Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Centenario

viernes, 30 de noviembre de 2007
Un Centenario D. Xosé Barro González foi un emprendedor home de negocios de Viveiro que ao longo das últimas décadas do século XIX e até a súa morte en 1943 puxo en marcha diversos negocios.

Foi polo 1907 que, diante das malas comunicacións de Viveiro co interior da provincia, estableceu un servizo de automóbiles de liña entre a cidade do Landro e Baamonde, entón importante estación ferroviaria, servida por dous flamantes De Dion Bouton. Cen anos despois, o servizo segue a existir coas derivacións Viveiro-Lugo e Viveiro-A Coruña por Baamonde, despois de pasar polas mans da empresa luguesa Hermanos Veiga e da ferrolá Ideal Auto S.A., na que un dos chóferes que por máis tempo fixo esta rota, máis de vinte anos, foi o meu pai, e finalmente, na actualidade, baixo a marca da multinacional Arriva.

Véñenme dúas reflexións a fío. Por unha banda, o recordo do que foi un núcleo industrial de primeira orde na escasamente industrializada provincia lucense, centrado na parroquia viveirense de Chavín. Partindo dunha pequena industria textil, D. Xosé Barro instala turbinas eléctricas para dar servizo á súa empresa e máis para o primeiro alumeado público de Viveiro, e incorpora nova maquinaria para a produción de transformados mecánicos, comezando logo a montar automóbiles, omnibuses e camións da marca De Dion Bouton e, cando a Primeira Guerra Mundial dificulta a importación de pezas, fabricándoas el mesmo, polo que se cre que a primeiros dos anos 20 a empresa estaba capacitada para fabricar vehículos enteiros, e incluso se di que das súas cadeas de produción saíron automóbiles coa marca “Barro”. Logo da morte do fundador, a empresa dividiuse en tres, unha dedicada á produción eléctrica, logo absorbida por BEGASA, unha dedicada ao carrozado de autobuses e outra á fabricación de engranaxes, ambalasdúas esmorecidas a principios dos anos 80. O poeta Noriega Varela, grande amigo de Barro, foi mestre na escola de Chavín, situada a carón do complexo industrial.

Descoñezo se existe un traballo cumprido acerca desta aventura industrial, aínda que non atopei máis referencias ca un pequeño estudo de Micael Timiraos para a revista O Provisional do Instituto de FP de Viveiro, no ano 1985, e no que bebo para esta reseña. Dende logo, ben pagaría o esforzo.

Por outra banda, a estas alturas seguimos coas mesmas comunicacións que naquel lonxano 1907, se ben con estradas mellores e con autocares máis modernos, por fortuna, aínda que tanto as frecuencias como os horarios deixen bastante que desexar.

Pero perdemos o tren, literalmente, despois de pasar máis dun século reivindicando unha liña férrea entre Baamonde e Viveiro por Vilalba. Se as promesas dos políticos se cumpren, nuns anos viaxaremos a Madrid en pouco máis de tres horas, pero a Viveiro seguiremos indo na liña creada por un emprendedor, alá por 1907.
Naseiro, Paulo
Naseiro, Paulo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES