Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cancioneiro de Monfero (28 decembro 1953)

viernes, 28 de diciembre de 2018
Tal día coma hoxe do ano 1953 Xosé Mª Álvarez Blázquez publica como inocentada o "Cancioneiro de Monfero", que simula unha colección de poemas medievais que presenta como descuberta.

A maior broma das nosas letras
A obra Cancioeiro de Monfero (século XIII) saíu de imprenta un significativo 28 de decembro de 1953. Lonxe de ser unha edición completa do suposto texto medieval, o libro contiña só oito cantigas acompañadas dun limiar e mais da reprodución facsimilar do que sería a presentación do frade Ramón Pazos, responsable (imaxinario, claro está) no século XVII de copiar as cantigas. Neste breve texto manuscrito explícase que estos cantares en lengua antigua halle escritos en tres follas de pergamino en los libros deste monasterio e que, ante o dano dos antigos papeis, "diles traslado en la parte que falle posible, datando a copia en 1671".

O achado
A obra teríana atopado entre uns vellos papeis destinados ao muíño o propio Álvarez Blázquez ."Novas cantigas, coma xurdidas ao conxuro dun soño, chegaban a min a traverso dos séculos, da coidadosa man de Frei Ramón Pazos, un bo frade bieito, do que coido ninguén saberá dicirme ren, completa. Por se a reprodución da letra deste frade non abondaba para outorgalle credibilidade ao conxunto," Xosé María Álvarez engadiu aínda unha descrición física do manuscrito." É un caderno en 4º, en papel fío do século XVII, sen marca ou filigrana. No limiar adiántase que o manuscrito localizado no vello mosteiro comporía en realidade vinte e nove cantigas, quince de amigo, dez de escarnio e maldizer e catro de amor."

Poemas novos de autores vellos
A importancia do texto víase incrementada polo feito de que ningunha das vinte e nove composicións conservadas estaba noutro dos cancioneiros que se conservaban. Entre estas atopábanse, para máis, varias inéditas de autores xa coñecidos coma Pedro Amigo, Golparro ou Fernando Esquío, e aparecían novos nomes da nosa lírica medieval, como serían Riandiño, suposto xograr ou Don Álvaro de Soutomor, posible nobre. Aínda lle busca o autor referencias aos textos que presenta, apuntando a repetición nunha composición dedicada a María Balteira de versos xa presentes nunha cantiga coñecida. A introdución remata indicando que todo o traballo do descubridor se reduciu a completar os versos nos puntos onde faltaban palabras polo deterioramento do manuscrito e mais un sinxelo labor de puntuación e ordenamento de versos. Curiosa resulta a despedida do autor deste limiar, "Pasade agora diante, e axiña me diredes se o Cancioeiro de Monfero está ou non ben trobado. Venturanzas no Aninovo/ con pantrigo e mais un ovo".

O éxito
A cuestión está en que a piada callou. Eruditos coma o propio Rodrigues Lapa, considerado principal investigador da nosa lírica medieval caeron na trampa. Alonso Montero lembra a ledicia de Florentino López-Cuevillas ante a aparición daquel novo texto. A posteriori, investigadores coma Xoán L. Blanco Valdés ou Xabier Rodríguez Baixeras, editor da poesía completa de Álvarez Blázquez atoparon incongruencias e detalles que podían dar a pista encol da falsidade do texto, e o mesmo Alonso Montero apuntou que posiblemente Filgueira Valverde tivese captado no engano, pero o certo é que no momento, se alguén o soubo, non o denunciou. É ben certo que o autor era un destacado investigador das cantigas, e que en datas recentes publicara unha escolma de poesía medieval e coñecía á perfección o léxico e formas propias da época. Tería que ser o propio Álvarez Blázquez quen, logo de poucos días desvelase a armadilla e se reclamase autor daqueles versos. Fóra de enfados puntuais, a cousa non deu en grandes escándalos e mesmo houbo quen o tomou con humor. Houbo quen acreditou na veracidade da descuberta, e despois houbo tamén respostas benhumoradas. Xa noutras literaturas houbera bromas deste tipo .Precisamente, a publicación coincidiu cun momento no que este era un movemento destacado da nosa poesía.

O cancioneiro como poemario
Debemos pensar que, alén dun engano, falamos dunha obra literaria.Supuxo unha aproximación que non se fixera antes, coa tentativa de refacer ou imitar a poesía cunha fidelidade extrema aos cánones medievais e póndose ademais na perspectiva dun trobador. Cómpre ter un coñecemento moi fondo non só da poesía senón tamén da língua medieval , que o autor sen dúbida posuía.

A fin dos trobadores
Sobre a intencionalidade coa que Álvarez Blázquez se lanzou a este proxecto, apunta que probablemente en parte fose un intento de dar o punto e final ás aproximacións en exceso formularias que se estaban a facer sobre a poesía medieval. Dun xeito ou doutro, non se pode dubidar nesta altura da importancia que acadaron eses oito poemas que viron a luz naquel día de bromas de 1953.
Rodriguez Patiño, Luis Ángel
Rodriguez Patiño, Luis Ángel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES