Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Candeloria. No colo un vagalume

sábado, 02 de febrero de 2019
Como ocorre con outras festividades cristiás, tamén a da Candeloria está construída sobre outras celebracións máis antigas. Os que saben destas cousas fálannos dunha antiga “festa da luz” de celtas e romanos. No mes de febreiro era cando xa o inverno empezaba a espreguizarse para deixar paso á próxima primavera. A luz que ía paseniñamente en aumento era xa a protagonista destas celebracións anteriores á era cristiá. Pois estamos no limiar do paulatino fortalecemento do sol despois da súa estraña febleza no inverno.

En calquera caso, esta festa tivo tamén dentro xa da era cristiá diversas modificacións. No cristianismo oriental a festa celebrábase con presenza de luz e candeas como sinal e acompañamento do encontro do Neno Xesús no templo de Xerusalén con Deus, co seu Pai Deus. “De Oriente vén a luz”, podemos dicir tamén aquí. De alí vén esta festa nosa relacionada coa luz e coas candeas. Chamámola por iso a festa da “Candeloria”. Na igrexa bendícense as candeas. As mesmas que logo se usarían no día do xoves santo (da Semana Santa) ou que se lle porían na man a algún moribundo familiar para que lle resultase doado e bendito o seu paso á eternidade. Hai ou había procesión na igrexa nesta festa da Candeloria coas candeas acendidas; e acendidas se mantiñan tamén durante a celebración da eucaristía.

Antes tamén (e ó dicir “antes” estoume a referir agora a “antes” do Concilio Vaticano II, de non hai aínda moito tempo) esta festa chamábase a festa da “Purificación” da Nosa Señora, por aquilo (que xa por fin non se leva) de que as nais tiñan que “purificarse” algún tempo despois de daren a luz. Agora nos folletos e libros oficiais só se fala da festa da “Presentación do Señor”. Con esta nova denominación vén recuperar Xesús o primeiro protagonismo oriental e María continúa loxicamente presente, aínda que en segundo lugar, como nai de Xesús, que o leva no colo cando entran no templo de Xerusalén.

A verdade é que con Xesús como centro non deixamos de recuperar tamén fermosos e importantes elementos dos ritos máis antigos: a luz das candeas da “Candeloria” ou María que se purifica no templo de Xerusalén. Por outra parte, sabemos ben que Xesús fala de si mesmo como “luz” do mundo, luz que disipa as tebras, lume purificador que nos limpa ou nos libera de calquera angustia de pecado e de todo ritualismo baleiro. Xesús é o que nos trae a “alegría do evanxeo”, para utilizar o título da encíclica do noso papa Francisco. Por iso se alegraron tanto os velliños Simeón e Ana no templo de Xerusalén. Levaban moito tempo desexándoo e esperándoo. E agora, case xa a punto de deixar esta vida, teñen a sorte de recibiren o premio máis fermoso de tódalas loterías... Xesús, o Salvador, o esperado de tódalas nacións, alí está, diante deles, ó seu lado, no colo de súa nai. E poden incluso tocalo e collelo tamén no seu colo eles mesmos.

Fannos falta seguramente na vida moitos anos para chegarmos a poder ver e recoñecer a Deus entre os máis pobres e pequenos. Deus aparece, preséntase no seu fillo Xesús como algo moi paradoxal no solemne templo de Xerusalén. Pois Deus non está nas alturas ou no medio dos grandiosos himnos e sacrificios dun templo tan marabilloso como o de Xerusalén, senón no medio e medio desa familia pobre que entra no templo humilde para cumprir o estabelecido pola lei antiga.

Tanto Simeón coma Ana estaban contentos como nenos con zapatos novos ó descubriren no neno Xesús o Deus que salva, o Deus que está connosco. Só o puideron saber ou intuír porque con eles, con Simeón e con Ana, estaba o Espírito Santo, o Espírito de Deus. Que este Espírito, o Espírito Santo, estaba con Simeón dínolo expresamente o propio evanxelista Lucas. E hai que supoñer que Ana, a velliña de oitenta e catro anos (moito para aqueles tempos) non sería menos en entrega a Deus ca Simeón. Pois o mesmo Lucas nos di que Ana non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xaxúns e oracións.

Decatámonos tamén así que nesta festividade da Candeloria os protagonistas son os pequenos, os nenos, representados polo neno Xesús, mais tamén os maiores, os cargados de anos pero máis cargados aínda de grandes desexos, esperanzas e boas obras, representados por Ana e Simeón. En certo modo, Simeón e Ana son algo así como os representantes do Antigo Testamento que lle dan parabéns agradecidos a ese neno co que se inicia o novo Testamento, ese neno Xesús que acaba de entrar no templo de Xerusalén no colo da súa nai. Mentres que a velliña Ana “glorificaba a Deus” ante a presenza do neno, Simeón lóao, cheo de consolo e ledicia, como “salvación” de Deus, como “luz de revelación para os xentís” e como “gloria do pobo de Deus Israel”.

Porque a “luz”, a candea que dá luz e calor, está aí para todos, para xudeus e xentís. Pois Xesús é un regalo gratuíto e amoroso de Deus Pai ó mundo. Como sabedes, os xudeus tiñan que rescatar ou recuperar ritualmente os primoxénitos con algún don que entregaban no templo. Ás familias pobres, como era a de Xesús, éralles abondo con que deixasen no templo “dúas ruliñas ou dos pombiños”. De modo que -como vedes- o Pai Deus dános o seu fillo “benquerido” Xesús a todos nós a cambio de ben pouca cousa. Por algo é el, Xesús, o sinal do amor de Deus Pai ó mundo, da súa misericordia e da súa salvación.

Deámoslle grazas a Deus Pai por ternos dado Xesús, o seu fillo benquerido, como agasallo de infinito valor á humanidade toda. E, polo tanto, tamén a nós.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES