Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (2)

martes, 05 de febrero de 2019
.../...

A cerimonia foi, efectivamente, na igrexa de Luaces, pero polo día e polo sol, para que dese tempo de almorzar na Pallota, un sitio cómodo porque lles caía de camiño aos de Lugo, aínda que ao revés para ir a San Martiño da Lúa. ¡Claro que tiñan aquel Jaguar…, do trinque, obsequio de seus avós, que fixeron o esforzo de maneira conxunta, ao estilo de antes, de antes da democracia!

Aínda non se acabara o arroz da porta da igrexa cando o noivo tivo un trasacordo; ¡era galego!

-Cariño, desculpa un momento, e espérame aquí fóra, na estrada, co padriño, que me esquecía pagarlle ao Cura. ¡Volvo deseguida!

…

Bailando na punta dun fuso (2)-Señor Cura, xa sei que lle pagou o padriño, de antemán, pero eu, aínda que ma cobre, quero facerlle unha consulta, e non precisamente de cliente a Avogado, senón á viceversa: -¿Que terei que facer para non perde-lo preito, o meu, o persoal; quero dicir, para chegar ás Vodas de Ouro..., sen pagar costas?

O Cura non o tivo que pensar pois levaba moitos anos de Fiscal, de Fiscal de Matrimonios:

-Xesús díxolle ao perfeccionista: -Se queres máis perfección, vai e vende canto tes; despois diso, ségueme. Neste caso é o revés: -Cómpralle canto poidas, e para iso sen esperar a Reis; de ser posible, tódolos días; pero o máis importante é amansala, desde hoxe mesmo, día a día. O home que se deixa montar dunha muller está condenado a pasa-la vida debaixo dela, mañá por noite.

Deulle as grazas, e de paso unha propina…, para a Fábrica! Cando saía da igrexa atopouse coa muller, con Xulieta, que entraba:

-¿A onde vas; non quedamos en que esperarías aí fóra, xunto do padriño? ¿Acompáñote?

-¡En absoluto, que é asunto privado! Tiña un pecadiño que me esquecín de confesalo, onte; iso, onte, e non é correcto que non llo diga ao señor Cura para que me confirme a absolución… ¡Quero comezar esta vida conxugal tan limpa coma a Virxe do Cristal!

-¡Que muller teño; unha santa! –Deulle un bico e foise para xunto da madriña, agardando por ela, fóra, no adro.

Xulieta, achegándose moito ao Cura por se a oía algún preguiceiro deses que non dan saído das igrexas…, polo moito que queren pedir, polo moito que queren abarcar! –Señor Cura, entre as súas bendicións, e as arras que me deu o noivo, coido que vou servida, ben pagada, pero, ¿se me falla, se por culpa súa perdo o preito? Non foi mal estudante, que por iso lle temo: ¡Sabe demasiado!

O Cura neste caso tampouco tivo vacilación:

-Muller, se queres ser feliz, non analices, non lle busques tres pés ao gato, pois adoitan ter catro. O primeiro que tes que facer, e iso acotío, non deixarte montar…; no bo sentido, claro! Cousa que el diga a destempo, ti, rebatemento ao canto, pois os homes sómosche algo brutos; excesivamente pesados, quero dicir, e cando nos volvemos cargantes…, nin Sansón! Daquela, ti, tesoiras: córtaslle as melenas, todas, por arriba e por abaixo!

Deulle as grazas, aínda que sen propina; persignouse, e saíu da igrexa disposta a ganar o preito, polo menos a obter un sobresido da causa. ¡O de Consumatum est viría máis tarde, na Lúa do San Martiño!

-.-

Despois das euforias selenitas, e do almorzo das doce, antes de volver á cama asomáronse, ámbolos dous, ao balcón daquel pazo:

-¡Unha marabilla!

-¿O que, meu Romeu; eu, non si?

-Claro, muller, pero o teu, vindo de ti, miña princesa, era de esperar; do que estou asombrado é desta paisaxe, este comezo da serra de Meira…, un meigallo! ¡Agora me explico que se derretese o xeo nela, e de paso que brotase o Miño na valgada do Pedregal. ¡Que par de inguas…, esas do Pedregal, esas tamén; quero dicir, aí arriba, aí adiante!

Xulieta, refregándose as mans coa felicidade matrimonial:

-¡Bo augurio, vive Deus, pois, se galán eras de solteiro, de casado non fuches a menos! Dime o peito que o noso non acabará en drama, como seica lles pasou aos nosos tocaios, aqueles de Verona…; aínda que, se nos durmimos nos loureiros…; pero en evitación diso, pasadas as catro fases desta lúa, cómpre visitar aos nosos padriños, aos respectivos!

-Xulieta, meu amor, non te apees da lúa, non teñas présa, pois o noso foguete é de confianza: lémbrate que tanto teu padriño coma o meu, de regalo de voda prometéronos…, iso, unha canonxía, unha interinidade, coa seguranza de pasar a fixos antes de que remate esta lexislatura! ¡O que ten padriño, bautízase, que xa era así na monarquía, e despois na república; máis tarde no Glorioso; é que vai ser menos na democracia?

-Iso é certo, pero a min interésame afianza-lo posto antes de…, antes de parir!

-¡Tes razón; que vaian parindo eles, e que sexa sen dolor, con epidural…!

-¡Xa! Pero corre présa…; lémbrate que nos dixo aquel Profesor de Hacienda Pública que, aquí, como en Exipto, detrás das vacas gordas, gordas pero mal administradas, son inevitables as sete fracas; e se para daquela hai restrición nas plantillas…?

-En todo caso, Aquila non capit muscas, así que a min non me preocupan as cativezas. Lémbrate de que, Audaces fortuna iúvat; somos audaces, de familias audaces, rodeados de amigos audaces, así que a deusa Fortuna sempre estará connosco, cos da nosa ralea…; quero dicir, que dixen mal: cos da nosa realeza!

Despois da dixestión volveron a soñar, que por algo e para algo estaban na lúa, na Lúa de San Martiño, en pleno verán, que é cando as rolas máis se arrolan!

-.-


Licenciados en Dereito, que Avogados é outra cousa, á volta da lúa aterraron en Lugo, onde seus padriños, segundo o prometido, xa tiñan avogado por eles, con efectos retroactivos, pois atoparon os despachos despachados. ¡En distintas seccións, pero no mesmo piso! Alí non ían roñar, nin se botarían en falta por culpa da distancia. ¡Isto só pasa nos Estados providentes, tamén chamados, precisamente por iso, providenciais!

Ben encarreirados foran, en efecto, así que agora só lles quedaba escalar…, escalar no “escalafón”! A base, a peaña, igual foi concesión de San Froilán, que lles fixo sitio precisamente no seu mes, en outubro.

¡Al hamdu lillah! Este Froilán do Rego dos Hortos, con iso do seu paso polo Magreb, igual acepta este saúdo, introdutorio, xa que vén dun clima cálido!

O piso estase amoblando; vai ser outro Palacio del Mueble, de tan grande que é a ilusión, a ilusión e maila carteira dos respectivos páter familias. ¡Non é para menos, pois as estrelas merecen estar no ceo, aínda que sexa no de minúsculas! Xa dormen nel, nunha alcoba de estrea. ¡As consecuencias, por tanto, deben ser principescas! ¿Dormen? ¡Máis ben pouco, de felices que se senten, e tamén porque non os cansa a función, a función dos cargos respectivos! Obviamente, naturalmente, preguntáronlles nas casas, nas familias, e responderon ao unísono que ben, que fabuloso; agradecidos que lle estaban a Deus por proporcionarlles aqueles padriños tan…, auténticos, uns Reis Magos! ¡Ouro, incenso e mirra! ¡Boa paga, honores, admiración dos antigos compañeiros! O do PSOE díxolles: -Oíndovos, lémbrome daquel camión que tanto roldaba aquí pola Ronda, aquel que tiña un letreiro arriba do parabrisas: “O traballo non me apura”. ¡Facede por merecelo, que non se diga de vosoutros que houbo nepotismo…, ou non mo perdoarán nas próximas eleccións! Caso distinto foi o de seu consogro, pois os del están afeitos a ter maioral…, desde a Idade Media!
-.-


-¡Tanto polbo, tanto polbo…; se o sei non me caso!
Bailando na punta dun fuso (2)
-Pero, amor, querido Montesco, as festas celébranse, e máxime nestes días, que por algo estamos no San Froilán!

-¡Todo ten un límite, así que, de gústibus et colóribus non disputandum!

-Neste caso é difícil non facelo…

-¡Ata teño amarguras no estómago, que non me deixaron durmir!

-¡Pois telo fácil: bótalle menos picante á cousa, como fago eu, que, xa ves, todo dozura!

-¡Que máis quixese…, pero…, boto en falta aqueles guisos de miña nai!

-Igual temos que cambiar de criada pois esta, con iso de que é musulmá, e eles non comen carne que non fose sacrificada por un sancristán dos deles…, aínda que nesta ocasión tiven algo de culpa por non pararme a ensinarlle a fritir peixes…; xa ves, levamos tres días…, iso, atarefados! ¡Mañá comemos na cafetería do Múltiple, que cho prometo!

-Sendo así, perdóoche, pero vai buscando unha do país, ou volvo con miña nai!

-¿Levántome para facerche unha manzanilla, que seica é boa para as ardores do estómago?

-Non, grazas, que de paso igual se me quitan as outras…, e aínda estamos na corentena!

-Daquela, a mandar, querida Xulieta.

-E ti non esquezas, nunca, que sempre me terás ao teu dispor, sexa no balcón ou na cociña. En todo caso, lembrémonos daquilo do Cura: -Compañera te doy, y no sierva; ámala como Cristo a su Iglesia!

-Si, si, o que é Cristo, El ama á súa Igrexa, pero, ¿á viceversa? ¡Se tanto o amasen os seus Cardeais, deixarían casa-los Curas; iso, para non desperdicia-lo amor, tan escaso que anda!

A manzanilla fixo os seus efectos, pero o esquecemento non lle veu ao Montesco pois ao día seguinte despediu á morita sen sequera dicirllo a Xulieta; daquela Aisa foi a xunto da ama, chorando coma unha perdida, e esta reintegrouna ao fogar prometéndolle ao marido que ao día seguinte comerían…, bacallau ao pil-pil! ¡A falta de pan, boas son as tortas!
-.-


Ao outro día, mesmo traspasando a Porta Falsa, que en Lugo fai de detector, de polígrafo, pois ninguén é capaz de pasar por debaixo sen face-la venia:

-Á túa nai, se a pilla Isabel, aquela de Tras do Támara, como pouco, cástraa! ¿A quen se lle ocorre traernos unha mora, cando levou oito séculos bota-los morangos? Vaise Boabdil, e vén Aisa!

-Hoxe vaste levar unha sorpresa… ¡Xa verás que cus-cus nos ten preparado; mellores non llos fan ao Rei de Marrocos!

-¿Cuscús…? Eu de cativo xogaba a iso con miñas irmás: ¡Cucábamos por detrás dos sofás, e había que saber cal era a de cada sitio!

-Os de hoxe hanchos poñer na mesa…, e vaste chupar os dedos!

…

-¿Xulieta, sabes que tiñas razón?

-¡Estes mouros trouxéronos os sete saberes, todo aquilo que quedaba en Bizancio…, todo o que non foron capaces de destruír os meus!

-¿Os teus?

-¡Si, ho; aqueles bárbaros do Norte…! ¿Non dis que procedo dos suevos?

-¡Si que o digo, e sostéñoo, pois en suavidade non hai quen che gane…, por fóra!

-¿Xa estás ofendendo? ¡Onte estabas canso de tanto polbo, e hoxe non agradeces que te convide Aisa!

-¡Oes, que non son ningún mouro para permitirme un harén! E diso dos cuscús…, xa falaremos!

Estaban riquísimos, así que o Romeu, ¡Romeu tiña que ser!, deulle as grazas á cociñeira…, cun bico!

-¡Mira que es raca, cun simple bico…! ¡O menos que podías facer é darlle unha propina…, como facía miña nai cando estaba con ela, cando nos facía exquisiteces das súas!

-¿Xa me estás lembrando a sogra…? ¡Non é correcto lembra-la forca na casa do aforcado!

Houbo un cacho de tensión, pero quitóuselles na sobremesa, que acudiron as dúas consogras para saber como lles ía naquel fogar recén estreado, e ao ver que se daban chuchas, seus fillos imitáronas. ¡É o que teñen as ricas, que as fan felices as cousas ricas, as saborosas, e que cousa pode haber máis saborosa para unha nai que te-los fillos contentos, contentos e colocados, colocados e casados?

-Dime filla, cantos pratos van aló? –A Capuleto, chiscándolle un ollo.

Romeu que, como todo fillo único, sentíase postergado se non se falaba en plural:

-¿Pratos; que pratos; tróuxonos máis pratos? ¡Xulieta aínda non mo dixo; esta reservada…!

-Fillo, -díxolle a sogra, que é como falan as sogras antigas, as de antes-, refírome á porcelana de Baviera, esa tan boísima que vos regalei, a das festas, que a trouxemos naquela viaxe a Alemaña, de paso que fomos levar uns francos a Suíza. Iso que chaman “contas Offshore”, por se á morte de Franco…; ¿entendes? ¡Mirade se nos levamos ben voso pai e mais eu, que en tantos anos, e aínda non nós disparamos ningún prato! ¿Vosoutros, que…, seguides cos mesmos?

O xenro:

-¡Que cousas ten; a súa filla o que me dispara son filípicas, que niso é unha experta. ¿Ensinoulle vostede?

-¡Cala, picarón; e que Deus vos conserve tan unidos, pois nestes tempos, alén das noites de Tobías…!

Nisto falou a filla, farta daquelas bobadas:

-Non hai peor cousa que ser do mesmo oficio, e encima traballar xuntos… ¿Verdade, mamá; verdade que aquí meu pai sempre volvía ledo cando se ausentaba para visita-los caseiros, máis ou menos unha vez ao mes?

-¡Ai, filliña, que agora es adulta, estás casada, e sabes de todo; de todo o que fai falta saber nun matrimonio: Teu pai ausentábase unha vez ao mes por…, por recomendación dun amigo seu, un tal Ogino; polo teu ben pois, sendo única, non terás que facer partillas! ¿Agradécesllo?

-¡Sendo así…; pero pensei que o facía para descansar de ti, das túas andrómenas, xa que nunca fixo cousa do teu gusto…, particularmente en asuntos de administración!

-¡Miñas razóns tiña, que é un manirroto: prestándolles diñeiro a tódolos folgazáns do barrio…!

O pai-sogro, que ata daquela estivera calado:

-Di a verdade, muller, e non lles deas mal exemplo: ¡O que che pasaba é que te levaba o diabro cando prestaba ao cinco, e ti querías que fose ao dez! ¿Si, ou non si?

-¡É que os cartos hai que administralos, que custa moito gañalos!

-¿A ti; custouche moito? ¡Non me fagas dicir que casei contigo cando deixaron de aplaudirte…, daquela, como bailarina fracasada!

-¿Bailarina? ¡Aí está o meu mérito, que contigo tiven que bailar agarrado, mesmo na punta dun fuso…, para conservarte limpo e puro!

-¡As outras non me querían…!

-¡Xa; pero descubríchelo tarde, desde que te cansaches de poñerlles pisos!

O vello enfadouse, e foise. A sogra, para borrar aquela expansión, deu en falarlle á consogra dos trapos que estaban de moda. Os novos fóronse ao despacho, a ler periódicos, pois mentres lían non discutían.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES