Vilalba volveu exercer de capital da Terra Chá co acto de nomeamento de Chairego de Honra ao gaiteiro Raul Galego, pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María.
O acto tivo lugar no Centro Cultural e Recrativo, seguido logo dun xantar no Restaurante Lanzós, arredor deste gaiteiro que hai moitos anos formou parte do grupo de música do histórico Ballet Galego de Rey de Viana, e ten participado en ducias de

actos na Terra Chá, entre eles practicamente en todos os que se celebran á beira do río en Vilalba, no Paseo dos Soños, na colocación de cada un dos Hectómetros literarios alí instalados.
Chámanlle o Gaiteiro nubeiro, porque ao parecer cando el toca non chove, e se está chovendo deixa de chover, respondendo á mellor tradición do noso folclore que recolle a existencia dos nubeiros tanto na mitoloxia galega como na do resto do norte da península-, uns seres que tiñan a capacidade de controlar o tempo, especialmente a evolución das nubes e as choivas.
Científicamente, non está demostrado que Raul Galego faga que as nubes retrocedan e as choivas paren, pero o que si ten demostrado é a súa excepcional capacidade musical, facendo coa súa inseparable gaita unha música diferente, interpretando as pezas non xa con arreglo ás partituras ou a tradición establecen, senón facendo improvisacións calculadas, medidas con precisión de xeito que a súa música soa sempre especialmente harmónica.
Celebrar este acto no Centro Cultural debeuse á acollida da directiva do centro a

esta iniciativa, xa que na Casa da Cultura celebraba a mesma fin de semana o Congreso sobre as Irmandades da Fala que promove o Iescha, co que hai que felicitarse por disponer en Vilalba de varios locales axeitados para a celebración de actos, e pola actividade cultural que se evidencia pola coincidencia de dous actos importantes no mesmo día. O feito de poder elixir entre dúas actividades é síntoma de boa saúde cultural en Vilalba.
Investimos, con todo merecemento, a Raul Galego como Chairego de Honra; a el, que tanto nos ten honrado ofrecendo a súa arte, sempre de xeito desinteresado, en canta ocasión se presenta. Pasa a formar parte do grupo que comezou con Fiz Vergara Vilariño, e seguíu con Díaz Pardo, Don Uxío
e moita boa xente, grandes que merecen ser Chairegos de honra, polos servizos prestados á Terra Chá.