Un de... Cincocentos?
Polo mes de xullo de 1926, Ourense contaba cuns 700 vehículos matriculados, coche arriba coche abaixo. Toda a provincia de Ourense. Non sei cantos lle corresponderían á propia cidade. Pero por moitos que fosen, naquel ano, non creo que os accidentes fosen moi abundantes. Non obstante, habíaos. Un deles acontecen na rúa Progreso. Unha camioneta atropelou á anciá María de la Iglesia, de 60 anos de idade, e

veciña da capital das Burgas (ollo ó dato, por eses anos, ter 60 anos era ser vellos). A mulleriña levaba en brazos a un neto de dous anos e medio. Cando intentou atravesar a rúa, e a pesar de que axiña viu a camioneta, non tivo tempo de retroceder e alcanzouna de cheo desprazándoa uns metros. Axiña a trasladaron á Casa de Socorro, pero faleceu xusto ó entrar. O milagre aconteceu coa criatura que levaba encima: que saíu ilesa. A camioneta, que levaba moita carga, dirixíase á estación do ferrocarril. Conducíaa o chofer Germán Silveira, veciño de Baños de Molgas. E de copiloto ía o propietario da mesma, don Ángel Martínez. O dramático do asunto (a maiores do fatal desenlace) penso que está no detalle de que, case sen vehículos, a señora cruzase xusto cando viña un de... cincocentos, por exemplo?
Madeira e papel
Estaba vendo un programa na televisión e como acabou, apaguei o aparato. Marchei á biblioteca. Fun andando. Puiden coller o helicóptero, pero por medio quilómetro non merecía a pena. Fun andando. Pola beirarrúa. Pola beirarrúa dereita. Desde a beirarrúa esquerda unha muller miroume de mala maneira. Díxenlle ola coa

punta da lingua. Non sei cantos papeis traio no peto traseiro do pantalón vaqueiro. Oe, neniño, sabes que o papel sae da madeira? Si, amiguiño, si; duns carballos que fun ver precisamente onte a un souto que, mira ti por onde, non coñecía. Era a primeira vez que fun a esa poula. E fíxeno coa aplicación que teño no móbil do Sixpac. Oe, unha marabilla!, á primeira. Á primeira quere dicir que acertei á primeira. Ten boa leña, si. De aí sairá moito papel para que eu escriba cousas sobre el. Sobre o papel, non sobre a madeira; que tamén pode ser. Ai si, tamén esa leña de carballo pode ser para quentar as partes. A ver!, quen non se escarrancha ante un bo lume diante dunha cheminea. Cheguei á biblioteca e chamei á muller para que me fora buscar co helicóptero. Ter un helicóptero e non usalo tampouco é plan. Chegou ó Mercadona da Valenzá facendo ruído, pero... Pero, iso si, a Maceda vou traballar co coche. Son moitos quilómetros para o helicóptero.