aparencia do ben!

Xulieta deu dez pasos antes de contestar, reflexionando; despois diso, colleu do brazo ao seu Romeu:

-Por esa vez perdóoche, pero a conditio, a conditio sine qua non de que no sucesivo, resolto ese problema persoal da túa Auxiliar, e máxime agora que está dispoñible, o café…, o café ou a coñac, ídeo tomar por separado, que se volvo a ver deserta a ventá da vosa Sección, xúroche que entro no despacho do teu Xefe, e doulle as queixas, que xa non estamos nos tempos de Larra, e non consinto que no meu Lugo, xente que de tan lonxe vén a consultarse, a tramitar catro cadelas dunha subvención, se teña que volver de baleiro ás súas aldeíñas, e máxime con esa miseria de estradas da nosa Deputación…, que ata nos quitan a reputación turística!

Romeu, sen reparar en que xa estaban na rúa San Marcos, ateigada de xente a tal hora, parouse, colleuna do talle, e deulle un bicazo de regulamento, que é o mellor dos regulamentos para aplicar a lei da vantaxe, iso de que gana os preitos matrimoniais aquel que bica primeiro.

Na Coruña, Semana Grande. Chámanlle así a unha das de Agosto, especialmente dedicada aos turistas, por máis que a deles, a caseira, teña 365 días, ¡que xa é grandeza! Lugo é máis humilde, que só lles dedica un domingo ás Mozas, e para iso, en outubro, co traballo feito. Polo que respecta ao Multiusos, ao igual que no resto de España, queda vixente un só uso: ¡Atenderlles aos incendios! O resto do persoal, que merecido o teñen, a descansar, sexa na praia ou na montaña! ¡Que traballen os gardas, que para iso son moitos, e para iso lles pagan…, pouco, para que non se dean a vicio, providencial que é a súa Patria!

Os patrucios, Capuletos e Montescos, ao Cantábrico, que é a praia de diario; pasado o verán, buscarán relevo: Canarias, Mallorca…, e de cando en vez, Miami, que é onde mellor se está co outono comezado! Aínda que seguen afiliados, e por tanto, rivais, en bañador non hai siglas, non hai populares nin obreiros, e menos aínda cos fillos mesturados. ¡Foi un bo ano; de momento, sen divorcio á vista! Pero os rapaces optaron pola Coruña…, que alí non son forasteiros! Co Jaguar a punto, suavizadas as bielas, autopista! Iso si, lentamente, pois Tráfico sanciona a pouco que se pasen dos cento vinte. Catro prazas, catro Letrados en dúas parellas, que iso é un Multiusos, mini, pero, multiusos! De praia, Riazor; de hotel, Riazor; de fútbol, Riazor. Os mariscos, tratándose da Coruña, bos vivants todos eles, en cada esquina o mellor. Fin de semana: Á chegada, garaxe e maletas ao Riazor; despois, en bañador, o chapuzón da mañá; viños nos Viños para abri-lo apetito, pois sen el a lagosta entra mal. Outra volta ao Riazor, para durmi-la sexta, que boa falta lles fai. Seguidamente, división de opinións: as mozas á praia, ao sol da tarde, que para as tetas é o mellor, o máis suave; e os mozos, ámbolos dous, asubiarlle ao Atlético, para que o estranxeiro non abuse do menor, non abuse do neno de Riazor. ¡Non hai nada como non ter nenos, ¡aínda!, para vivir do mellor! Ao día seguinte, mal durmidos pero gozosos, un breakfast estilo Riazor, e a nadar, a nadar entre dúas augas, que é o propio dos avogados deste país! Sen dúbidas: de Lugo á Coruña, e da Coruña ao Ceo; parodiando aos cataláns: Coruña de seu é boa, e se a bolsa soa, aínda mellora!

¿Os de Foz, os do Cantábrico, que? ¿Xa non hai, xa non quedan, Catarinas en Foz? A satisfacción de te-los fillos casados, casados e xa emancipados…, ¡por agora!, con dote en man, a por outros, outra lúa de mel, e sen perigo de inzar! Tampouco en Foz se come mal, e logo que a concorrencia é distinguida: hai moito con quen falar, e por tanto, moito de que falar! Entre chiste e chisme, algún que outro negociete, presentacións, peticións, proxectos para a rentrée, para cando volvan a Lugo, para cando oficien as ventás oficinescas… Antes muxíase a Teixa á man, nas aldeíñas; mais agora que os gandeiros dispoñen de “ordeñadoras”, a mellor muxida está nas subvencións, nas sociedades instrumentais, naquel do ut des dos romanos…; ¿ou é que Lugo, e con Lugo España, deixou de ser romano? ¡Atención bombeiros, pois, de cando en vez…, arde Lucus!

O malo dos vellos é que a reuma, a reuma dos anos, agravada polas humidades destas latitudes, impídelles dar patadas ao balón, por moi de imaxinación que sexa, ou se teña! O de nadar, peor aínda, pois teñen os brazos entumecidos de tanto levantalos para entoar, na súa mocidade, aquel Arriba España. ¡E levantárona, vaia se a levantaron, que non hai máis que ver os ceros das súas contas bancarias! Casaron os fillos, e aínda lles sobraron uns cantos millóns…; hoxe, para o veraneo, e pasado mañá, para o xubíleo! Fixeron ben, que ben apresa tiñan a lección, aquel consello de seus avós, experimentados eles: O que chega tarde, nin oe Misa nin come carne!

Pero volvamos á Coruña, que alí non se falou de política…, de momento!

-¿Que tal te va con el tuyo? –Preguntoulle Xulieta á súa amiga e compañeira, Sandra, máis nova cá ela, e por tanto, co nome actualizado. Levábanse un ano, pero Sandra, no Bacharelato, dun ano fixera dous, así que ben merecía o compañeirismo de Xulieta, por máis que de clase media fose. ¡Só media! En castelán, por suposto, ¿ou é que non estaban na Coruña, nesa Corunna de La Coruña?

-A lo de hoy, bien, pero estoy empezando a pensar en el futuro, pues estará derreado diez años antes que yo misma…; ¡Me lleva diez años!

-Mujer, tranquila, pues, de seguir esta moda de los divorcios…, para entonces tendrás a lot of de divorciados, la mayoría jovencitos; quiere decirse, con poco uso, con poco desgaste!

Sandra criárase en Liverpool, sendo seu pai un cabo da Royal Navy, casado coa “nurse” dos fillos do Capitán, tan galega, como que era da Fonsagrada! Xulieta, de inglés, pouco, pero gustaba de darlle a entender á súa amiga que si, aínda que o seu fose, a little!

Nisto volveron os seus cónxuxes, refregándose as mans polo resultado futboleiro: ¡Dos, uno! Así que, elas, tiveron que cambiar de conversa. O resto, a parola subseguinte, a catro voces si, pero xa decaeu. ¡Non merece gravala!
-.-


Bailando na punta dun fuso (3)Xa tiveran varias, pero a mediados de Agosto aumentáronlles as invitacións das festas parroquiais. Nesta Galicia bendita todo é parroquia, e por consecuencia, parroquianos! ¡Para os importantes, ou parentes, ou Alcaldes! O desequilibrio estaba en que Xulieta, a grácil Xulieta, bailaba os sete bailares, pero o seu Romeu, ao fin e ao cabo un Montesco, era máis torpe que un cabalo percherón. E logo estaba que a xente comezaba a coñecelos…, e facíase deles unha imaxe vulgar, de parella desequilibrada, algo nefasto para dous políticos en cernes, descoidados da súa imaxe, chamados á sucesión familiar, calquera que fosen as quendas gobernativas.

-¡Déchesme unha pisada!

-¡Muller, e quen non, con este torreiro de terra…! Terei que dicírllelo aos da Deputación…

-Empeza polo Alcalde, que xa sabes que é amigo de meu pai, e non lle vai gustar que o fagamos de menos!

-¡Pobre Alcalde, nun concello de mil almas, que vai a menos!

-Polo que eu vin nesta contorna, aquí só van a máis os eucaliptais. ¡Pero é lóxico; co pequena que é Australia, e tanto papel que imprimimos…!

-¡Claro, claro; para nós, e tamén para eses socios da Comunidade, tan torpes eles que nin saben eucaliptarse!

-Tamén son bos os bafos, que mos ten preparado miña nai…

-¡Si, claro; as nais, o cume da Creación, pero ti, na túa humildade, sen aspiracións! –Pinchou Romeu.

-¡Espera ao inverno, que daquela as noites son longas!

Non só Romeu estaba impaciente, senón, e tamén, as dúas nais, nai e sogra, así que…, O que espera, desespera!

Fose pola pisada, fose por aquela censura inoportuna, ou acaso pola cena pantagruélica, aínda que normal nesta Galicia farturenta, Xulieta durmiu mal, que algunha vez lle tiña que tocar a ela! A cama era boa, e de habitación, aqueles amigos, xa máis amigos que parentes, deixáranlles a mellor da Casa Grande. O que non lle dixeran a Xulieta, nin o descubriu Romeu, foi que os anfitrións, por culpa de tanto presumir de amizades, tiveron que durmir…, no hórreo da eira! Xulieta, mentres agardaba polo sono, cavilou e cavilou:

-Este tío é medio policía, ou sería un mal Letrado, así que, astucia ao canto! ¿Onde terei que esconder as pílulas, as previas, estas de darlle largas ao embarazo? ¡Dous aniños de liberdade víñanme ben, que aínda son nova, e logo que me asusta ese oficio de nai! Todo require un adestramento, así que irei pouco a pouco, pois abondo esforzo fixen con iso de estudiar! ¿De que me vale ser filla de ricos se non teño ocasión de gozar da súa riqueza? En todo caso terei que consultarllo ao Párroco, pero é que os curas están emperrados niso de, “creced y multiplicaos! Demasiados oficios: Esposa e funcionaria…; ¡demasiada función, que agora me explico iso de que na política abunden as solteironas! Os machos chámannos “marimachos”, pero eu quixera saber a súa opinión se, ademais de facelos, tivesen que parilos, parilos e crialos!

Por fin veulle o descanso, e do sono non hai forma de saber cal foi o seu consello, o definitivo, ¡nin exercitando a telepatía!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES