Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As papas da avoa

viernes, 18 de enero de 2019
Dicía miña avoa que non había que remexer moito as papas, porque, se non se deixaban sosegar, perdían ese necesario estado xelatinoso que as facía apetitosas, debido á axitación. E para que non se queimasen, era mester separarlles algún tizón, reducindo así a calor que as axitaba e impedía que se foran facendo nunha cocción lenta. Era unha delicia oíla a ela e a moita outra xentiña da súa idade e época, sen nin sequera saber que era a filosofía, filosofaban, e ata con agudeza: Se as papas se pasaban de marca, hoxe dirían, se cruzaban a liña roxa, conviña “reducirlles a mecha”, e figuradamente, cando alguén se pasaba de marca, dicíanlle que “apagara a mecha”. Todo para non perder a coherencia xelatinosa, suave, das relacións entre persoas.

Que diría miña avoa se lera o que escrebe este seu neto, un sinxelo escribidor, aproveitando as súas conversas domésticas?!. Seguro que estaría lonxe de saber que son moitos os casos nos que hai que retirar o tizón, e incluso apagar a mecha, para acadar unha pouca de xelatina nas relacións persoais. Eu hoxe decidín traer aquí un exemplo moi afastado das papas: O das leas que se traen entre si os científicos e os humanistas, sobre o que nunca está de máis dedicarlle algún tempo, algo do que, a veces, perdemos en bagatelas. Miña avoa diría “déixate de lilainas e di o que queres!.” A voltas coa avoa!!. Claro, tamén dicía que “deixaran o carro en xerga”, e outras expresións que non vexo empregadas por indiscutibles coñecedores do galego. Pero vamos logo o que quero.

Parece que os avances da bioloxía evolutiva permiten manter a esperanza de que é posible tender unha ponte entre os humanistas e os científicos, sorteando as mutuas descualificacións críticas das respectivas materias tratadas nas disciplinas de humanidades e científicas, nas que se cae, por parte de moitos humanistas, debido á ignorancia das cuestións científicas, e, por parte dos científicos, ó empeño reducionista, sostendo teimosamente que só o coñecemento científico ten o aval epistemolóxico.

Leo unha afirmación do filósofo alemán Martín Heidegger que, cando menos, é sorprendente. Escrebe na su obra WAS HEISST DENKEN? (Que significa pensar?) que “a ciencia non pensa” (die Wissenschaft denkt nicht). E apoia este aserto en que as ciencias esquécense do SER e do seu SENTIDO, reducindo todo a cálculo. Quen non se sorprende de que se nos diga que os científicos non pensan?!. Acaso o pensamento está só na leira dos humanistas?. Non é de estrañar que, se os científicos son os únicos que abren vías á realidade (din os reducionistas), pero non pensan (establece Heidegger), a polémica estea servida entre os estudosos das denominadas “ciencias da natureza” (Wissenschaften) e “ciencias do espírito” (Geistwissenschaften), entre os científicos e os humanistas, respectivamente.

Pero aparece un destacadísimo intelectual da Universidade de Valencia, do que traerlles aquí a relación de premios e recoñecementos ocuparíame media páxina, D. Andrés Moya, que está entre os estudosos que pensan que se pode facer ciencia desde a filosofía e filosofía desde a ciencia, argumentando que esta non é ciencia POSITIVA, senón ciencia HERMENÉUTICA, que nos ofrece unha nova visión da realidade, xa que desde Darwin – di – se pode inverter a afirmación de Heidegger, e tender unha ponte entre as dúas culturas, a científica e a humanista,e trae este estudoso tamén á palestra ós precedentes da mesma cultura europea, abrindo así o camiño á unificación dos saberes científicos e humanísticos, algo que xa está no substrato cultural europeo.

O profesor da Universidade de Deusto, Dr. Bermejo, nun interesante artigo publicado na revista dixital Tendencias21 sobre a mesma temática, ofrécenos esta cita, que traduzo ao galego, de Moya: “avogo por unha necesaria reconciliación entre ciencia e non ciencia, reconciliación que entendo fundamental, esencial, para dar sentido á existencia”. E resalta que utiliza os conceptos de TRANSEVOLUCIÓN e TRANSHUMANISMO para descubrir o futuro do SER HUMANO, a partir do desenvolvemento das “tecnociencias” e da mesma potencialidade derivada dese proceso de crecente “artificialización” que espera que complete, supere, transforme, e tamén “problematice” a natureza humana.

Considera Moya todo isto tan relevante que o designa como TERCEIRA REVOLUCIÓN COPERNICANA, que, segundo el, “vai consistir en continuar, en forma máis eficiente e racional que agora, o proceso de transformación do natural. A “transevolución” e “transhumanización” describen esta terceira revolución conceptual, científica e tecnolóxica, certamente, pero tamén ontolóxica”. Sen dúbida, hai que esperar consecuencias epistemolóxicas na teoría científica e antropolóxicas na concepción que ata agora temos do ser humano.

Quero determe un pouco máis neste lugar. Resulta que é o mesmo home o que intervén sobre a propia natureza, que é HUMANA, para superala, para levala máis aló do que é, e isto, invítanos a formular a seguinte pregunta: pode o home xerar novas especies POSTHUMANAS e TRANSHUMANAS, cambiando, entón, o seu estatuto ontolóxico?. Isto permíteme aconsellalos a que non axiten as papas, é dicir, a non ler precipitadamente, e que dediquen un pouco de máis tempo a pensar, porque á esa actitude calmosa está levándonos a RACIONALIDADE científica (que estrutura o seu pensamento) e a RAZONABILIDADE humanística (estrutura lóxica do seu); pero agora, sobre todo, a xelatina derivada da unión de ambas funcións intelectuais xera a esperanza de que se reduza a escaramuza, xa que, como deixamos dito máis arriba, pode facerse ciencia desde a filosofía e filosofar desde a ciencia, con garantías epistemolóxicas, e estes estudosos do grupo de Moya veñen a dicirnos que xa non son os xenes os que xogan con nosoutros, senón nós con eles.

Creo que hai que introducir aquí un termo que, por ser tan manexado noutros ámbitos, como o teolóxico, arrastrou un certo rexeitamento, o ESPÍRITO. Aquí enténdese como a tendencia á unha complexidade crecente que conduce á “autoconciencia” e á “autotransformación”, segregado pola mesma evolución biolóxica, a historia da vida e o proceso de “complexificación” e “interactividade” do orgánico. Quere dicirse, algo que poden explicar a RACIONALIDADE científica e a RAZONABILIDADE humanística, dándose a man en función complementaria.

O sentido da nosa existencia considera A. Moya que está constrinxido por principios axiomáticos e prexuízos da tradición filosófica e teolóxica e proponse liberalo FILOSOFANDO DESDE A CIENCIA, onde a espiritualidade pode encontrar un acomodo evolutivo, considerándoa como un fino logro da evolución biolóxica, e logo da cultural. Chega a dicir que “a racionalidade, como a espiritualidade, ten graos, e cadaquén de nosoutros ben puidera ser unha mestura de ambos en doses diferentes”. A espiritualidade, igual que a intelixencia, ten unha base xenética complexa e unha forte compoñente ambiental e cultural. E precisamente isto é o que explica a existencia de seres pouco ou nada espirituais.

Nesta espiritualidade, en canto froito da tendencia a unha maior complexidade, parece que o curioso é que vai máis aló do humano e da mesma evolución, e neste caso a TRANSHUMANIZACIÓN e a TRANSEVOLUCIÓN deberíamos entendelas como a transcendencia natural do espírito sobre a mesma natureza humana, que, como explicamos máis arriba, no SER HUMANO devén auto–transcendencia CONSCIENTE, posto que somos nosoutros mesmos, mediante a utilización da “tecnociencia” e a potencialidade do proceso de “artificialización”, os que controlamos, con máis ou menos acerto, a nosa transcendencia. Non esquecemos que xogamos cos xenes.

E xa para terminar, pensemos que a ciencia, sen máis, déixanos sumidos nunha soidade existencial profunda, posto que, despois de todo o exposto, seguimos sen saber QUE FACEMOS AQUÍ, e o curioso é que segundo a mesma racionalidade científica, NON TEN SENTIDO PREGUNTAR POR ISTO: Hai, pois, que reducirlle as mechas. Pero…que podemos facer?. Se lemos comprensivamente a Zubiri, entenderemos que só nos queda OPTAR entre as dúas alternativas que nos subministra a RAZONABILIDADE: optar polo teísmo ou polo ateísmo. Preséntase como unha decisión razoable, que a soberbia, por un lado, e a ignorancia e o fanatismo, polo outro, soen cubrir de incertezas, desprazándoa a espazos impertinentes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES