Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Misiva para Cristina Mello: Acredito que a 'Morte non é certo'

viernes, 01 de febrero de 2019
Cristina de Almeida Mello, cambiaches de instancia e de transcendencia, no albor do domingo 27 de xaneiro. Mesmo instalaches morada e agrandaches o oco amoroso dos corazóns que amaches e que continúan amándote noutra aceleración latexante e de íntima convivencia cos sentimentos que ti inspiraches. Quero falarche desde outra Misiva para Cristina Mello: Acredito que a 'Morte non é certo'dimensión admirando a vida fecunda que ti transmitiches en tódalas redentas benquerenzas, da túa dignidade e do teu fervor pola amizade. Desde esta magnitude podemos referenciar a túa pasaxe no verso de Uxío Novoneyra: “A morte non é certo”. Por tanto, a coraxe excepcional da túa transcendente vida, coloca aos que te coñecemos e convivimos longos anos contigo, en persistir do lado do teu exemplo existencial. Por iso continuarás sendo referencia intemporal de tantos valores que aportaches á vida de persoas itinerantes e confundidas, para elas escoller destino correcto. Oh Cristina!, continuarás sendo unha persoa de motivacións pragmáticas, con un don moi especial e poliédrico que tantas veces debemos instar a teus consellos e mirarnos ao teu espello. Querida amiga-irmá, vou perseverar na memoria dos corenta anos convividos na intensa irmandade galaica-brasileira-portuguesa. Nesta confraría conspiradora endexamais terás de min un adeus de despedida, porque a túa presenza non o permite. E neste xeito de manifestar a utilidade da túa vida, recorro aos versos de Hildegarda de Bingen: “Nós estamos no mundo / e ti na nosa mente, / abrazámoste no profundo do corazón / onde ti estás presente”.

De ti teño dúas datas imborrábeis na miña mente e no latexo do corazón: a do 16 de setembro de 1978. Cando chegaches, procedente da Franza, á miña casa de Barcelona, acompañada do teu namorado. Apenas tiñas 25 anos, a primeira vez que impactabas coa mentalidade ibérica, un bocado pechada, fronte a esa aberta empatía do sempre ben estar de ánimo da sociedade brasileira, que ti sempre practicaches, estragando non poucos tabús inquisitoriais da vella Europa, avaliando a túa distinguida personalidade de nunca dobregar a cabeza nin baixar os ombreiros. Lembro a túa autodisposición de descubrir cousas daquela Barcelona que comezaba a recuperar liberdades. Un ano excelente para min, por ser amnistiado político e sindical, recuperar o traballo do que fun despedido pola represión franquista e, tamén, polo meu primeiro ano de entrar na universidade como estudante. A Túa alegría e a túa beleza complementaban ese sorriso que renacía en Barcelona. Alegría e beleza que en ti permanecerán sempre e ninguén vai aldraxar das retinas e do imaxinario dos que te entendemos e amamos.

Foron días felices, vendo museos, monumentos e librarías. Lembras, doce Cris, o contraste cando verificaches que un operario como eu, tiña unha biblioteca e a certeza dun medio de vida prudente, que os operarios do Brasil non tiñan na longa ditadura militar (1964-1985). Debruzácheste na mesa e con ollos de tristeza, dixéchesme coa túa palabra desfardada: “Você é um trabalhador revolucionário, pequeno burguês”. Houbo un silencio e as túas lágrimas comezaron a esvarar polo teu rostro, lembrando a un dos teus irmaos que traballaba nunha fábrica de operario, con un salario ínfimo e tendo para o xantar só un ovo cocido. Despois veu stroganoff histórico que tu cociñaches, levándome de axudante e cociña, contáchesme que ti foras operaria e viñas de familia moi pobre, por iso entendiches o existencialismo vital, capaz de desentrañar as diversas causas marxinais da opresión. O curriculum de nós os dous coincidía, na procedencia da pobreza e na loita pola superación das desigualdades.

Da túa visita pletórica a Barcelona, o 28 de setembro partimos en carro para Madrid e a medio camiño a radio daba a noticia da morte de Xoán Paulo I, iso deu motivo para ir falando da Igrexa e de súa rara historia até Madrid. Visitamos o Museo do Prado e ficaches fascinada con tanta creatividade expresiva diante do teu ollar. Ao saír, xa na praza de Cibeles, un taxista, deses machos ibéricos que abundaban no Madrid franquista, lanzou un piropo nada entenrecedor, e ti comezaches a bater co bolso na cabeza do machista. Fixeches unha exhibición honrosa, de rigor, coraxe e de liberdade feminista. Non encolliches a cabeza, deches pancada na do agresor verbal. Foi óptimo humillalo, talvez deixaría de crer que era o rei dos copuladores madrileños. Lembras aquel lance, querida Cris?

Pola tarde fomos a primeira festa do Partido Comunista que organizaba na Casa de Campo, despois da súa legalización. Alí estaba á nosa espera o peta galego, Celso Emilio Ferreiro que nos presentou a Rafael Alberti e a Nicolás Guillén. Alí estaba unha representación da esquerda brasileira, non demoraches en abrazalos, fixeches daquela tendinha teu propio territorio brasileiro. Canto amor pola vida e a liberdade dos oprimidos do teu país. Largada a media noite fomos cara a estación ferroviaria de Atocha e ti e o teu namorado partistes para Lisboa. A túa visita forneceu unha longa amizade de corenta anos.

A recente e última vez que nos encontramos foi o 25 de maio de 2018 na túa casa de Vilanova de Gaia, falamos moito, outra vez mais: Rosalía de Castro, Eça de Queirós, Drummond de Andrade, Manuel Bandeira, Cecília Meireles, Pessoa e do teu admirado Miguel Torga. Falaches da túa familia e de teus amigos, sempre están na túa voz e no teu sorriso. A túa voz tamén sirve para darme ordenes e naquela tarde apetecíache que eu fixera unha tortilla española, gostas dela ben douradiña, con moita cebola e con pouco sal. Así saíu, á túa medida. Confésote querida Cris, que non gustei que me levases á estación ferroviaria de Gaia, na miña ida para a entrega dun premio literario en Ovar. Nesa altura estabas un bocado estresada, co tema dos exames en Coimbra, mais cando impós atúa benquerenza “Duro é dar couces contra o aguillón”. Mais agora póñome a pensar que aquel longo e forte abrazo que me deches na estación de Gaia, agora o tomo como o de unha simple despedida só daquel encontro. Mais cando o inverno sosegue e a primavera floreza, preguntareiche polo valor daquel abrazo.

A amizade sempre ten unha data emotiva de encontro e comezo. A nosa foi aquel 16 de setembro de 1978 en Barcelona, sen data de caducidade. Aínda que pareza unha misiva de óbito, nunca mais pode acontecer contigo, para conxuntar unha antoloxía das túas andanzas por moitos espazos inmateriais da amizada, de encontro e da literatura mais usual e profunda da que ti teciches como artesán que tece un pano de beleza e misterio. Oh, nosa raíña vestida de sol, resplandecendo en quen te memoriza e velando polo que tanto erixiches en certos desamparos que te cercaron. O teu brasón foi a honestidade, a firmeza, a xenerosidade e a discreción.

Cando vaia a Galiza, concretamente a Podente, alí estarás ti coa teu riso inocente e pudoroso cargado dese sabor a leite e mel. A dialogar e debater sobre literatura comparada, dos grandes vultos da literatura brasileira, e polo lado groso do castiñeiro lograrás que apareza o destinguido Zé Bebelo, un dos persoeiros do “Grande Sertão: Veredas”, de Guimarães Rosa. Ou lograrás que saía do rochedo grande da miña casa, António Conselheiro e detrás del a enfeitizada turba mesiánica dos Canudos. Óptima recreación dos persoeiros noutro ton fascinante que poucos serán capaces de conseguir esa patente tan particular . Encontrarte coa Galiza foi para ti un namoro a primeira vista, que conseguiches non separarte dela durante corenta anos. Intensamente a relacionaches co Brasil, era o símil conceptual, pasional que en toda representación galega constatabas o Brasil. Xente faladeira, libertaria, con desinhibidos palabrois, que en outros lugares están baixo o ollo inquisidor. A Galiza era o teu Brasil imaxinario e sentido. Cantas veces repetías nos encontros: “Oh galego, como encontras os meus brasileirísimos dons. Aínda que viva trescentos anos e non vaia ao Brasil, serei sempre del e permanecerei nas miñas orixes”. Un auto de fe espectacular, estar nas orixes dunha confianza emocional tan profunda e en comuñón coa súa nativa Londrina, co Estado do Paraná e con todo ese continente, que é o Brasil.

A Galiza foi para ti un sentimento renacido, a ela viñeches moitas veces, tiveches amigos de toda clase social, desde humildes labregos a grandes poetas como Manuel María e outros. Que marabilla cando chegaches coa túa bebe, a Rómina, só de seis meses de vida, toda a aldea de Podente a preferiu como flor que nunca se murcha. Todos a coidar da nena e a facerlle mimos. Á Rómina aínda de adulta a recoñecemos como a nena portuguesa.

Canto amor pola miña terra, impagábel. E, tamén, canto traballo e teimosía por organizar o chamado “Coloquio-Homenaxe Xosé Lois García”, celebrado en Chantada os días 13 e 14 de agosto de 2005, coa presenza de mais de corenta persoas con ponencia, vindas da Galiza, Brasil, Portugal, e das excolonias portuguesas en África. Todo para celebrar o meu sesenta aniversario e a miña precaria escrita. Ti e o Pepe de Requeixo ao fronte de toda aquela organización. Ti cos nervios a flor de pel, coa canseira e cos habilidades e o valor sacado non sei de onde. Despois a compor as actas nese espléndido libro que publicaches. Miña señora de tódalas benquerenzas, a palabra obrigado ficaría inhabilitada para agradecerte o verdadeiro valor do teu esforzo e da túa amizade, aínda a palabra certa para agradecerche todo ese esforzo non a encontrei no dicionario.

Será difícil cando vaia a Coimbra, pasear por eses lugares, ir á Universidade sen a túa presenza, mais o diálogo contigo sempre será posíbel e aberto, sen dúbida. Inesquecíbel aquel acto dedicado ao poeta galego, Manuel María, polo “Día das Letras Galegas” de 2016, dedicadas a el. Tu aproveitaches a miña estadía en Portugal e organizaches ese acto tan singular, coa particular advertencia: “Oh galego, vai haber pouca xente!” Realmente brincaches comigo. Alén da túa aula, comezaron a chegar doutras aulas, mais de cento vinte persoas na homenaxe a Manuel María. Ti puxeches título á miña palestra: “Manuel María e a poesía galega”. Despois ceamos (jantamos) en compañía de varios alumnos teus. Unha grato recordo que se suma a outros tantos convivios na vella e bela Coimbra, de ir a conversar ao Café Santa Cruz, de dar un paseo pola rúa Martins de Carvalho, e “Nos saudosos campos do Mondego”, no ir deste verso de Camões e das augas lentas do grande río que cerca á Minerva coimbrana. Polas noites os convivios e os debates literarios con amigos de Coimbra, na túa casa da rúa Natalia Correia, todo parece un soño difícil de reconstruír con aqueles que partiron. Só agora os dous ficamos a certa distancia, ti ao lado do Douro e eu ao lado do Miño. As distancias quilométricas non son o problema. Mais a distancia existencial e a que dispón e manda. Mais coa túa partida, o noso corazón agrandouse. Até sempre, querida, encontrámonos no próximo debate.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES