Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (1)

martes, 29 de enero de 2019
Bailando na punta dun fuso (1)
¡Al hamdu lillah! Romeu e Xulieta eran tan afíns, tanto, que incluso acabaron a carreira xuntos, no mesmo día e na mesma Facultade! Uns dixeron que tiveran padriño, e outros que padriños nunca lles faltaban se axuda precisaban. En todo caso, Alea jacta est, con sorte ou sen ela, con padriños ou sen eles, a sorte, de momento, estaba da súa parte! Bailando na punta dun fuso (1)Obedeceran, ¡oh casualidade!, pois nas dúas familias, nas dúas casas, tiveran idéntico consello: ¡A mellor cadeira, a mellor carreira para arrasar, para pasarlle diante ao pobo raso, é a dos Senadores! Entón aquel rapazolo, aquel Romeu, fixo este comentario:
-¿Así que volvemos ao de, Tout pour le peuple, rien par de peuple? ¡Vaia, vaia; canto me faltaba por saber!

-¡Fillo querido, aprende, que estás no tempo, e non sexas inxenuo, pois nesta España dos nosos entregos nunca dese estado se saíu, e que se dean por satisfeitos os plebeos, pois nin en Roma tiveron outro tanto!

Xulieta, máis obediente, ¡daquela!, nin comentario fixo. ¡Aceptou, e acertou, rematando con matrícula!

Romeu procedía do Pazo do Monte, un señorío montesco, nas bocarribeiras do Miño alto, que o facían derivar dunha villae romana herdada dun Centurión que participara na batalla do Medullius. ¡Pagáranlle os servizos, a xubilación, en terras, en terras dotadas de cen escravos, que por algo fora Centurión! Seus pais, os do noso Romeu, militaban no PSOE, pero eles, segundo viña de costume dos fidalgos, nin eran socialistas nin obreiros. Iso importaba pouco de esquecido don Pablo, de esfarelados os seus ósos naquel panteonciño do Cemiterio Civil de Madrid, a onde xa ninguén levaba flores: ¡Morreran aqueles que saltaban as tapias do cemiterio, en tempos de Franco, para depositar, de noite, para que non os visen os da Cara al Sol, senllos ramos de rosas! ¡A auga, de pasada, non move muíños, e sen muíños non hai fariña!

Xulieta, ¡que procuraba disimular as alas para non estar demodé!, era un anxo, e iso que viña da cúpula local, dos Capuletos, unha familia que, tamén para disimular, ¡para disimular os seus intereses, ou mellor dito, capital e intereses!, afiliouse ao PP, xa nos tempos de Fraga. Daquela fixéronse da fraga, internáronse no bosque popular, por máis que de bosque tiñan pouco pois o seu xardín estaba na dianteira dun chalé residencial, disimulado detrás dun letreiro no que se lía, “Casas Baratas”. ¡Unha esmola de Franco, daquelas que concedía aos ricos que tiñan interese en pasar por pobres para disimular os usos, os usos e mailos abusos, da súa información privilexiada, tan de moda nos Corenta… ¡Nos de Alí Babá, non, nos outros! Pero o gran xardín tíñano na Bolsa, coas reservas invernando en Suíza, no país das montañas, por se algún día o sol quentaba demasiado en España de tanto poñerse de cara, de tanto ir á praia, de tanto viaxar a Madrid coa camisa nova, coa bordada en rojo ayer!

Romeu e Xulieta non se visitaban nas casas respectivas para conservar intacta a filiación política, familiar; seus pais adoitaban celebra-los pactos en lugares discretos, tal que en Santiago, baixo a capa e coa bendición do Apóstolo, que así quedábanlles santificados. Non eran Avogados, non eran Letrados, pero aínda así coñecían, e acataban, o lema: Do ut des! Os mozos, á imaxe e semellanza dos seus proxenitores, evitaban as terrazas da Praza da Constitución considerando que sería impopular que os visen confraternizando…; iso do, Que dirán! Así que, ao verse nas listas dos Aprobados, telefonáronse para darse persoalmente as congratulacións do caso…, tal que nos bancos do Parque rosaliano:

-Querido Romeu, con esta néboa…!

-Nesta época do ano, á media mañá vaise; e como che gusta asomarte ao balcón do Miño, pensei…!

-Por min, encantada! O tempo xusto de afeitarme!

-¿Muller, afeitarte? ¡Iso fareino eu!

-Pois eu, tamén, pero, dos outros, ou xa esqueciches, co título na man, que en galego chámanse “afeites” os adobíos, os adornos, e tamén os cosméticos que usamos as damas de caste?

-¡Claro, claro; comprendo! Pero non te poñas a toga, ¡aínda non!, pois, antes cós preitos veñen as avinzas! E quero facerche unha proposición…, a máis honesta de todas!

-Daquela, aceptado!

…

¡Vaia se houbo avinza, pois no mesmo banco de debaixo da sequoia sempervirens xuráronse amor eterno, amor para sempre: vivir xuntos, por mal que viñesen os tempos, por néboas que subisen do Miño!

Xulieta, -¡que as mulleres sempre foron máis pragmáticas cós homes!-, sen soltarse da man do seu idolatrado:

-Romeu, para decidilo antes de que nos sobreveña unha discusión, ¿ti, que propós: facelo a gananciais, ou con separación…?

Romeu, sen soltarlle a man:

-Querida, cando hai amor, mentres dura, o propio é a mancomunidade. De aveciñarse desavinzas, ou herdanzas cuantiosas que desequilibren as partes, daquela, cunha simple peritación…; ou logo, de que nos serve o Dereito?

-¡O que ti digas, meu amor, pero non podemos esquecer o que nos ensinou ese Profesor de Romano, que o Dereito se torceu coa chegada dos xermanos…, e eu son de orixe sueva, que así me define o meu apelido, que xa sabes que vén dos Gomá!

-Xa o sei, muller, que non en balde, nin de balde, me viñan predicando os meus que, Animus meminisse hórret, que se lles horrorizaba a alma co noso noivado pois presupón a fusión de dúas razas, antano antagónicas. ¡Dúas razas e dúas políticas, dous xeitos de entende-la vida, pero de aquí en diante, dispostos ao mestizaxe, tanto de razas como de políticas…; que se fodan! En nós, e con nós, remata esta xenreira, máis aparente que real, entre Montescos e Capuletos.

-A ti dominoute o Animus possidendi porque os meus son máis ricos cós teus; pero que quede claro que nin a min mesma me posuirás ata que…, ata a bendición sacramental! E de capitais, xa que non lle dás importancia, deixémolo, en principio Ad calendas graecas, que despois, Deus dirá!

-Xa que te pos de latín, direiche que, Appetitus rationi pareat! ¡Démoslle preferencia á razón, e daquela deixamos os apetitos para máis adiante, sine die! ¿Vale?

Como no Parque non había papeis onde firmar, selaron aqueles pactos con un bico, longo e apaixonado! Sentíanse felices, satisfeitos, así que nada lles custou deixa-las perdices para o día da voda.
…

Na entrevista seguinte:

-Romeu, falaches cos teus; acceden, transixen?

-E ti, cos teus? –O normal nestes casos, repreguntar!

-Non queren que se repita aquel drama dos Capuletos e dos Montescos, así que, aínda que non os convence iso da non separación de bens, en principio aceptan, pero queren o teu xuramento, por ante testemuñas… ¿A quen pensas levar na presentación das cartas credenciais?

-Miña Xulieta, ¿chegaralles con meus pais, e co Xuíz Agrelo actuando de Fedatario?

-¡Meu amor, estás en todo! ¡Espiritualmente xa me sinto casada! ¡Bícame!

-Pero, Xulieta, aquí, medio a medio desta rúa da Raíña…? ¡Para máis vergoña, de Isabel II, unha raíña sen vergoña!

-Daquela…, ¿daquela podemos ir ao meu balcón predilecto, ese do Parque, que así dámonos un morreo en sitio discreto, sen que teñas que subi-las escaleiras da muralla?

O Parque non era un Hostal dos Reis Católicos, pero, para pactar un casamento…, inmellorable! Xulieta, a pragmática Xulieta:

-Dando por sabido que, aínda que son de dous partidos, os nosos non farán oposición de ningunha clase, onde santificaremos estes amores? ¡A min gústame a igrexa de Luaces, que de por alí son os meus entregos!

-¿Sabes que iso é unha gran idea! E como queda cerca, podemos pasa-la lúa de mel con certas economías, pois o pazo de teus avós, os de San Martín de Lúa, queda cerca, como a dous litros de gasolina!

Din os vellos que, Dous que dormen no mesmo colchón, vólvense de igual opinión, pero neste caso ao rapaz contaxióuselle o pragmatismo da rapaza, antes, moito antes, de estrear colchón, e xa fose de estrea o daqueles vellos de San Martiño da Lúa!

Feita a petición acordaron data, e sen amoestacións, pois dous Letrados non precisan diso, que xa se amoestan eles.

-Primeiro debemos localizar un piso axeitado, a ser posible dentro das murallas, que son máis abeirados, menos frioleiros… E para que despois non haxa desavinzas, mellor será que nos poñamos a buscar con tempo, desde mañá mesmo, sempre collidos da man…, que así establecemos unha corrente telepática, evitando desacordos futuros, que se che gusta, que se non, que se é caro, que se é demasiado humilde para nós, que tales veciños teremos, de que clase social son, ou serán…; todo iso!

Unha vez concordados no piso, no piso e no prezo, o paso seguinte foi pasarse polo Banco, e non precisamente por aquel do Parque senón por outro máis pragmático, menos romántico. ¿Que tiñan que levar? De entrada, e para paga-la entrada, a dote aportada polas familias respectivas; seguidamente os avais de seus pais, cos avós, cos tíos, cos primos…, ¡como se fai, como se pode facer, nas familias de ampla e de alta liñaxe! Por último, na mesma Notaría da compravenda, unha cerimonia hipotecaria, pola metade da taxación pericial, con un tres por riba do Euribor, ese tipo europeo da oferta interbancaria, que se puxo de moda ultimamente. ¡Ah, pero chegado a este punto o Apoderado do Banco, un meticuloso de coidado, esixiulles aos novos propietarios que, ante o mesmo Notario, e co seu DNI en ristre, lle firmasen á Entidade, ao prestamista, un poder irrevogable autorizándoo a vender, sen taxación previa, aquel piso, co mobiliario incluído…, por se os outorgantes non querían ou non podían seguir adiante coa hipoteca! ¡Certas cousas que, cando non hai confianza, dan noxo!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES