Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 28 de diciembre de 2018
Pingas de Orballo
O silencio perpetuo

Vexo A Coruña, vexo Lugo, vexo Ourense e vexo Pontevedra. Vexo a miña terra desde a Estación Espacial Afastada. Porque está lonxe. Pero aínda así vexo a miña terra. E se obrigo un chisco ós ollos ata consigo ver Baños de Molgas, que é o máximo da miña terra. Recoñezo que vexo a miña vila grazas á torre da igrexa de San Salvador. Os seus 30 metros destacan, fanse ver. Incluso desde a Estación Espacial Afastada. E vendo a Pingas de Orballoigrexa de Baños de Molgas intúo o que foi a miña casa, a miña infancia, a miña vida. Levo cinco anos encerrado nesa Estación Espacial. Eu só. Baixo unha soidade algo ruidosa por culpa de todos os aparellos que teño ó meu arredor. Aínda que, iso si, cando me apetece (que é moitas veces), pégome coma un chuliño un paseíño polo espazo, fóra da Afastada. E entón si, entón xa a felicidade flota polas miñas entrañas, porque, aí si, aí a soidade é absoluta, total. O silencio perpetuo. O silencio preñado de romanticismo. Cando se me dá (que tamén se me dá moitas veces), déixome ir, déixome ir, déixome ir e entón si que consigo ver a rúa da Igrexa de Baños de Molgas. A miña rúa. A éxtase. Logo destes paseos volvo cun sorriso nos beizos e encérrome na EEA coa melancolía brillándome nos ollos.

O Rei

O rei é moito rei. O rei dos hunos. O rei dos sometidos. O rei dos aleutos. O rei do universo. Eu quero ser rei, pero o rei dos astronautas. Temos un rei que pide, aconsella, di, pero... e pensa? Temos un rei que vai e vén por entre os ditados duns e os desexos doutros. Eu quero ser rei, pero o rei dos iletrados, dos mansos. E quero sentar no trono dun reino imaxinario. Co bonito que é soñar esperto! O rei é moito rei. O rei dos suevos. O rei dos fundidos. O rei dos touros vencidos e das vacas fanfurriñas. Temos un rei que viaxa en limusina polas estradas dunha vida amorfa e con cunetas cheas de barbarie. Temos un rei que sobe en ascensor cara á unha poltrona que está alá arriba, moi arriba. Eu quero ser rei, pero o rei dun reino que está máis alá do infinito. Moito máis alá. O rei é moito rei. O rei dos alanos. O rei dos parvos. O rei dos listos. O rei dun cacho de terra que está sen arar. E non hai bois que se poidan xunguir nin aradiños de pau que furguen polas marxes do seu reinado. Eu quero ser rei, pero o rei dos marcos das leiras. Para que ese rei que é moito rei non se pase nin un rego. Eu quero ser rei, pero o rei deses que pensan que non deberiamos ter rei.

Poñerlle as albardas ós burros

Hai xente lista ou moi lista. Hai xente, que non é que sexa burra, pero si algo parrulos. Hai xente espelida ou moi espelida. Hai xente, que non é que sexa pasmona, pero si algo indiferente. Os empresarios vigueses (que no caso que vou a tratar serían os comerciantes) seica lle piden ó alcalde que manteña a iluminación de Nadal durante todo o xaneiro. Ante esta solicitude hai que recoñecer que os listos ou moi listos e os espelidos ou moi espelidos son os empresarios ou comerciantes. E os case burriños ou parruliños e os case pasmóns ou indiferentes son todos os demais paisanos de a pé, porque, maioritariamente, serán os que paguen o presumible excesivo recibo da luz. Uns poucos vivindo á conta dos pombos e moitos dándolles de mamar ós aproveitados, ós sambesugas. Haille que recoñecer ó Caballero que deu o gran golpe neste Nadal 2018. Pero, claro, á conta de... E como el sabe toda a repercusión que carrexou o asunto, pois... que máis dá un mes máis. Sempre hai quen pague a factura da luz. Total, o de sempre neste país noso: que algúns saben moi ben como poñerlle as albardas ós burros. E os burros, claro, achantan e apandan coa carga.

Tolea a ilusión dunha eternidade

Tolea o sol por cantar unha canción, pero é a lúa a que se impón. Tolean os sentimentos por choutar neste Nadal melancólico, pero a realidade é un ir e vir por entre as carballeiras da memoria. Cando pase polos Castros verei a lúa vella no seu máximo esplendor e será entón cando deixe escapar esa canción que lle roubo ó sol. Mentres, Aretha Franklin méteseme dentro cunha noite de paz que me mantén pegado a un soño invernal. As noites xa non son como eran. Os días sempre furgarán por entre os recunchos da lembranza e os recordos camiñarán polos carreiros dos tempos que se foron e que xa nunca volverán. E será Elvis Presley o que poña a cada un no seu sitio cun “Silent Night” tan nostálxico que os ollos queren brillar nesta noiteboa que está a piques de entrar. Pero, por agora, aínda hai silencio nas almofadas das utopías. Tolea o verso por botarse fóra do poema, pero é o poeta o que o prende na asonancia da anterior estrofa. Tolea a ilusión dunha eternidade que navega por entre as nubes brancas dun firmamento no que apousento todo o meu tempo, todo o meu mundo. Tolea o silencio para poder escapar do ruxido.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES