Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Expertos estranxeiros na China: o caso de Pepe Castedo

sábado, 02 de febrero de 2019
Expertos estranxeiros na China: o caso de Pepe Castedo José Castedo Carracedo (1914-1982) foi unha figura destacada no mundo dos chamados “expertos estranxeiros” que nos anos sesenta e setenta exerceu como profesor no Instituto de Linguas Estranxeiras de Beijing, China.

Os expertos estranxeiros (专家,zhuan jia) representan unha figura que goza en China de gran recoñecemento. Mais que unha simple denominación, é todo un concepto, un status en si mesmo. A figura nace co triunfo da Revolución se ben xa viña existindo anteriormente na forma de cooperante internacional. A proclamación da China Popular en 1949 institucionaliza a figura daquel internacionalista solidario nun momento en que China, cun país e unha sociedade destruídas por unha secuencia interminable de terribles guerras, precisa practicamente de todo. A persoa que aos ollos dos chineses mellor encarna ese perfil é Norman Bethune, o médico canadense que loitou na guerra civil española e tamén na chinesa, uníndose a Mao en Yan’an. Bethune é un dos poucos occidentais aos que se dedicou estatuas na China e o propio Mao exaltou o seu desinterese absoluto nun ensaio dedicado á súa memoria. A súa vida aparece recollida nos manuais escolares dende a primaria.

Tralo primeiro de outubro de 1949, a primeira vagada de zhuan jia correspondeu aos especialistas soviéticos que, en boa medida, sentaron as bases dun determinado modelo. Era esta unha cooperación gobernamental e foi evolucionando cos mesmos altibaixos que experimentaron as relacións sino-soviéticas. Sabido é que as relacións entre o Partido Comunista da China (PCCh) e o Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) foron sempre complexas. Iso a pesares de que a Komintern apoiou a formación do PCCh en 1921.

Antes do triunfo da revolución, sectores destacados do PCCh receaban das consignas chegadas de Moscova especialmente en dous aspectos. En primeiro lugar, a alianza co Kuomintang (KMT), a formación nacionalista. É sabido que a cooperación PCCh-KMT, forzada polos soviéticos, desembocou en episodios de terror en 1927 que se levaron por diante a milleiros de comunistas chineses, afiliados a titulo individual no KMT, que foron asasinados polos nacionalistas co apoio das triadas locais, especialmente a chamada Banda Verde. A pesar diso, a diplomacia soviética e o propio PCUS mantiñan contactos estreitos co KMT, que tamén axudaran a organizar formando a moitos dos seus cadros, incluído Chiang Kai-shek.

A segunda cuestión que os separaba era a estratexia a seguir para alcanzar a vitoria da revolución. Moscova insistía na estratexia urbana e no proletariado como suxeito principal mentres que na China, tendo en conta a súa propia realidade dun país inmensamente rural, instaban unha mutación teórico-práctica de alcance, a substitución do proletariado polo campesiñado para acadar o seu obxectivo e cercar as cidades desde o campo para tomar o poder. O conflito resolveuse na Longa Marcha (1934-35) cando Wang Ming e os “28 bolxeviques” (formados en Moscova que regresaron a China en 1930) foron derrotados polas teses de Mao Zedong.

Despois da proclamación da Revolución, Mao permaneceu dous meses na capital soviética para pechar o Tratado de Amizade que había procurar seguridade á revolución. Como consecuencia dese acordo, uns 10.000 especialistas chegaron a China para acelerar o seu desenvolvemento en todos os planos. Implicáronse de forma activa en numerosos proxectos materiais, con obras emblemáticas que aínda perduran hoxe, e tamén na propia elaboración do que sería o Primeiro Plan Quinquenal da Nova China, influíndo igualmente no proceso de institucionalización do país. A propia Constitución chinesa de 1954 está baseada na de Stalin de 1952, aínda que con dúas diferenzas importantes: a previsión de establecemento dunha presidencia do Estado, na altura reservada para Mao, e a colocación de todo o poder militar e policial baixo a dependencia estrita do Partido. Ambas previsións persisten na China actual.

Pero aquela amizade que se prometía “eterna” non pasou dos dez anos. As discrepancias políticas fóronse agrandando. Mao quería un proceso chinés autónomo, unha vía chinesa ao socialismo que fora máis rápido, unha estratexia económica orixinal que ao cabo deixara atrás á propia URSS. Stalin, pola súa banda, consideraba aos comunistas chineses coma ravos (vermellos por fóra e brancos por dentro, dicía), pero aínda se respectaban.

Con Nikita Jruschev, a cousa foi a peor. O líder que no XX Congreso do PCUS condenou o stalinismo viaxou a China en 1958 e 1959 (Mao regresara a Moscova en 1957) para tratar de conter o distanciamento e evitar un cisma que marcaría o devalar o movemento comunista internacional. As diferenzas en torno ao conflito de Corea, as tensións con Taiwán, a distensión con EUA, abrían unha fenda maior. Mao dicía entón que “non pode haber dous soles no ceo” en alusión á pugna polo liderado da Internacional Comunista. En 1960, en pleno Gran Salto Adiante (1958-1961), a URSS ordenou a retirada dos seus especialistas. Aquela voluntarista proposta de Mao substituíra ao II Plan Quinquenal, aprobado en 1956, e nunca chegou a aplicarse. O desvarío das previsións da estratexia económica maoísta e as calamidades naturais levaron ao desastre total, con millóns de mortos de fame, e unha derrota política importante para Mao que debeu ceder o poder a Deng Xiaoping e Liu Shaoqi, os seguidores da “liña capitalista” no Partido.

Tres tipos de zhuan jia
Esta primeira e convulsa etapa da Revolución chinesa no poder é importante tela en conta á hora de significar o papel dos expertos estranxeiros. En boa medida, eles son o espello desa evolución e acompañaron a atribulada historia da China de entón.

Cabería diferenciar nese sentido tres tipos de expertos: os convencidos, os escépticos e os inocuos. Falamos de cooperantes individuais, non da cooperación entre gobernos, que coa ruptura coa URSS quedou reducida á mínima expresión. Estes outros expertos eran expresión da solidariedade internacional coa revolución chinesa. Entre os convencidos, que podemos situar no período 1949-1979, cabe significar un importante nivel de adhesión ideolóxica, mais ou menos matizada, e un profundo sentido da lealdade ao proceso revolucionario. Os escépticos tomarían o relevo nos anos 80, a medida que se afianza a política de reforma e apertura alentada por Deng Xiaoping trala morte de Mao, e son figuras inevitablemente de transición que experimentan algunhas quebras en 1989, como consecuencia dos graves sucesos de Tiananmen. Por último, os inocuos, que actualmente predominan e poderiamos definir como especialistas ou empregados estranxeiros, veñen a concretar o declive da figura tradicional e pon o acento nas capacidades, talentos ou habilidades que nun momento determinado constitúen prioridade para o goberno chinés, consumando a plena desideoloxización da figura.

Sen dúbida, a fase máis rica é a primeira. Despois da retirada soviética, os estranxeiros expertos en determinadas áreas adquiren un gran valor para o PCCh. Cunha dependencia funcional do Consello de Estado a través da Administración Estatal de Expertos Estranxeiros, tiñan un status case diplomático, sendo obxecto de múltiples atencións en anos moi difíciles e de moito sacrificio para China. En materia salarial, alimentación, saúde, hospedaxe, etc. gozaban de condicións privilexiadas que se complementaban co fácil acceso ás mais altas esferas do poder. Mercedes Rosúa conta no seu Diario da China que se trataba dunha especie de “gaiola de ouro” da que resultaba imposible zafarse por mais que un quixera experimentar unha vida normal como a dos chineses e compartindo as súas privacións. Moitos pasaban as súas ferias en Beidahe, nas aforas de Beijing, a carón dos mais importantes dirixentes do país. Lembro a vivencia que me relatara o xornalista peruano Antonio Fernández Arce, experto na axencia de noticias Xinhua, cando o propio primeiro ministro Zhou Enlai ao saber dunha grave enfermidade da súa filla envioulle os mellores facultativos e puxo ao seu dispor unha unidade do exército para procurarlle as doazóns de sangue que precisaba. Moitos dos que permaneceron en China nesa época acabaron por convertela no seu fogar.

Poderiamos citar a algunhas figuras moi representativas dese tempo e dese espírito que os animaba. David Crook (1910-2000), por exemplo, británico pero formado politicamente en EUA na Gran Depresión, participou na guerra civil española e en 1938 colleu rumbo a Xangai. Crook uniuse ao KGB en España e na China seguiu estando ao seu servizo. Nos anos corenta comezou a impartir clases de inglés aos que desempeñarían mais tarde como os primeiros diplomáticos da Nova China e tomou parte na posta en marcha do Instituto de Linguas Estranxeiras. Outra figura de moito interese é Israel Epstein (1915-2005), polonés de orixe lituana que creceu en Tianjin. Xornalista de formación, coñeceu durante a súa estadía na China a persoeiros como Edgar Snow ou John K. Fairbank. Durante a invasión xaponesa foi correspondente de guerra para a United Press. Anos adiante, en Hong Kong coñecería a Song Qingling, a viúva de Sun Yat-sen, o pai da China republicana que nace en 1911, e acabaría por sumarse ao seu proxecto de edición da revista China Reconstrúe. En 1957, o apátrida Epstein asumiría a nacionalidade chinesa. Sidney Shapiro (1915-2014), estadounidense, formado en dereito e chegado a Xangai en 1947, involucrouse na política activamente naqueles anos desempeñándose como tradutor nun momento en que a Revolución precisaba de internacionalizar a súa visión e proclamas. Tanto Epstein como Shapiro desempeñaron cargos de representación na China dos anos oitenta, pasando a formar parte da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés. Outra figura de interese é Sidney Rittenberg, o primeiro estadounidense en se unir ao PCCh. Pasou 36 anos en China e a metade no cárcere, do que sairía en 1977. De xornalista en Radio Beijing exerceu como correo de Mao co presidente estadounidense Truman e acabou de conselleiro de varias multinacionais norteamericanas con negocios na China.

Todos eles se decantarían do lado da China nos momentos de crise e en asuntos convulsos (guerra de Corea, tensións coa URSS, Tibet…). Unicamente Crook tomou certa distancia en 1989, a resultas dos graves sucesos de Tiananmen.

Tamén houbo españois nese colectivo. En 1956, no marco do Tratado subscrito coa URSS, a Beijing chegaron, por exemplo, varios especialistas para axudar a poñer en marcha as emisións en español de Radio Pekín, que emerxía como complemento da Radio Pirenaica, que emitía dende a capital soviética. Jacinto Barrios, Pura Aznar, Kety Rodríguez, Teresa Barzana ou Irene Falcón, entendíanse en ruso cos seus colegas chineses ata que chegaron os primeiros falantes de español. Todos eles regresaron a Moscova cando chegou a ruptura sino-soviética. Outro tanto pasou con María Lecea, Ataulfo Melenda, Alfonso Graíno ou Quintina Calvo, profesores no Instituto de Linguas Estranxeiras.

Pepe, “El Gallego”, na Revolución Cultural
E así chegamos á figura de José Castedo Carracedo. A primeira referencia que tiven del foi a través do escritor peruano afincado en Beijing, Juan Morillo. O autor, entre outros, de “Memorias de un naufragio” relata nesta obra que cando el chegou á capital chinesa a finais dos anos setenta, o “rei dos expertos” no Hotel da Amizade (acomodado recinto construído polos soviéticos para acoller aos seus especialistas) era un exiliado republicano, “un culto, inteligente y malgeniado español”, toda unha institución que permanecera na China nos duros anos da Revolución Cultural cando moitos regresaran aos seus países. Conta Morillo que Castedo pasara de España a Francia, despois á URSS, regresou de volta a París supostamente desenganado do comunismo soviético e desembocou en Beijing en 1964, é dicir, en pleno período da restauración burocrática na China, aínda cos ecos frescos do fracaso do Gran Salto Adiante. Daquela, Castedo impartía aulas de español na escola anexa do Instituto de Linguas Estranxeiras que David Crook axudara a poñer en marcha.

Alusións mais precisas son as fornecidas por Wu Ruigen, primeiro alumno e despois compañeiro del na mesma escola. Wu, de nome español Fidel –suxerido por Castedo e de claras connotacións cubanas-, confirma aqueles extremos recollidos por Morillo na súa novela, pero introduce máis datos de interese. Orixinario de Ferrol, sempre se reivindicaba como galego (“España mi abuela, Galicia mi madre”, dicíalle). Segundo Wu, Pepe Castedo foi encarcerado despois da guerra, que o sorprendeu con apenas 22 anos, e acabou fuxindo a través dos Pirineos cara Francia, onde desempeñaría múltiples traballos en condicións moi precarias, sobrevivindo a duras penas. Esa reivindicación da orixe galega é confirmada tamén por outro coetáneo daquela época, o colombiano Enrique Posada Cano e por ese alcume cariñoso co que todos o coñecían.

Pepe Castedo non era de moitos amigos. Daquela, a maioría dos que arribaban a China traían con eles un pesado fardo persoal ateigado de militancias e derrotas. O tamén colombiano Antonio López Jurado, que chegara a China como resultado da súa militancia política clandestina, compartiu con el moitos momentos que derivaron en certa proximidade afectiva e aínda así, hoxe recoñece que todos eran reservados en moitos asuntos en boa medida como consecuencia das duras experiencias vividas. López descríbeo como unha persoa que acompañaba e sentía afecto pola política de Mao, pero non cegamente. Segundo el, Castedo participou na revisión da edición en español daquel Libro Vermello no que o mariscal Lin Piao resumira o pensamento maoísta. Ao cualificalo de republicano orgulloso, lembra igualmente que entre as súas pertenzas conservaba o uniforme de combatente que unha vez puxo para asistir a unha recepción dun primeiro ministro albanés que participara na guerra civil española, probablemente Enver Hoxha. Castedo confesábase como un gran admirador de Álvarez del Vayo, curiosamente quen tivera a Lois Tobío como segundo de máxima confianza cando desempeñaba no Ministerio de Estado. Como consecuencia da súa participación na guerra, Castedo perdera un ollo.

Coas aulas suspendidas durante varios cursos por mor da Revolución Cultural que se inicia en 1966, dous anos despois da súa chegada a Beijing, moitos profesores acabaron por abandonar China. Castedo non podía regresar a España. Tampouco a Moscova como outros fixeran antes. Quedou na China pero ademais interiorizando en boa medida o espírito daquel momento, tomando iniciativas que non sempre foron entendidas adecuadamente por algúns dos seus colegas. López lembra, por exemplo, a decisión –anunciada mediante unha simple nota pendurada na porta do seu apartamento- de rebaixarse o soldo á metade e trasladarse a vivir cos chineses na propia escola (en vez de no confortable Hotel da Amizade onde así e todo conserváronlle o seu apartamento), medidas difíciles de soportar naquel período de tantas carencias. Wu Ruigen conta que Pepe alegaba que era todo canto precisaba para cubrir as súas necesidades básicas. Os chineses cualificaron a súa actitude de “revolucionaria” e todos os demais víronse na obriga de seguir o seu exemplo e o movemento de rebaixas estendeuse a gran parte da comunidade estranxeira. O valor do seu salario era dez veces superior ao normal na época para os chineses.

A simpatía cos ideais maoístas e a ilusión daquela etapa utópica e brutal non lle impediu expresar o seu malestar cunha folga de fame cando os Gardas Vermellos prohibiron a música de Beethoven da que tanto gustaba, lembra Wu Ruigen, e que diariamente escoitaba no seu apartamento, un recuncho ateigado de libros, discos, pezas de porcelana e rolos de pintura clásica, na compaña da súa gata, vella e fedorenta segundo os amigos que o frecuentaban. Tamén tiña nalgún lugar a foto cor sepia dunha muller cunha nena entre os seus brazos parada fronte a unha casa feita toda de pedra cunha paisaxe de area por diante.

Relata tamén Antonio López que Pepe, en temas políticos, non se abría con calquera pero entusiasmábase moito cando se deixaba levar. Procuraba ser sempre pedagóxico e argumentativo, acompañándose de xestos enérxicos na súa exposición, facendo gala dun ton de voz in crescendo a medida que percibía acenos de contrariedade. Sen se mover do sitio, conta, os seus brazos ían desde a porta ata a fiestra da parede oposta, sempre fiando fino e reiterando con insistencia os seus puntos de vista.

En suma, a Revolución Cultural, un dos períodos máis intensos e convulsos da historia contemporánea chinesa, marcou de principio a fin a súa estadía. Nese momento de grande ideoloxización no país, Pepe Castedo transitaba entre o asombro e o escepticismo cáustico que lle atribuía Enrique Posada. Antonio López, que chegou a Beijing en 1975, na conclusión desa etapa, recoñece que aquel afecto mostrado polas posicións políticas de Mao acostumaba acompañalo de non pouca recriminación por ter pasado por alto ao seu propio partido para abrir paso á súa política, provocando un gran desconcerto.

Entre os amigos dese tempo cabe citar ao tamén colombiano Germán Sarmiento e ao uruguaio Vicente Rovetta con quen gañou moita confianza tras compartir carpa na rúa tralo grave terremoto de Tangshan en 1976 (7,5 na escala de Richter e un cuarto de millón de mortos). Vicente converteríase a partir de entón en “El Gaucho” para corresponder a cualificación de Pepe como “El Gallego”. Outra persoa moi próxima naqueles anos foi Rocío Hincapie.

Nese tempo de tanta efervescencia e tensión, durante a Revolución Cultural, David Crook pasou seis anos no cárcere acusado de espía. Epstein tamén foi enviado a prisión e nela permaneceu durante cinco anos. Shapiro non foi encarcerado pero si vítima de acoso e pasou moitas dificultades. Sobre todos eles recaera a sospeita de traballar para o inimigo, sexa o que for.

Un pedagogo autodidacta
O venezolano Wilfredo Carrizales, colega de Pepe Castedo primeiro e despois, anos andados, agregado cultural na embaixada de Venezuela en Beijing, non se recata á hora de exaltar o valor pedagóxico do mestre, resaltando a súa capacidade para crear métodos de ensinanza adaptados á mentalidade chinesa nun momento de carencia absoluta de materiais educativos.

Wu Ruigen lembra que para comunicarse con eles utilizaba mímica, debuxaba no encerado o que explicaba, cantaba, bailaba e xogaba cos seus alumnos, dedicando gran parte do seu tempo libre ao estudo e investigación de diversos métodos de ensinanza. Finalmente, sen ensinar practicamente nada de gramática, os seus alumnos aprendían a comprender e falar español chegando a ser excelentes tradutores e intérpretes.

Conta tamén Chen Chulan, memoria viva da ensinanza do español na China, que Castedo caracterizouse sempre por manifestar unha gran dedicación e entrega. Lembra, por exemplo, que en 1973 regalou á escola os dous tomos de “Vida y diálogos de España”, cunha serie de casetes e diapositivas cuxo custe equivalía ao seu salario mensual. Este material usouse a partir do curso seguinte e durante bastantes anos, con excelentes resultados. Expoñente do método estruturo-global audiovisual tamén se traballou bastante con el en España.

Da súa condición de axudante de dirección probablemente lle viña a súa enorme afección á fotografía que compartía cos seus alumnos en saídas curriculares. Carrizales ten lamentado moito que non existan apenas fotografías súas pero tiña de seu retratos dun Beijing que xa desapareceu e non voltará mais. O escritor venezolano lembra que Castedo lle amosou unhas fotos tomadas na praza de Tiananmen en 1964, ao pouco de chegar, onde se apreciaban camelos bactrianos procedentes de Mongolia Interior repousando no chan ou tirando das caravanas que viñan en convoi desde o deserto de Gobi transportando mercadorías. Pepe gardaba tamén como ouro en pano testemuños gráficos das murallas (coas súas impoñentes portas) que rodeaban a capital imperial e cuxas derradeiras seccións foran derribadas precisamente naqueles primeiros anos da súa chegada.

Enrique Posada conta tamén que Castedo traballou como cineasta en París e levouse para Beijing unha pequena cámara de cine que utilizaba para inmortalizar momentos especiais. Un deses momentos puido custarlle un desgusto cando tentou gravar as mobilizacións dos gardas vermellos na praza de Tiananmen e estes reclamáronlle a entrega da cámara, cousa que el rexeitou a pesares dos berros e ameazas. Non había outro “Nariz Larga” en toda a praza naquel Beijing en plena ebulición. Cando a piques estaban de obrigalo a facer as nove reverencias tocando o chan coa fronte en mostra de respecto a Mao, un automóbil negro con dous homes dentro apurouse a rescatalo.

Nesa época en Beijing tivo tamén a oportunidade de tratar a Viriato da Cruz, un dos poetas angolanos de maior relevancia que axudou a crear o MPLA chegando a se converter no secretario xeral deste movemento. Viriato acabou en París por mor das contendas internas e dende alí exiliouse en Beijing. Crítico co maoísmo e co seu intento de influenciar o movemento de liberación angolano para contrariar a ascendencia soviética, pasou anos difíciles en China onde falecería, esquecido, en 1973. Pepe dicía del que se equivocaba ao “poñerse en contra de todo”, esquecendo que os chineses o rescataran dun cortello en París.

Trala morte de Franco
A morte do xeneral Franco abriu unha nova etapa en España. Nun primeiro momento, Pepe Castedo descreu da reconciliación anunciada e rexeitou a posibilidade de pisar o “maldito chan falanxista” da embaixada española en Beijing para solicitar a expedición dun pasaporte. Cando algún colega lle comentou que ata á Pasionaria invitárona a regresar, non dubidou en cualificala de “santa pomba” para o novo goberno. Só estaba disposto a crer no desexilio se permitían a volta dun tigre como o xeneral Álvarez del Vayo….

Catro anos despois, en 1979, Pepe Castedo decide regresar a España. Faino en contra da opinión dos seus amigos chineses que lle suxerían explorar o terreo con visitas esporádicas. Tiña entón 66 anos e coñecera un tempo antes a unha filla, Mercedes, que deixara en España e coa que lograra recuperar o contacto, chegando a visitalo en China.

En 1980, o goberno español concedeulle a Cruz de Alfonso X El Sabio, a instancias do embaixador Felipe de la Morena y Calvet, con base nos seus méritos educativos, tras 14 anos de ensinanza do español con métodos autodidactas e baseados en gran medida na mímica nos seus primeiros anos, segundo reza o argumentario oficial. O autor de “Deng Xiaoping y el comienzo de la China actual”, lembra con asombro o empeño de Castedo para garantir unha aprendizaxe de calidade cuns medios mínimos durante case tres lustros, formando xeracións de alumnos que pasaron a ocupar postos de responsabilidade no Estado ou no Partido. Por aquel entón nesa escola cursaban estudos de formación en linguas estranxeiras uns mil alumnos.

Ese recoñecemento foi consecuencia do establecemento de relacións diplomáticas entre España e China, que se produce en 1973. Un dos primeiros embaixadores españoles en Oriente foi José Ramón Sobredo y Rioboo, natural de Ferrol, e hai quen asegura que mantiveron certa relación aínda en vida do ditador, circunstancia que parece improbable dada a súa visceral oposición ao falanxismo. Sobredo foi organizador da primeira viaxe dos Reis a China en 1978. Javier Reverte, en “La aventura de viajar” comenta esa viaxe e sinala que os intérpretes chineses que os acompañaban tiñan todos acento galego precisamente porque quen lles aprendera fora Pepe Castedo, un persoeiro curioso, di, a quen naquela altura non tivo a agudeza, recoñece, de saber mais del.

Cando en 1981 regresa a China para ser honrado con aquel galardón na embaixada española en presenza de numerosos altos funcionarios chineses, xa deixaba entrever o seu arrepentimento por aquela decisión. Tentou regresar de novo ás aulas pero non era posible. Ficou tres meses, ata que expirou o seu visado, pero non mais.

Establecido en Málaga coa súa filla, os desencontros familiares foron en aumento. Un día ela desapareceu, conta Wu Ruigen, levándose todas as cousas de valor. Desesperado e desconcertado, Pepe Castedo trasládase a Madrid onde intenta restablecer vínculos con coñecidos e coa familia de Ferrol, cousa que non logra. Segundo Wu, ao parecer, por unhas ou por outras, a pesar de que na cidade departamental tiña orixes acomodadas, o seu entorno familiar deulle as costas por razóns políticas. Desesperanzado e deprimido, o 24 de decembro daquel ano, suicídase na capital.

Un galego de Madrid
De Ferrol era realmente a súa nai, Carmen, pero José Castedo Carracedo non naceu no Ferrol o 1 de Maio de 1914, senón en Madrid. Tiña outro irmán, Juan. O seu pai, José, era de orixe asturiana.

En 1951, José Castedo, casou en Madrid con Nieves García-Boanes Álvarez, natural de Oviedo e taquígrafa de profesión. Tiña José 37 anos, axudante de dirección de profesión, e a súa dona 22. Nalgún momento explicaría aos seus contados amigos íntimos que o casamento durou o que durou ata que se separaron porque a guerra civil colocounos en dous bandos enfrontados.

Cabe imaxinar que fuxiu a Francia despois desa data e non inmediatamente despois da fin da guerra civil. Curiosamente, no Fondo Irujo é sinalado como un “axente disfrazado, provocador por cuenta de la Embajada”, unha definición que non semella concordar coa súa traxectoria en China. En París, mercé, entre outros, á súa condición de lugartenente durante a guerra, obtivo o estatuto de refuxiado político co aval de Julio Just, quen asumiría varios cargos durante a República e no exilio. Just, deputado por Valencia, militara en Izquierda Republicana. E tamén en París procuraría a opción de trasladarse a Beijing como experto estranxeiro. A Francia do xeneral de Gaulle, en 1964, en plena guerra fría, foi o primeiro país de Occidente en recoñecer ao goberno da República Popular Chinesa nunha exhibición de autonomía fronte a EUA que xa quixeramos ver na Europa de hoxe.

Nas cartas que enviaba desde España ao seu colega Wu Ruigen, Pepe Castedo deixaba entrever a súa nostalxia, con palabras de afecto para cada un dos seus mais próximos, confesando que se adaptaba dificilmente ao novo ambiente: “os problemas son múltiples, case non saio, continúo cos mesmos costumes que no Hotel e pasará aínda un tempo ata sentirme seguro” (30 de maio de 1979), circunstancias agravadas polo trauma que supuxeron polas dificultades para recibir parte da súa equipaxe (unha caixa con libros, fotos e outras cousas) por mor dunha folga de estibadores nos portos de Barcelona e Bilbao que levou ao buque a desviarse ata Rotterdam. En mala situación económica, Pepe debeu requirir o apoio da súa antiga escola en Beijing ante o risco de perdelo todo.

Castedo abandonou China cando esta comezaba a reforma e apertura de Deng Xiaoping. Nunha carta de 3 de abril de 1980 explicaba a Wu que estaba traballando sobre a China histórica, “nada de los tiempos modernos que tanto me defraudaron en todos los aspectos”. Nesa mesma misiva recrimina o rápido esquecemento, a falta de resposta ás propostas de ciclos de conferencias ou cursiños de literatura española que trasladara á dirección dunha escola á que tanto dera de si mesmo. “Pepe terminó para vosotros el día que partió”, sentencia.

Finalmente, “no quiso que nadie le tuviera lástima, no quiso causar problemas de ninguna especie”, di Antonio López explicando a súa derradeira decisión.

Cook, Shapiro ou Epstein deixaron cousas escritas. Lamentablemente, Castedo non. Que saibamos.

Xulio Ríos é director do Observatorio de la Política China.

Agradecementos: Moi especialmente a Wu Ruigen e Antonio López Jurado polo inmenso valor dos seus testemuños e achegas.

Bibliografía
Botton, Flora, Los viajeros que se quedaron: Extranjeros en la Revolución China, Estudios de Asia y África, vol. XLII, núm. 2, mayo-agosto, 2007, Colegio de México.
Carrizales, Wilfredo, Itinerario memorioso por el Beijing de otrora, Letralia, 11 de abril de 2013
Heymann, Juan Andrade, Las Tertulias de San Li Tun, 1993, Quito, Ecuador.
Mao Tse-tung, In Memory of Norman Bethune: serve the people, Pekin, Foreign Languages Press, 1966.
Morena y Calvet, Felipe de la. Deng Xiaoping y el comienzo de la China actual. (Recuerdos de un testigo). Editorial Cuadernos del Laberinto, Madrid, 2016
Morillo Ganoza, Juan. Memoria de un naufragio. Editorial San Marcos, Lima, 2009.
Posada Cano, Enrique. En China dos veces la vida. Edición en Artgerust.
Reverte, Javier. La aventura de viajar. Historia de viajes extraordinarios. De Bolsillo, 2011
Ríos, Xulio, Flores para Pepe Castedo, Praza Pública, 17 de xuño de 2013.
Rosúa, Mercedes, Diario de China I. Sian, Ediciones de La Torre, Madrid, 1979.
Wang, Yang, La herencia de la República Española en China, China Features, 10 de abril de 2009.
Wu, Ruigen, Un gran amigo y colega inolvidable, en China Hoy, xullo de 2004
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES