Seguindo co tema da educación, hai uns días lembraba algo tan evidente como que a escola ten que responder ás necesidades de todos os alumnos e non adaptarse estes ao sistema. Digo evidente porque, como outras tantas veces, a teoría dista moito da realidade.
No mes de maio do ano pasado, o comité da ONU emitiu un informe moi duro contra España pola segregación escolar que leva consigo mandar de maneira sistemática os nenos con necesidades educativas especiais a centros de Educación Especial.
Arrastramos un lastre histórico que resumo moi brevemente. No ano 1970, concíbese a Educación Especial como un sistema distinto da Educación Ordinaria. No 75, créase o Instituto Nacional de Educación Especial. No 78, deséñase un Plan Nacional de Educación Especial e do 85 son os primeiros programas de integración en centros ordinarios. A historia hai que superala e aprender dela para evolucionar. Os pasos anteriores quizais serviron no seu momento, pero agora non.
Hoxe quero matizar o significado de dúas palabras que se confunden con demasiada frecuencia. Integración e inclusión non son palabras sinónimas. A escola integradora e a escola inclusiva teñen perspectivas totalmente diferentes. Na integradora é o alumno o que se ten que adaptar á comunidade educativa. Na inclusiva é a comunidade educativa a que debe ter en conta as singularidades do seu alumnado. Por dicilo máis graficamente, integrar limítase a formar un subgrupo dentro do Grupo mentres que incluír implica formar un Grupo.

No mundo do ensino hai demasiados apartados, demasiados compartimentos: educar en valores, educar para a paz, nenos con necesidades educativas especiais, colectivos en risco de exclusión, educación especial, educación ordinaria
Aínda se fala máis de integración que de inclusión e por iso non se dan cambios importantes e significativos. A integración debe entenderse só como parte do proceso cara a meta representada pola INCLUSIÓN. Non esquezamos que é a escola a que debe prepararse para incluír a cada neno.
Unha educación inclusiva ve primeiro as capacidades e non só respecta o dereito a ser distinto senón que valora precisamente esa diversidade. Aprendemos do diferente. Aprendemos uns dos outros e os prexuízos só se poden desterrar a través da convivencia. Oxalá algún día cheguemos a falar de Educación simplemente e ese termo contemple a resposta a todas as características individuais. Oxalá na escola aprendamos a convivir coa diferencia.
Remato cunha frase pronunciada polo profesor Ángel Carracedo na súa conferencia en Lugo: a natureza quérenos diferentes, o sistema educativo quérenos iguais.