Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourense e o circo

viernes, 08 de febrero de 2019
A mediados do pasado verán tiven a ocasión de coñecer a Ileana Méndez, unha filla da emigración máis, que reside na actualidade en Whasington, pero que ten orixes radicais en Puerto Rico, onde se asentou a súa familia, dis que hai máis de dous séculos.

É evidente que con estes poucos datos nada lle dirá. Nin, coido, que cos que fornecerei de seguido, xa que logo, ninguén da súa ampla torgueira familiar voltou para Galicia.

Filla dun enxeñeiro electrónico que traballou para o goberno americano, cando aínda era nova marcharon a vivir para a capital do Estado e alí forxou unha carreira no mundo do deseño e da comunicación que aínda continúa hoxe á fronte da súa propia empresa ben posicionada no mercado americano.

O motivo de que se cruzaran os nosos camiños foi porque o pasado verán, como digo, aproveitou o seu paso por Galicia para achegarse á miña vila e tratar de procurar algunhas referencias sobre o seu berce orixinal, pois, como ben desvela o seu apelido, antigos documentos que conserva na súa casa apuntan que o primeiro Méndez que se asentou en Puerto Rico tiña procedencia de Vilanova dos Infantes.

Loxicamente, por máis que tal apelido é moi común na terra de Ferrín, unha das familias máis coñecidas con ese apelido, alí, é, loxicamente, a do propio escritor -Méndez, por seu pai- e do Padre Silva -Méndez pola súa nai-, curmán, polo tanto do autor de "Arrianos".

Prometín facer a xestión e consultar con el se tiña conciencia de que unha pola dos Méndez de Vilanova marchara nalgún intre para Puerto Rico e confirmoume que, que el soubera, non, aínda que nisto da emigración nunca se sabe.

Pero como a realidade, con frecuencia é caprichosa e incluso máis literaria cá propia ficción, para houbese tódolos ingredientes para facer un bo caldo, resulta que, segundo me informou, unha pola dos Méndez que marcharon para Puerto Rico crearon unha saga familiar de funambulistas iniciada por Gené Méndez, cuxa biografía pode ser amplamente consultada na Circopedia.

Alén, pois de que tivesen ou non relación familiar ou simplemente de veciñanza, o caso é que o pasado sábado lembrei a esculca de Ileana e a información que me deu sobre o tal Gené Méndez, cando asistín á apertura da sala que a Asociación Cultural Padre Silva abriu no casco vello ourensán, xusto por detrás da Casa do Concello. Unha exposición humilde, pero que debería ser o xerme do que algún día debera ser a Casa do Circo de Ourense, non en van, nesta cidade tamén naceu o Circo Feijóo e probablemente outras iniciativas circenses que eu poida descoñecer arestora.

Será para o próximo mandato, pero seguro que non se equivocará e saldará unha débeda que ten Ourense con esta disciplina artística, aquela candidatura que decida incluír tal proxecto no seu programa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES