Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba: Imaxes e lotería

domingo, 06 de enero de 2019
O xoves inauguramos na Casa da Cultura de Vilalba a exposición IMAXES DO NADAL, que queda na nosa vila ata o quince deste mes, despois de ser vista en Guitiriz e Rábade o pasado decembro; mostra formada por 38 instantáneas de nove fotógrafos lucenses membros do Grupo fotocinematográfico Fonmiñá, grupo lucense con nome chairego.

Volto a Lugo, aínda ninguén me preguntou por lotería vilalbesa. E é raro, porque desde que en Vilalba toca a lotería como toca, amigos e familia non deixan de apremiarme: Moito ir a Vilalba, pero a ver cando aproveitas, e compras lotería da que toca. E compartes.

Eu que xa teño confesado que non creo na lotería precisamente porque nunca me toca, ou non me toca porque só xogo sen fe na do Nadal, vou ter que ir de cando en cando á Administración El Alcazar a ver si a miña sorte cambia e poido presumir de vilalbés tamén na lotería que xa me gustaría pero moito me temo que en ese aspecto non hai nada que facer.

Para o sorteo do Neno, deste domingo xa pasado, só tiña a lotería do Belén de Begonte, que ten todas as bendicións para que toque, éntre elas a de ser comprado en Vilalba, no Alcázar, e mesmo ser noticia de última hora por haber un erro nas participacións, que seguro é sinal de boa sorte.

O Belén mercou no Alcazar as correspondentes series dos números 40.992 e 47.244, pero houbo un erro na imprenta, e en lugar do 40.992 imprimiuse 40.998 nas participacións de 2,50 euros en cada número. E o tema puidera pasar desapercibido se non fora porque o día de fin de ano, no Centro cultural Domínguez Guizán de Begonte viron que non coincidían os números comezando a remover ceos e terra para difundir o erro e que se soubera que o 40.998 non é o número real senón que se trata do 40.992.

Así que estiven atento ao sorteo porque cando hai interferencias coma esta pode haber posibilidades, e se por ser do Belén xa ten o seu aquel, xa non digamos por ser mercada en Vilalba, o do erro aporta un novo elemento que ao mellor aínda me permite recuperar o creto perdido por non ter sabido estar atento, xa non naquel lonxano gran premio propiciado polo crego Antonio Domínguez, senón no gordo do Nadal de 2017 que caeu no Insua Bermudez, ou no deste 2018 que fai elevar a Vilalba ao cume da sorte loteira nacional. Dos premios importantes, nada. A ver na pedrea...

Pero, centrándome no que mencionei ao comezo… Se fun a Vilalba á inauguración da exposición IMAXES DO NADAL, non quero rematar sen invitarvos a ver esta mostra de obras de fotógrafos lucenses que reflicten instantáneas do Nadal desde os máis diversos puntos de vista, e que na Casa da Cultura xa pode ser visitada. E, desde logo, a vilalbeses e non vilalbeses, desexarvos a todos – toque ou non toque a lotería, que a fin de contas non é o máis importante da vida- que teñades, que teñamos todos, un pacífico e froitoso 2019, ao que temos todo o dereito, e seguro nos ha de aproveitar.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES