Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Terra Chá chámase Alfonso

viernes, 08 de febrero de 2019
Desde hai máis de corenta anos, a cultura na Terra Chá ten como un dos seus primeiros nomes o de Alfonso. E así como hai persoas que teñen nomes compostos, máis complexos canto máis se sube na escala social, así afortunadamente a cultura chairega ten moitos nomes, pero entre os primeiros está o de Alfonso de Guitiriz, que este sábado vai ser honrado en Vilalba.

O gaiteiro Raul Galego, Chairego de honra, abrirá a festa da homenaxe, como acostuma nos acontecementos que organiza Xermolos e a Irmandade Manuel María, e o histórico cantautor Miro Casabella, cantará “O meu país”, esa bandeira musical que escribiu Xoan Manuel Casado, e ao que o cantor do Valadouro puxo música.

Todos sabemos por que se honra a Alfonso de Guitiriz, e a punta do iceberg pode ser que o crego Alfonso, sexa o creador do Festival de Pardiñas, cita imprescindible para os mozos galegos devotos da música do mundo céltico. Pero debaixo do nivel de coñecemento superficial aparece o traballo de Alfonso na promoción dos rapaces, na atención de mozos afectados pola droga, na formación e no lecer, nas publicacións, na convocatoria de certames… nada cultural e chairego lle é alleo a Alfonso Blanco Torrado, ao que Vilalba lle debe, por exemplo, o Paseo dos Soños que vai do Muiño do Rañego ao da Magdalena, que se foi enchendo de hectómetros literarios nos últimos anos.

Así que este sábado, despois do acto de homenaxe ás doce da mañán na Casa da Cultura, e onde só poderá intervir unha mínima parte dos que quixeran, peregrinaremos ao lugar onde se vai colocar o XIII Hectómetro Literario - o que se dedica a Alfonso-, esculpido en ferro polo artista Valdi -Xosé Val Díaz, autor da maioría dos fitos literarios do Paseo- para que Alfonso tome posesión do seu Hectómetro, e todos os presentes sexamos testemuñas do momento presente de Alfonso Blano, floxo físicamente e xigante e poderoso por intelixencia, traballo e devoción.

Nestes corenta e tantos anos de dedicación, Alfonso Blanco foise labrando un porvir que é este presente, onde é unha das persoas máis coñecidas e queridas da Terra Cha, veciño necesario de Guitiriz, imprescindible patriarca chairego ao que somos milleiros os que lle temos unha fonda devoción.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES