Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Heroes de pouca monta!

lunes, 14 de enero de 2019
A xente quéixase do frío. Pero non vai frío. Simplemente hai xeadas de varios graos baixo cero. E que? Lembro aquel frío da infancia que te deixaba case ou sen case conxelado, principalmente cando chegaba o momento de meterse na cama. Sen calefacción, casas de pedra, casas vellas polas que entraba o aire por todos os buracos habidos e por haber. E vaia se había buracos! Non valía que durmises por enriba da corte das vacas (que si era a calefacción daqueles tempos), porque a humidade que había naquela roupa, naquelas sabas... iso si era de heroes! A única vantaxe era que non desfacías para nada a cama. Tal como te metías, alí quedabas, acochadiño coma un lagarto invernando. E non valía que botases unha manta enriba doutra; o único que acadabas era peso e máis peso encima. Porque o que se di abrigo... Aquela humidade si que penetraba nos ósos. Por iso todas as noites (como tampouco había a música que agora se nos mete nos oídos por toda clase de auriculares) se levaba a cabo o típico concerto de dar dente con dente, de bater as queixadas. Aquela forma de aterecer! Aquela forma de tremelicar! Iso si era o frío. E non o de agora. Que nos queixamos de vicio.

Lembro que nos recreos da escola saiamos coma fume de carozo para lanzarnos de súpeto, sen xeito nin modo sobre a presa que había nos Cachós, no río Sor ou de Maceda, xusto por debaixo mesmo do que hoxe é o concello. Aquilo si que era un río conxelado! E faciamos competicións de a ver quen esvaraba máis. Notábase a leguas que non tiñamos medo de que o xeo, o carambelo escachase. Como ía escachar con aquel frío, con aquela dureza! O mesmo podo dicir das fontes e regatos conxelados e daqueles carambelos que colgaban dos tellados. Cando viamos estes, case non deixabamos ningún, pois axiña os colliamos para rillalos, comelos ou chupalos. Quen dixo frío!

Tempo aquel no que a roupa estaba máis que gastada ou máis que remendada. O calzado ás veces roto ou furado por abaixo. Quen tiña antes unha cazadora, un abrigo ou gabardina? Case a peito descuberto! E aquí estamos agora... queixándonos deste frío seco, con algúns graos baixo cero, pero con calefacción e demasiado abrigados. Unha carallada de heroes! Heroes de pouca monta!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania