Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir a galope. María Xosé Queizán

lunes, 28 de enero de 2019
A galope. Porque o tempo pasa demasiado rápido. Porque non se trata dunha vida común senón dunha existencia complicada. Porque estamos ante unha creadora que conta con moita obra pero tamén dunha muller con moitos intereses que se trasladarán Vivir a galope. María Xosé Queizána profesións e traballos. Porque é unha muller comprometida co país, a súa lingua e cultura, coa esquerda e co feminismo, e que busca a coherencia coas súas opcións políticas ou mesmo sexuais.

A galope, percorrendo este tempo que transcorre desde 1939 á actualidade, desde os antecedentes familiares ata a madurez, pasando por todas as etapas persoais e sociais. A galope, dando opinión sobre as persoas coas que comparte tempo, sen ningún tipo de censura, como a nena que aparece na foto da cuberta.

Nós non imos a galope, nós lemos esta autobiografía demoradamente porque é o encontro cunha persoa que reflicte o seu tempo sen fisuras, mostrándose tal como é, coas contradicións que corresponden a unha existencia contextualizada nun tempo. Lemos pausadamente, dándonos o tempo de enfrontar esas memorias que semellan un libro de libros porque ademais da vida persoal está a colectiva en xeral e a dos que compartiron momentos con ela e tamén nos son coñecidos, está a documentación e ambientación das súas obras, a historia do feminismo galego, están as persoas que escriben literatura no país e as que tiveron determinadas opcións políticas en certos momentos,... Trátase dunha historia particular pero tamén dun símbolo no que moitas se verán representadas.

Para quen le estas palabras desde Lugo, terá interese en centrarse nesa parte na que a autora escribe sobre o tempo no que acompaña “ao seu marido” (como ela di) cando traballa no colexio Fingoi baixo a dirección de Carballo Calero, que acaba de saír da cadea. Todo o referente a este colexio e o seu promotor, don Antonio Fernández (Antón de Marcos), pai de doce fillos que xa case dan para crear unha escola que ademais os educará con criterios pedagóxicos progresistas e modernos. Nunca se falará demasiado de personalidades como esta, que para moitos permanecen no máis absoluto silencio e que tiveron un papel fundamental no pouco que se pode salvar daqueles tempos e deste país. Situados en Lugo, tamén se fala das tertulias, da do Madrid á que acoden con Celestino Fernández de la Vega, Fole e outros.

Fálase de como Lugo a remite a frío e cidade pechada entre murallas, de personaxes como Novoneyra ou Moreda ou da novela de Josep Mª Palau i Camps que escribe Un cadáver desconcertante recollendo da obra de MXQ, A Semellanza, un personaxe e introducíndoa a ela tamén como personaxe, nesta cidade, no medio dunha trama de serie negra.

A polígrafa, que ten cultivado todos os xéneros, recala no memorialístico a través dun volume de oitocentas páxinas onde o quere contar todo, ata o punto e recoller unha bibliografía e mediateca completa, de forma que as investigadoras que queiran continuar o seu traballo o teñan máis doado. Porque estamos ante unha escritora fundamental do sistema literario galego, por algo, a súa primeira novela (Coa orella no buraco) será a segunda escrita en galego por unha muller, unha obra que segue os postulados da Nouveau Roman ao mesmo tempo que a de Ferrín (Arrabaldo do Norte); unha autora que é pioneira no ensaio, no teatro e no guión cinematográfico e, para rematar, dela é a primeira obra de literatura infantil na que as mulleres adoptan un papel protagonista e activo avanando desde a razón (O segredo da Pedra Figueira). Unha muller de teatro que o escribe, traduce, fai dramaturxia, actúa ou dirixe naqueles tempos de silencio e escuridade.

Unha muller que se moveu con liberdade nun mundo pensado para que só o fixeran os homes, e que agora nolo conta. Ao tempo, comparte con nós as súas descubertas; paso a recoller algunha delas a modo de píldoras:

“A Transición non supuxo volver ao goberno anterior á ditadura, ou sexa, a República. Pola contra foi un retroceso,unha orde franquista asumida, un modo post morte ao ditador, que considerou que a el só un rei podía substituílo, un rei mediatizado polo déspota, un rei a quen proclamou despois de facerlle a coroa á medida do nacionalcatolicismo que debía reinar en España. Por iso a Igrexa segue dominando, por iso aínda hai franquistas, por iso a praza que a xente demos en chamar a Farola, non se chama Praza da República, como antes, e pola contra temos unha Praza do Rei que antes non existía”

A respecto do ensino público, no que matricula aos seus fillos, escribe: “non se debe ter unha ideoloxía para certas cousas e outra diferente para outras” (...) coma todos os centros de ensino público, supuña un microcosmos da sociedade. Neste sentido o ensino público avantaxa moito á mellor das escolas privadas. O alumnado sae mellor preparado para enfrontarse coa vida, ao teren no estudantado a diferentes status sociais e no profesorado docentes con diferente ideoloxía”

Rematemos cunha defensa da conversa:

“Aquel día tivemos unha magnífica conversación paseando por Castrelos. Un deses momentos que quedan incrustados como pracer intelectual, aínda que non se lembren os temas tratados. Eses abrazos neuronais, son transcedentais. Vivín algún e gárdoos como un tesouro. Impresións, encontros, unións. Son momentos de fulgor que non se repiten igual, no mesmo lugar, nin coa mesma persoa. Como estrelas fugaces, parten da nosa mente, da nosa comprensión e producen unha lucidez especial”

Igual que na conversa, ás veces lendo, tamén conseguimos eses abrazos neuronais.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES