Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mensaxes para a estrela da Chaira

domingo, 06 de enero de 2019
de: Pablode Andrade
para: Xesús de Nazareth e de Begonte da Chaira (casadocarpinteiro@begontedobelén.galicia)
asunto: OLLO. Imos con retraso!
data: 5 de xaneiro do ano 1 (ou 0, disto non estamos moi seguros polo momento).
hora: Caendo o solpor. Terceiro cambio de garda romano.
enviado por: Señores do Oriente, servizos de email e internet.

Benquerido Xesús:

Como vai o Nadal? Desculpa que che envíe mensaxe deste xeito, agardo que a Xosé non lle importe ler as miñas frases á luz do candil. Pero xa sabes, aínda estamos coa matanza, e penso que chegaremos xustiño para cantar as panxoliñas de media noite. Sabes que por nada deste, ou doutro mundo, faltaría ao concerto de panxoliñas, de seguro que nos acompañan de novo os veciños de Rábade e Outeiro de Rei.

Como che contaba, na aldea andamos de matanzas. Ao tardar o inverno e a chegada do frío coas primeiras xeadas, todo vai con retraso. Demasiado. Ata Xulio o matachín anda nervioso estes días. Isto do quecemento global empeza a preocuparme de verdade, e mira que tal teoría non me convencía ao principio... Que será o seguinte? Aínda imos ter que cambiar o ciclo das colleitas, ou facer magostos coincidindo co entroido. Paco o muiñeiro tamén o comentou tralo pasado filandón: se o gran chega no seguinte mes e as augas dos regatos non levan o mesmo caudal, terá serios problemas para moer a tempo. As nevadas tampouco axudarán. A xente da Fonsagrada aínda non conta con elas, co que os troiteiros ven en perigo a tempada, e non saben tampouco cando colocar nos caneiros os redotes das anguías. Por non falar dos viñedos da Ribeira Sacra ou da augardente de Portomarín, ou mesmo da costeira do bonito para a xente da Mariña. En fin... Veremos como saímos desta. A ver se nos podes botar unha man, nas nosas o tempo non está moi seguro.

Seica os Señores de Oriente cambiaron de rumbo. Os romanos deron aviso ao castelo, as patrullas avistaron a caravana baixando á Gañidoira. Segundo me contou Gaspar, na anterior noite de Reis, decidiran ir variando lixeiramente as rutas por ir recuperando tamén os antigos camiños a Compostela. Para o vindeiro virán pola Ruta da Prata ou o camiño portugués, non o tiñan decidido. Pouco a pouco, achégase o Ano Santo e iso que desta volta faise de rogar. E aínda que eles xa gañaron o xubileo hai séculos, desexan cumprir coas nosas tradicións, ao igual que nós seguimos a recibilos con agarimo en canto ti voltas a sorrir dende o corazón da Chaira.

Falando dos romanos... Non vas crer as novidades. Hai unhas semanas, Sabela, a filla da lavandeira contou que falara por wathsapp (fíxate nestes pícaros e as novas tecnoloxías!) coas súas amigas do castro de Viladonga. Seica se estaban a organizar para saír xuntas a facer exercicio polas noites. Hai menos horas de luz e coas barbaridades destes meses, teñen medo. E non é de estrañar que o teñan, con semellantes monstros, animais con roupa sementando terror e falla de humanidade coma o mesmísimo Herodes. Agardo que cada asasino, que cada macho covarde reciba todo o peso das leis, e agardo de verdade que a xustiza sexa xusta. Xusta para elas. Xusta con elas, libres e iguais dunha vez. Vai sendo tempo.

O caso e que Sabeliña contoullo a un amigo seu de Paradela, sobriño do cura de Cabodevila e oficial da garda persoal do legado, e Paulo Fabio mandou que a chamasen. Sabela pediu ao ferreiro Xurxo que lle prestase un dos seus burros, e ao rematar de muxir, saíu ben cedo cara a Lucus Augusti. Atopouno facendo a rolda polo adarve da muralla, e Paulo convidouna a camiñar con el. Foi unha boa conversa. O legado ofreceu que os pretorianos máis experimentados lles desen escolta pola bisbarra begontina cando así os reclamasen. Pero ela, logo de escoitalo con atención, preguntoulle con voz firme e segura por que non había mulleres nas lexións romanas, e por que no propio Imperio a muller sempre desempeña un papel secundario e ata dependente dun patriarcado arcaico e fóra de tempo. Cunha claridade na oratoria máis propia de Hipatia de Alexandría, ofreceulle unha lección maxistral, cun auténtico repaso ao longo dos séculos da man de grandes mulleres doutras culturas e civilizacións. Non era el fillo, irmán, tal vez parella ou pai de mulleres e nenas romanas? Para rematar por suxerirlle que se aplicase o conto, Que che parece? Paulo Fabio non tivo más remedio que ficar coa boca aberta ante semellante alegato, e abofé que tardou un bo anaco en mover os beizos para encontrar humidade primeiro, e o valor das verbas despois. Pero falou.

E adiviña, Xesús! Que pensas que dixo Paulo Fabio Máximo, legado de Roma, fundador de Lucus Augusti, amigo persoal do emperador Octavio? Alí enriba, no alto da muralla, ao carón
da Mosqueira e cos seus centurións de confianza como testemuñas, deu a súa palabra de mandar de inmediato correo a Augusto coas inquedanzas da rapaza. E de solicitar permiso para que tanto as galaicas, elas xa o facían, como as romanas asentadas na nosa terra teñan acceso a educación, á política, e incluso a servir no exército se queren facelo.

Comezando por Gallaecia e Legio baixo a súa propia supervisión. Que acaden todos e cada un dos dereitos. Ou non se gaban de que o dereito romano e un dos piares do seu mundo? Xa os xulgará a Historia, e ogallá en cen anos se recorde como unha labrega das nosas logrou dobregar a un Imperio, pero tamén á desigualdade máis difícil de entender. Bravo por ela, por todas elas, merecen que camiñemos ao seu carón, nin un so paso por diante. Non somos quen.

Veña, vémonos de seguida. A estrela da Chaira reloce con máis forza, sinal de que a caravana real non anda lonxe. Non durmas aínda, e acompañaremos á túa nai cos seus fermosos arrolos.

Bicos, meu queridiño.
de Andrade

-------------------------

de:Pablode Andrade
para:Xesúsde Nazareth e de Begonte da Chaira(casadocarpinteiro@begontedobelén.galicia)
asunto: Ao fin en camiño!
data: 5 de xaneiro do ano 0 (ou 1, seguimos sen entender este asunto)
hora: Noite pechada na aldea. Sexto cambio de garda romano
enviado dende:smartphone RR.MM. MGB 0.0

Benquerido Xesús:

Non o vas crer. Vou ao lombo do camelo de Gaspar cun trebello na man dende o que che estou a enviar esta segunda mensaxe. É incrible! Ao final vai ser certo que este tres son meigos, e dos bos. Por iso será que teñen a sona que teñen. “Moito que aprender” como seguro que está a dicir Varela, sentado nun fermoso val de verdes pastos ateigado de margaridas sobre as que voan, revoltosas, ducias de bolboretas e un par de anduriñas que levan toda unha vida namoradas.

Nunha breve parada no tear das fiandeiras, os paxes aproveitaron para beber da auga que Xan recollera ao gardar o batuxo tralo forno do panadeiro. Un deles dixo que nunca a bebera tan fría como a do Ladra, e non puiden conter unha risada, se proba a do Navia en marzo... Non volve a falar! Foi bo intre para que se nos unisen os leñadores, que viñan de preto de Mondoñedo. Como sabes, polo San Froilán partiu o eixo do carro do Manuel, e o debate sobre que madeira debían atopar estendeuse alomenos dúas semanas, e claro está, impúxose o freixo sobre o carballo. E non vexas, Xesús, que ben volve a cantar, coma os anxos! Mesmo parece que a melodía recita poemas antigos. Tamén nos acompaña o pastor Alfonso, que deixou as ovellas nesa corte tan ben feitiña que ata parece o bispado. A súa irmá volveu a Viveiro para axudar, ben sabes que no outono tivemos días de tristura e desgraza por alí, nas mesmas portas do Landro. Mágoa que non teñamos un ano sen bágoas, confiemos que este ha de ser.

Confiemos a pesares de que Gaspar logrou preocuparme dabondo. Agora cho contaremos ambos os dous. Ben sabes que son xente moi viaxeira, e percorren todos os recunchos do mundo coñecido, antes de emprender a expedición a Begonte. De ai o meu desasosego.

Segundo o mago, hai un tolo que segue a secuestrar mociñas en África sen que ninguén poña un remedio serio enriba da mesa (non sei se falar coa Sabela para que de volta cara a urbe romana), cada vez hai máis nenos con fame e falta de axuda médica. Cos bos doutores que saen das escolas gregas e exipcias! Máis pequenos recrutados coma soldados, combatendo na fronte das batallas máis crueis, outros escravizados coma traballadores en condicións de tolemia total, nas minas, nas fábricas, nas canteiras ou nos vertedoiros, sen un lugar para durmir quentes e comida suficiente para unha xornada.

E aínda non é todo. Outra inxustiza que me desgarra o ventre e me fai ferver o sangue. Disque milleiros e milleiros de homes, nenos e mesmo mulleres agardando fillos, seguen a botarse ao mar en batuxos máis febles que o de Xan. Con medo á morte cravado nos ollos, porque ninguén consegue escapar a ese medo. Poucos chegan as praias, moi poucos.

Moisés non acode para abrir as augas, e os homes tampouco aparecen para recollelos nas galeras da coalición, para salvalos dese terrible medo, dese irrespirable destino. Disque tamén que nalgunhas illas gregas, e tamén no continente, hai campos de xente na busca de refuxio. Refuxiados coma os que escaparon das guerras e atravesaron os desertos. Recordas? E tampouco atopan a compaixón dos que vivimos nas terras civilizadas. Algo temos que facer, tal vez poñernos firmes coas autoridades para que non se fagan os xordos e tampouco os cegos. O que ten autoridade tamén ten responsabilidade. Chega o tempo de esixila.

Dóeme de corazón sentir tristura nestas datas. Xusto cando ti, benquerido Xesús, recibes o agasallo máis prezado, o máis fermoso de todos. Este agarimo dos que se achegan ao teu fogar, de todos estes veciños e veciñas, labregos e xentes humildes que ben sabemos o que é traballar de sol a sol, e sen embargo celebramos e cantamos en canto podemos. Cantos meses agardando o comezo do Nadal! Cantas noites soñando co regreso de María e de Xosé á aldea! Soñando con verte de novo nese berce de palla e estrelas, sorrindo cos ollos ateigados de ilusión ao escoitar estas panxoliñas que xa enchen o son do ar.

Melchor detivo os camelos, chegamos! Xa te estou vendo, meu queridiño.

de Andrade

--------------------------------------

de:Pablode Andrade
para:Xesúsde Nazareth e de Begonte da Chaira(casadocarpinteiro@begontedobelén.galicia)
asunto: De novo na casa
data: 6 de xaneiro
hora: Amencer chairego. Primeira quenda do día para os lexionarios
enviado por:Señores do Oriente, servizos de email e internet

Ola de novo, Xesús:

Foi un bo concerto, un dos mellores que recordo. Non sei se en Viena estarán temendo que lles vaiamos competir co seu concerto de Aninovo. Vaia sorpresa ao chegarmos á casa!

Sesión de cine no pendello de Domingo, e si, unha vez máis Rei de Reis, non podía fallar, non si? Seguiu un filme estranxeiro ben estraño, penso que dos países do norte, cun home que reparte agasallos nun carro arrastrado por renos, pódelo crer? Sabela e as súas curmás trouxeron viño e doces, e Xan a súa gaita, para cando rematemos co derradeiro pase:
Memorias dun home en pixama, de Ángel de la Cruz. A que che gusta o nome e o apelido do guionista? ? O que non sei é como almorzaremos capón con castañas, logo dunha noite tan intensa como foi esta. Cousas do Domingo... Estaba a rirme recordando a outra edición do Festival de Cine de Lucus: Ti tamén tes un email, Xesusiño (ou varios), como MegRyan. Viches?

Bicos, queridiño. Vémonos pola Semana Santa, colle forzas que logo...

de Andrade.
Núñez, Pablo
Núñez, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES