Á beira do Camiño: ¡Novo Bispo!
Mato, Xesús - domingo, 02 de diciembre de 2007
Para a diocese de Lugo. No lugar do agora xubilado e enfermo, Frei Xosé Gómez González. que, durante 27 anos, procurou, con entusiasmo e entrega (¡tamén con erros/acertos!) mellorar a diocese. ¡Para el o noso agradecemento e o desexo dunha feliz e tranquila xubilación!
Para o novo bispo, D. Afonso Carrasco Rouco, a sincera benvida. ¡Benvido, por enriba do xeito de ser elixido pastor desta comunidade diocesana, un sistema imposto, nada exemplar e evanxélico e que non se parece en nada ao das orixes da Igrexa!. Benvido, a pesar tamén, dos condicionamentos humanos e familiares que o acompañan ao estreo da súa primeira diocese.
Vén a unha diocese pobre, vella e avellentada. En todos os sensos. Nas ideas, nas persoas, nas estruturas. Cunha pastoral de conservación. Aínda non evanxelizada e ancorada nunha liturxia allea e des/encarnada da vida, baseada/centrada en ritos funerarios e devocións tradicionais.
Sabemos que é unha persoa sinxela, próxima, aberta, compasiva, sacrificada. Que chega con gañas de traballar e acertar na misión encomendada. Que é un bo profesional do ensino e formado en universidades de sona. (Salamanca, Múnich, Friburgo) Mesmo, galego/falante.
Non se lle vai preguntar polos títulos. Do que ten que dar resposta e o que fai falla na diocese lucense é un pastor bo, humilde, próximo...Que fale, dialogue, coñeza, se sacrifique e ame aos diocesanos e se note que é un servidor. Ao xeito do seu/noso Mestre/Pastor, Xesús. Por aí, creo eu, é por onde se poden desfacer os fardos e prexuízos que acompañan a súa chegada.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora