Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os recursos vitais dos castiñeiros e das castañas

martes, 12 de febrero de 2019
Falar dunha das árbores principais de Galiza como é o castiñeiro e da súa produción, a castaña, son palabras maiores para condensar todo o que representa na sociedade Os recursos vitais dos castiñeiros e das castañasgalega a singularidade do seu aproveitamento alimenticio, nesa conformación tan especial que representa na nosa paisaxe e no aproveitamento da madeira: dadora de tantas cousas e artificios tan presentes na boa e decente feitura da casa. En toda ela exhibe a súa presenza en variadas formas, funcionalidades e comodidades. Nesta cuestión non continúo a falar desta estimada árbore, non son a persoa apropiada para continuar o guión persoal. Pero hai no noso país persoas autorizadas no dicir da investigación científica sobre a nosa árbore autóctona, como é Héitor Picallo Fuentes, autor do libro: “No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos”. Edicións Fervenza (outubro 2018). Un verdadeiro aporte para coñecer a poderosa presenza na dieta alimenticia do noso rural e, tamén, nas mesas aristocráticas e conventuais. Un libro moi autorizado que vén a restituír do esquecemento ao que está sometido o castiñeiro. Nestes tempos de cambios alimenticios que devoran a coexistencia dun ben produtivo como é a castaña, Héitor Picallo pon ao lector en tódolos abrentes dese reparto que el contextualiza en seis grandes apartados. O primeiro deles abastécenos sobre o espazo natural ou de adaptación en que se criou e preservou o castiñeiro, e as fontes de riqueza na lexislatura feudal do medievo. Todo un portento documental sobre a posesión produtiva, proteccións exclusivas e súas modalidades de prestimonios, foros, arrendamentos, vendas, permutas, preitos, diversos agasallos de propiedade etc., constitúen a fase histórica política sobre os estamentos de poder con relación a certos conceptos e regulamentos relacionados cos castiñeiros. Neste primeiro apartado non é fácil reconstruír toda unha documentación partindo do século X até a actualidade, aquí vemos a pericia dun interesante investigador, como é Picallo, repregado en escudriñar unha intensa documentación, tantas veces incómoda ou desvantaxosa, que el puido reanimar superando imprevistos, que nestas traballos acontecen. Mais a longa bibliografía que nos presenta sobre esta materia é un excelente indicativo que este libro non foi composto con apuros e con improvisacións. O seu autor é moi consciente de que estes temas hai que tecelos con suprema autoridade, concentración e desafío.

No segundo apartado, destaca o titular: “Os castiñeiros e a importancia do inculto”, na Os recursos vitais dos castiñeiros e das castañasque interveñen nunha serie de modalidades de cultivo do castiñeiro en espazos e deseños de soutos diferenciados por diversos espazos de cultivo de montaña e de ribeira. Como podemos ver no organigrama xeográfico das montañas e veigas do Courel e dos Ancares e, tamén, na Ribeira Sacra, como centros importantes da produción da castaña en Galiza. O noso autor apórtanos varios conceptos de soporte e coidado dos castiñeiros, toda unha aprendizaxe que procede desa cultura agrícola dos monxes bieitos e bernardos, entre outros, máximos coidadores e propietarios deses longos e robustos soutos onde a economía da castaña estaba baixo o seu dominio, maioritariamente. A castaña foi o alimento de centos de xeracións de Galiza, unha produción básica, xunto co centeo e o viño, que a súa produción era fervorosamente apreciada e apetecida como xeneroso maná caído do ceo.

No apartado terceiro, Héitor Picallo entra nos pormenores do castiñeiro como materia prima e aproveitamento do seu froito e fundamento de variadas condimentacións e confeitos. A súa madeira, tan presente na construción de casas e móbeis e outros artellos funcionais, ten neste apartado gratas referencias da utilidade da nosa esgrevia árbore. A súa folla non deixa de ser moi apreciada na fertilización de morteiros e videiras. Ademais do tema xenérico deste apartado, engade mais de dez ámbitos, con meticuloso coeficiente sobre a presenza do castiñeiro como axente eficaz en todas as entornas da vida labrega. Velaquí onde este profundo estudo toma un estado álxido e atractivo de acadar elementos moi distinguidos sobre a castaña na nosa cultura, na nosa etnoloxía e que ben a definir elementos antropolóxicos da conduta dos nosos labregos que cultivaron castiñeiros e seu produto. O perfil que nos desdobra Héitor Picallo neste apartado é moi concreto na reconstrución dunha variedade de arquetipos que magnifican a nosa idiosincrasia. Por tanto, sen os castiñeiros seríamos mais pobres e mais orfos. Sen eles non teríamos un modelo relacionado cos formatos e proxectos arquitectónicos, artesanía e a singularidade que os carpinteiros deron forma galega á materia dos nosos castiñeiros en todo tipo de construción e decoro.

No apartado cuarto, hai unha distinción exclusiva á castaña, onde se dimensiona esa abundante verificación de extractos, onde acastaña foi a soberana da vida social e protagonista de transaccións e monopolio económico e opulencia de mosteiros e pazos. Picallo móstranos un amplo proceso sobre os coidados e as transformacións da castaña, que vai desde o vareado até a condimentación deste produto. Unha fecunda pescuda sobre a utilidade dos sequeiros, canizos e outros artificios utilizados para a seca das castañas. Sobre os sequeiros, concretamente os da Ribeira Sacra miñota, podemos ver topónimos que memorizan ese espazo de recolección e seca da castaña. En varios lugares desta ribeira encontramos varios sequeiros en desfeita, con planta baixa, lugar onde se producía o fume e a parte alta o canizo para as castañas, Squeiros con magnífico deseño arquitectónico, homologábel a outras zonas castañeiras. Na entrada da devesa do Rogueira, en Moreda do Courel, vemos un elocuente sequeiro -outros chaman fumeiro-, que dorme e soña no maino cantar dun regato trobeiro que pasa a seu lado.

Este amplo apartado verifica diversos exemplos documentados sobre o consumo de varias modalidades de castañas secas, pisadas, crúas e asadas. Tamén nos informa da variedade de castañas: verdeal, negral, grandal, etc. O estudo abrangue ás modalidades de foros e renda na que a castaña era un elemento de primeira orde no beneficio dos propietarios da terra, fronte aos vasalos que a traballaban e coidaban dos soutos. Coa entrada da pataca, vinda de América a principios do século XVIII, moitos arrendatarios mudaron o cultivo da castaña polo da pataca, para evitar a presión da renda. Hai un documento do igrexario de Vilauxe (Chantada), en que o abade chama a atención a seus arrendatarios por abandonar a recolleita de castañas e non pagar o aforamento contraído. Eles manifestan que é mais rendíbel a explotación da “castaña da terra” -así chamaban á pataca-, que estar sometidos a pingües recompensas e beneficios. No caso deste apartado ademais de darnos información histórica, etnográfica e económica, transcende en temas substanciais que nos remiten a ter en conta o sistemático formato que revela a autenticidade dun proceso histórico da vida agrícola e comunal galega, onde o seu hábitat sedentario estaba rodeado de castiñeiros, que proporcionaban o alimento mais distinguido do noso rural como era a castaña.

Nos últimos apartados cinco e seis, Héitor Picallo Fuentes entra nas rendas mitradas de Compostela, na produción na bisbarra do Umia e no carácter que os topónimos definen e conforman esa demarcación de espazos produtivos de castañas. Estamos ante un libro que aporta e ilustra un temario un bocado esquecido e non estudado coa profundidade que encontramos “No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos”. Un libro que se publica nun tempo de mudanzas e esquecementos, que vén a restituír o memorando deses amplos espazos de castiñeiros e lembrarnos a fartura que proporcionaron as castañas, dieta primordial da sociedade galega de tódolos tempos.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES