Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 10 de enero de 2019
Aire en soidade

Xa estamos os que estamos. Os que non quixeron estar, non están. Isto enténdeo calquera. Mais a realidade amósame que estou só. Así é que o plural, mal asunto. Estou só entre catro penedos contemplando unha mancha escura na cara que se ve da lúa (xa sabedes que ten a súa cara oculta). A cara que se ve da lúa é bonita de raio. Bonita e grande. Como me gustaría estar alá! Sei que algún día chegarei e tamén visitarei a súa Pingas de Orballocara oculta. Quero saber a ver que ten, que agocha. Sigo só entre eses catro penedos, pero axiña me boto a correr por entre os toxos do monte Medo. Algúns déixanme sinais nas pernas. Quéixome, pero tiro para adiante. Ata chegar á zona onde só hai carpazas. Aí sento de novo. E sigo só. Intento buscar a unha laverca polo son da súa melodía. Está no quinto ceo, a condenada. Pero consigo vela. Sorrío. Incluso hai un momento no que me boto a rir. Porque estou só. Sen ninguén ó meu arredor. Tamén o sei pasar ben en soidade. Por exemplo, non fago nada e é coma se non existira. Que mellor opción que non ser nada. Ou ser simplemente o aire que respiro. Son aire en soidade que emprende o camiño, con parsimonia, con moita pachorra, cara á Baños de Molgas.

Un traspaso complicado

Moita alegría, moita barafunda, moito barullo no traspaso dun ano para outro, pero a non todos lles senta ben o ruído das badaladas ou o sabor das uvas. A Sabela Baal Pausa o traspaso semella que non foi do seu gusto. Axiña tivo a proba ó espertar; unha pequena xaqueca ameazou o seu día de Ano Novo. Estamos a botarlle a culpa á Noitevella, pero ó mellor son os aires do mar. Porque Sabela Baal Pausa vive á beira do mar. E quizais é por isto polo que tamén, a iso da media tarde, empezou a notar unha dor forte nos cadrís. “Ai San Augustiño bendito, que non sexa o lumbago”, chegou a exclamar cando fixo un intento de erguese da cadeira na que estaba sentada. Pero era o lumbago. O maldito lumbago. Esa dor que, mentres non colles unha postura apropiada, faite ver algo así como as estrelas. Sabela Baal tan só pensaba no significado do día en si, no día no que se entende que deberían empezar os bos desexos da noite anterior, os antollos ou os soños que adoitamos realizar no momento en que escoitamos as badaladas das 12 da noite e intentamos mastigar ou tragar as famosas 12 uvas de cada ano vello. Sabela Baal Pausa contempla o mar desde a cama e non sabe a quen lle botar a culpa.

Coidado cos petróglifos!

Coidado cos petróglifos! Hoxe lin unha nova na que nun concello de Ourense descubríronse varios petróglifos. E fochicando agora mesmo no feisbuq, atopeime con que o amigo e actor Suso Lista subiu unhas fotos de máis petróglifos alá por Corme. Polo concello de Baños de Molgas tamén, ultimamente, se descobren petróglifos a moreas. Pois ben, digo coidado con eles porque eu sei dalgúns en Baños de Molgas, Pingas de Orballomáis en concreto na Chaira e en Barricobos, que non sei se serán auténticos petróglifos. Poida que si. Non son un entendido na materia. Pero lembro de rapaz que, ó andar no monte, estabamos dálle que dálle ós buracos ou pociños ou cazoletas ou coviñas para afondar máis os existentes ou para facer uns novos. Incluso faciamos como guías, como canaliños, como regatiños duns ós outros para así, cando chovese e se enchesen os primeiros, correse a agua para os seguintes. Entendo que moitos deses pociños ou coviñas poida que sexan da época de máis alá do coñecemento, pero tamén sei que algúns terían que pasar milleiros e milleiros de anos para ser considerados como petróglifos. Non son un entendido. Pero matabamos as tardes dándolle ós penedos da Chaira e de Barricobos.

O lado oculto da lúa

Raio de chinos, que listos son! E que agudos! Claro que non sabían aquilo de “hai un galego na lúa”, de Zapato Veloz. Hoxe os medios publicaron que os chinos conquistaron o lado oculto da lúa. Tanto os chinos coma os medios, moi mal! Nin idea! Ata Zapato Veloz creou a súa canción no verán de 1992 sen saber realmente quen era ese galego. Deixaron caer aquilo de un, un, pero sen poñerlle nome porque entendo que non o sabían. Algo oirían e fixeron simplemente a canción. Se viaxaran alá, ó noso satélite, verían que deixei dúas pegadas ben clariñas. Si, eu, e logo quen! Desde os anos sesenta xa. Neses anos aterrei, días antes que os ianquis, no lado que se ve. Máis adiante falo da pegada, para que vexades que non minto. E nos setenta volvín ir alá, pero ó outro lado, ó lado oculto ou ó lado escuro. Tamén deixei pegada. Neste lado, a 10 luaxiños de onde aterrei (5 metros terrestres), gravei sobre unha pedra lunar, o meu alcume Chito. No lado que se ve, no lado que aterrei primeiro, e tamén a 10 luaxiños, e así como noutra pedra lunar, gravei Baños de Molgas. Agora, cada quen que pense o que queira. E se non, que vaia alá e o vexa. Onde vai que descubrín o lado escuro, o lado oculto da lúa!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES