Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A batalla das ideas

viernes, 25 de enero de 2019
Os que menos teñen descobren a carteira máis delgada. Se palparan os miolos verían que tamén lles están a roubar as ideas. Ademais de poder e riqueza, as élites tamén se apoderan das ideas ata que toda política lles beneficie.

Think tank, medios, campañas mediáticas: todo vale para gañar a batalla. Ubicuos tertulianos imparten a "boa nova" neoliberal contra o utopismo de partidos nacidos de movementos indignados. Quedan efémeras explosións cólera nas rúas, ruído minifundista nas redes sociais. A soa idea dunha banca pública, remunicipalizar a xestión da auga ou que infraestruturas viarias volvan ao Estado recibe un bombardeo de descualificacións. Convenceron que foi bo rescatar bancos afundidos. Tentan agora que a universidade volva a couto elitista. Que a sanidade pública será un luxo impagable. Que o sistema de pensións periga e o sensato é un plan privado. Que a xestión privada é eficiente e a pública un dexastre. Todo un vademécum de ideas falsas apoiadas por unha minoría potente e documentada fronte a unha maioría dividida e indocumentada. Ao fin, unha paisaxe económica e social onde medra o medo, a inseguridade e a desigualdade.

Esas ideas calan e a xente do común acaba aceptando que subir impostos aos ricos é malo. Que os soldos indecentes das estrelas de fútbol son merecidos. Que recortar o gasto social garante o equilibrio das contas. Que só con austeridade volverá un futuro de leite e mel. Que o mellor para a economía é desregulala. Que os sindicatos son organizacións de parásitos e os convenios frean ás empresas. Que non hai alternativa.

Os que protestan son utópicos, populistas, radicais que levan ao precipicio. O sensato é privatizar recursos públicos. No credo da cobiza, o novo dogma é o da competitividade. Pero este fundamentalismo económico das élites éche un asasinato contra os recursos naturais e contra os seres humanos. O FMI e a OCDE alertan do perigo de fractura social... ao tempo que esixen máis axustes. Iso non impide aceptar que existan paraísos fiscais no corazón de Europa onde os ultrarricos xogan sucio e pagan poucos impostos. Ou que ferocísimos partidarios de adelgazar o Estado atopen xacementos de riqueza nos boletíns oficiais.

Enerxía, banca, auga, hospitais, autopistas, ferrocarrís, a herdanza da avoa que custou séculos xuntar, cae nas gadoupas dos cartos. Porque iso é bo e razoable. Non é certo: son dogmas contra toda evidencia, unha economía contraria ao sentido común, unha acumulación indecente de riqueza, unha sociedade rota e un futuro que amenaza ao planeta. Unha sociedade de 'perdedores' precisa do paraguas do público para que uns poucos gañadores non quedan con todo.

Na política sempre hai alternativa. Por iso hai que gañar a batalla das ideas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES