Arrincando as malas herbas
Santalla, Iago - miércoles, 13 de febrero de 2019
Vin o documental Examen de conciencia de Netflix, no que se repasan distintos casos de abuso sexual na igrexa católica dende o franquismo ata practicamente a actualidade. Todos os casos se contan en primeira persoa e o documental intenta, tamén, dar voz aos abusadores xa confesos ou demostrados. Polo tanto, estamos a falar dun traballo que non exclúe a ningunha das partes senón que trata de dar voz e de recoller todas as versións.
Dito todo isto, é necesario poñerse do lado das vítimas e amosarlles todo o apoio e admiración. Para min, son un exemplo de dignidade, de loita e de resiliencia, unha resiliencia que amosaron reconstruíndo a vida que lles roubaron a pedazos.
A reflexión que quixera facer neste artigo pasa pola seguinte pregunta: por que a igrexa e determinados grupos católicos se empeñan en defender a estes criminais? Non creo que toda a igrexa se caracterizase por estas bestialidades, négome a crer que todos sexan iguais pero cando en temas tan claves, unha institución se encerra nun corporativismo hermético que defende o indefendible, deleznable e noxento corre o risco de que se meta todo no mesmo saco e é lóxico que así se faga porque unha sociedade democrática ten a obriga de defenderse e de resarcir un dano tan atroz. A democracia non pode calar e prescribir porque prescribiríase a si mesma e non tería ningún sentido a súa pervivencia.
A igrexa debería abandonar o seu propio corporativismo para abrazar á sociedade do século XXI, amparando ás vítimas e condenando aos verdugos. Simplemente, son mala xente e, de acordo coa propia doutrina da igrexa, deberían ser privados da comuñón; pero, aínda máis importante que o retiro da comuñón é a colaboración coa xustiza, unha xustiza democrática que emana das leis do pobo.
Se a igrexa quere ser pobo, ten que deixar caer a este bicherío desterrándoo para sempre do seu seo e poñendo luz e taquígrafos sobre si mesma para poder dicir alto e claro que a institución non ten nada que ver cos criminais que se sentan no banquillo.
Un labrego cando coida a súa horta non ten reparo en coller o sacho e arrincar a mala herba; faino sen pensar. Isto é o que se lle esixe á igrexa, algo tan sinxelo que lle pode devolver a dignidade e a confianza que moita xente perdeu, froito destes barrabases, Herodes, Pilatos ou fariseos con levita.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora