Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 01 de febrero de 2019
O Carballo vello das mestras

Pingas de OrballoO carballo das Mestras marca o tempo e Sabina Tálica Codeso senta á súa sombra. Cun caxatiño furga no chan debuxando as veas abertas dunha soidade que a está oprimindo. Por pouco tempo. Na distancia ve ó seu noivo e alporízase acenándolle para que a vexa. Maeloc Bispo Xesta axiña dá con ela porque xa intuía a súa posición. Bótase a correr. O tempo, en cuestión de amores, adoita ser curto. Ou longo, todo depende. Logo duns biquiños, Sabina dille a Maeloc que sente, que el contemple o río Arnoia e que ela escoitará o ruxerruxe da auga. E quedan en silencio os dous, abrazados ó carballo vello das Mestras. Notan a rugosidade do pasado, da lonxevidade de tal maneira que alzan as súas olladas e ven a forza dun tempo eterno, de dous camiños con dirección á inmensidade, a unha vida que crecerá ata o infinito e máis alá. Maeloc Bispo colle a man de Sabina Tálica para pousala no seu peito. Ela abre os ollos e acórase ante a forza dos latexos del. Deixa de escoitar o ruxerruxe da auga. Maeloc deixa de contemplar o río Arnoia. Agora atravesa os ollos dela. Con disimulo acariña a engurra, o pregue da casca do carballo vello das Mestras. Collidos das mans atravesan o río Sor para a Ansuíña. Hai carballos que te xonguen a unha felicidade eterna.

O Tiburón Vermello de Paco

Lembro que o libro “Cinco horas con Mario”, de Miguel Delibes, me impresionara tanto que sabía ó momento que, durante un tempo, escribiría desa maneira. E durante un tempo, polos anos oitenta, escribín relatos a base de monólogos. A compañía Silvardeiras Teatro (que se non erro é de Allariz) representou hai uns días na Casa de Cultura Manuel María de Barbadás a obra “Tarabeleando con Mario”, que, como se intúe, é unha versión moi libre da novela de Delibes. Aínda que eu, logo de ver a obra, case a titulaba como titulo este Pingas de Orballo. Porque o coche da marca Tiburón máis o Paco tiñan o seu aquel. Once viúvas, de distinta índole e condición, desde a ama de casa Pingas de Orballoata a hippy, desde a beata ata a boticaria e pasando pola costureira e a chorona, entre outras, culpan ó seu home defunto, ou sexa, a Mario de todas as adversidades, frustracións ou calamidades da vida. Que xa sabemos todos que esta pon moitos atrancos no noso curto percorrido. Pero sorteámolos. Coma elas, coma esas viúvas que esquivaban, que eludían os atrancos grazas ó Tiburón vermello e a Paco, claro. Ó final, Paco era un artistiña de moi bo ser e mellor estar. Tanto que lle comeu a todas a boroa. Ó final saín contento de “Tarabeleando con Mario”.

Desde un balcón

Collo unha cadeira do salón e pásoa ó balcón. Sento. Contemplo o luscofusco dun tempo que se vai. Tamén marchou a señardade para acocharse detrás dun outeiro, aínda que, ó mellor, igual era unha matogueira. A bocanoite xa non deixaba ver máis alá dun sentimento. Ó mellor era un pensamento. É igual. Sigo a contemplar algo na distancia e escoito o ouleo dun lobo. Ó mellor era un bramido dun corzo. Na distancia, alá onde marca a marxe un recio carballo, vexo por entre as súas gallas algo así como unhas nubes cheas de filosofía. Ó mellor era unha apotegma que caía dun suspiro ou dun salaio, que é o mesmo. Deixo que a perna esquerda cabalgue sobre a dereita (mentres eu teña coñecemento, xamais na vida a dereita se porá enriba da esquerda), ó mesmo tempo que asoma un sorriso pillabán porque, alá, no distanciamento, unha rula faime sinais de amor cunha á. O que fai ás veces unha simple á! Demo negro, foi un espellismo! Reláxome e deixo que a música de Maurice Jarre penetre polos meus oídos. Ó mellor é Ennio Morricone. Ergo da cadeira, asento as mans sobre a varanda do balcón e berro. Por fin berro! Tanta parvada de sentimentos nin o carallo! Berro polo infinito e máis alá! Polo universo sen fin! Pola galaxia máis afastada! Berro polos astronautas! Sento. Quedo en paz.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES