Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha curiosidade ó fío dunha traxedia

jueves, 24 de enero de 2019
Cando vou ou veño, no curto traxecto que media entre Celanova e a miña aldea dos Quintairos de Amoroce, con relativa frecuencia coincido cunha furgoneta que leva pintado no seu indicativo comercial algo así como “Pozos Artesanos Tal”, seguido, loxicamente, dun número de teléfono que identifica ó seu propietario.

Esta última semana teño reparado dun xeito especial nese vehículo porque, evidentemente, a lectura desa información comercial lévame sen remedio a visualizar as pequenas dimensións dese pozo situado nun monte calquera de Málaga, que nos mantén en vilo a toda a xente de ben do país -que é moita- nunha tensa espera, agardando a que cando esta columna se converta en letra impresa xa se teña resolvido dunha ou doutra maneira, para descanso, sobre todo, deses pais que están atravesando polo corazón da caldeira dun auténtico inferno en vida.

Cada vez que escoito falar ou, coma no caso da furgoneta, vexo escrita esta palabra, a min lévame a alma poñerlle o "i" que lle falta (é dicir, artesiano) e que define correctamente ese tipo de buratos de ducias e ducias de metros de fondo que saca a auga á superficie das capas freáticas máis profundas polo principio físico dos vasos comunicantes, fronte ós tradicionais pozos anchos, que dificilmente pasan dunha ou dúas ducias de metros e que contan cun círculo de boca de cando menos un metro de diámetro.

Por máis que sempre me chamara a atención o seu uso común, incluso por parte dos profesionais do ramo (se fai algunha consulta na rede comprobará que incluso hai empresas que anuncian o seu traballo dándolle a esa denominación popular ós pozos), o certo é que nunca lle dedicara un tempo a saciar tal curiosidade para saber se o do "pozo artesano" era unha simple deturpación, ou galeguización, do concepto ou se realmente estaba "fixado" no diccionario da Real Academia, chegando á conclusión de que non só é unha adaptación popular da voz culta "artesiano", senón que debe ser practicamente exclusiva da nosa lingua.

E no transcurso da consulta, como adoita acontecer sempre, aprendín algo que non sabía, é dicir, que a palabra "artesiano", procede dunha evolución lingüística do xentilicio dunha rexión francesa denominada “Artois” (con pronuncia “artuᔠou algo así) onde seica se levou a cabo hai moitos anos o pozo destas características máis profundo de Europa.

É certo que esta columna non vai servir para que o poceiro da furgoneta que me precede de cando en vez entre Amoroce e Celanova acabe corrixindo a súa gralla tipográfica, pero se a columna valeu para que vostede se esparexese un pouco da saturación informativa que ten xerado esta traxedia familiar, dareime por contento.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES