Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A piedade popular ao Santo Cristo de Goián, Sarria (2)

sábado, 05 de enero de 2019
Artigo dedicado a D. José Somoza Díaz, párroco da freguesía de San Miguel de Goián (Sarria).

III. TRAZOS ARTÍSTICOS DO SANTUARIO
O santuario, que funciona tamén como igrexa parroquial, está situado no Noroeste do concello de Sarria nun lugar nomeado Airexe. Trátase dunha construcción de amplas proporcións, que amosa claras desigualdades debido as reformas levadas a cabo dende os seus inicios (1). Este templo foi construído en sillería de granito. Posúe unha fachada principal, que amosa unha liña neoclásica e volutas barrocas, e que está provista de tres portas: dúas de acceso ás dúas naves; e outra, máis pequena, situada no centro que conduce á torre, que foi construída entre os anos 1822 e 1855 (2). Ésta componse de dous corpos con catro vans cadanseu, dúas campás (3); e remata nunca cúpula. Ademais en ámbos os dous flancos da fachada hai uns remates de granito construídos no ano 1958 (4). Asi mesmo na cabeceira do templo hai unha sancristía de estructura pentagonal, que foi construída polos veciños de Goián no ano 1946 (5). No seu lado posterior hai un muro, que separa o adro do exterior, e que contén enriba un Vía crucis novo, construído no ano 2001 por Talleres Vilaro (6). Ao adro desta igrexa accédese por unha porta de ferro forxada, sustentada por dous piares de sillería de granito.
Por outra banda, neste santuario é mester distinguir na súa construcción tres etapas (7):
1. A primeira corresponde ao periodo da Alta Idade Media e máis concretamente a comezos do século IX. Dous motivos avalan esta afirmación:
Por unha banda, a igrexa parroquial tivo como patrón a San Miguel, cuxa devoción e moi antiga, constatándose xa no século VI (d.d.C.). De feito, a súa festividade o día 29 de setembro se manifesta nos Sacramentarios de finais do século VI ou comezos do VII (8). Isto nos leva a establecer a hipótese de que o seu culto espallouse por estas terrras durante o século VII.
O segundo motivo está relacionado coa existencia nesta igrexa dunha pía bautismal, de estilo visigótico, que posúe un pé ou soporte. O exterior da pía presenta unha ornamentación vexetal, de diferente tamaño, que vai disposta en dúas ordes. Pola contra, o pé ou soporte amosa unha decoración de estrías oblicuas tamén colocadas en dúas ordes.
2. A segunda etapa é de estilo románico, moi adiantado, que podemos situar a comezos do século XIII (9). Isto está reflectido en ámbas as dúas semicolumnas existentes na nave Sur, que actúan de sostén do arco triunfal e que amosan unhas bases molduradas por riba duns plintos, ornados con pequenos arcos; tamén mostran uns capiteis, ornamentados de diferente xeito: o dereito, con follas que rematan en bolas; e o esquerdo cuns tallos estilizados con pequenas follas nos seus lados e rematados nunha roseta
3. A terceira etapa é de estilo neoclásico, sustituíndo á románica debido ao probable deterioro do anterior templo, que obrigou a crear un pequeno espacio no muro Sur da nave, que recibiu o nome de “Capela do Santo Cristo”. Esta nave vaise a cubrir cunha bóveda de canón sustentada por arcos fajones.
Así mesmo o apoxeo do santuario foi tan relevante, que a mediados do século XIX construiuse unha segunda nave bastante ampla. Ésta comunicouse coa orixinaria por medio de espaciosas arcadas, apoiadas en piares de cantería.
Por outra banda, cómpre sinalar no interior do templo dous retábulos neoclásicos:
1º. O maior ocupa toda a cabeceira da nave. Foi contratado a Jerónimo López de San Pedro de Cerceda no ano 1867 e, logo, ao ano seguinte axustouse a pintura a Marcos Fernandez de San Pedro de Ribasaltas (10). Está composto de dúas partes:
1.1. Un corpo central de tres compartimentos, provistos de columnas de mármore cun capitel corintio. No compartimento central manifestanse as esculturas de Cristo na cruz e aos seus flancos a Virxe das Dores e San Xohán. O Cristo do Víacrucis foi mercado no ano 1827 por 731 reais (11).
1.2. Un ático, dotado na súa porción central de catro columnas de mármore cun capitel corintio. No medio delas amósase nunha fornela a escultura de San Miguel pisando a un dragón.
2º. O rétabulo da “Capela do Santo Cristo”, que contén as seguintes imaxes: a da Virxe dos Ollos Grande, do século XVIII; a de San Sebastián, do XIX; e a da Virxe co Neno, do XVI.


NOTAS
1. VALIÑA SAMPEDRO, Elías.: Inventario Artístico de Lugo y su provincia. T. III. Ministerio de Cultura. Dirección General de Bellas Artes, Archivos y Bibliotecas, Madrid, 1980, páxs. 206-207.
2. DELGADO, Jaime.: Santuario del Santo Cristo de Goián (Sarria) (Lugo), Vigo: Fama. Folleto
3. A campá grande estaba rota e refundiuse no ano 1960 por Talleres Branco de Ribas Altas (Monforte). Información proporcionada polo párroco D.José Somoza Díaz.
4. Información proporcionada polo párroco D. José Somoza Díaz.
5. Información proporcionada polo párroco D. José Somoza Díaz.
6. Do antigo Vía crucis so se conservan tres cruces: dúas situadas enriba do muro e unha por riba da fonte.
7. DELGADO, Jaime.: Ob. cit..
8. RIVAS BANDE, José Manuel.: “O Cristo de Goián”, en www.santocristodegoian.com
9. DELGADO, Jaime.: Ob. cit.
10. RIVAS BANDE, José Manuel. Ob. cit.
11. VILLARABID, Víctor.: “ O Santo Cristo de Goián”, no Diario “El Progreso”, de 25-8-1983.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES