Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mocidade, profesión de risco

viernes, 28 de diciembre de 2018
Dentro de nada, en 2.031, Galicia terá 350.000 fogares cun só habitante. Vello, según o INE. E perderemos, para ese mesmo ano, outro cuarto de millón de habitantes. Galicia Baldeira. Envellecemento da poboación, aumento da mortalidade, menor natalidade, emigración dos novos, que non atopan aquí oportunidades laborais. Un bucle maldito. Velaquí a Galicia incompresible, un país de vellos que expulsa aos novos.

Dato do IGE, a estatística galega, contan que un 24% da poboación ten máis de 65 anos. E que só nos últimos 7 anos esa porcentaxe medrou en tres puntos. A fenda, en canto idade, cada día é maior entre a Galicia Baldeira e a Galicia Costeira.

Nas zonas rurais, a veciñanza, esa familia grande, próxima e necesaria, esmorece. Suceden noticias que estremecen: alguén morre e pasan días sen que ninguén se entere.

Un informe recente de Abanca conta que temos 1,44 cotizantes por cada pensionista, fronte aos 2,06 no resto do Estado. Así non resulta extraño que en Galicia un de cada catro habitantes perciba unha pensión, mentres en España, un 18%.

Con seguridade os nosos políticos son ben conscientes desta realidade demográfica, do noso mercado laboral, da fuxida da mocidade. Saben ben que o emprego medra aquí menos que no resto do Estado. Saben que os traballos son precarios e mal pagados, que xeran cotizacións inferiores e desequilibran o sistema.

En España, máis en Galicia, a mocidade é a gran damnificada, a perdedora. E resulta suicida que cando empezan a soar con forza campás da recuperación económica, os rapaces, novos pobres, sexan esquecidos. Así, os menores de 29 anos só conseguen un de cada vintecinco empregos creados. Empregos temporais, a tempo parcial, mal pagados. Todo iso axuda a explicar a baixa fecundidade, sobre todo cando os novos e ben cualificados marchan do país. E vanse xusto na idade biolóxica de casar, de empezar unha nova vida, de crear lonxe a súa familia. Unha dobre perda para Galicia: a da mocidade titulada, a dos fillos que non nacen aquí.

A sociedade, claro, ten todo o dereito a preguntarse polo traballo dos nosos políticos mentres van aparecendo como labazadas os datos dos institutos estatal e galego de estatística. Mentres golpean informes como os de Abanca. Pouco ou nada importan as liortas dos partidos ou a loita intrapartidaria. O que máis atorda é o ruído. O máis visible é a descarnada loita polo poder, os triunfalistas comunicados de prensa.

Á falta de xente nova autóctona, medra no territorio o monocultivo do eucalipto alóctono máis resistente, calificado de perigoso por medio ambiente. E nas noites de luar, nas noites de chuvia e néboa os xabarís pasean ocupando os nichos que abandona a xente. Mesmo pasean de noite por prazas e rúas despoboadas polo día de nenos, esos sí, especie en perigo de extinción. Nun país onde a mocidade éche unha profesión de risco.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES