Aproveitando aquel silencio
A febre pola lectura tívena sempre. E moita xente sábeo ben. Pero o que quizais non saiban é que houbo unha época, principalmente na mocidade, que buscaba lugares inverosímiles para ler sen que ninguén me molestase. Hai libros ou lecturas que merecen moita concentración. Sendo rapaz cheguei a fuxir dos amigos cando iamos para o monte coas vacas: se eles collían para o monte de Pinouzos, eu seguía cara ó Medo, ou cara ás fincas propias ou arrendadas. O caso era andar só. Pero tiven unha etapa na

que cheguei a largar para o cemiterio. Como o digo! Porque aí non me molestaba ninguén. Silencio completo, total. Algún grallar dalgunha pega e nada máis. Si, é verdade que a alguén lle poida semellar algo macabro isto. Pero, por que? Eu sentaba no borde dun nicho, non molestaba a ninguén e os mortos tampouco me molestaban a min. No cemiterio respecto, pero nunca medo. É máis, ata creo que eles saían tamén ganando. Porque, quéirase que non, algún recordo sobre eles sempre asomaba á miña cabeza. Ás veces o ruído da casa ou da rúa era molesto para os titulares dos periódicos ou para os parágrafos dos libros. Como non ía entón aproveitar aquel silencio!
Pegarse como unha carracha
A moza Rafaela Garda Suárez, ou sexa, a filla do Cantamañanas, corría pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres e cando chegou á altura da ponte do Medo ou Ponte das Cabras, optou por sentar nunha pedra da caldeira que viña dos Lamas. Mentres Rafaela Garda colle folgos podemos dicir que é tan guapa que o seu

resplandor afoga ás propias sombras dos amieiros do río Arnoia. Quizais por iso, por esa fermosura, nun airiño, sentou á súa beira Ignacio Fogoso Lumbreira, é dicir, o fillo da Satira. Tamén viña de correr e suaba a chorro. A filla do Cantamañanas, tan axiña como o sentiu, xa soubo ó momento quen era. Levaba máis dun ano que se pegaba a ela como un isqueiro ou como unha carracha, que é máis ou menos o mesmo. Ela sabía que era guapa. Ela sabía que o fillo da Satira era como era e, dentro do que cabe, aguantaba, soportaba o acoso; pero tamén se cansaba da maldita carracha. Así é que, con boas palabras, Rafaela díxolle que non falase moito, que non oía coa música que levaba nos auriculares. E sen máis, ergueu e seguiu correndo con dirección a Os Milagres. Ignacio Fogoso, aínda que era como era, deuse de conta do asunto, baixou a cabeza, ergueu e tamén se botou a correr, pero cara á Baños de Molgas. Levaba un triste mirar.