Remata un ano, aínda que para algunhas persoas só signifique un pequeno cambio no calendario. É momento de facer balance ou polo menos invita a iso. Na nosa loita inacabada predominan as cousas negativas, pero tamén deben figurar as positivas.
Na balanza pesan máis as inxustizas, as declaracións e promesas sen contido, as leis que pasan sen pena nin gloria porque non van acompañadas dun réxime sancionador, os

miles de persoas que xa non están e que se foron esperando unha rampla, un ascensor ou unha axuda da Lei de dependencia. A relación de vulneración de dereitos sería moi longa. Non me quero esquecer das persoas que por accidentes laborais ou de tráfico pasaron a engrosar o listado dos que temos que loitar día a día superando atrancos.
Agora en positivo quero resaltar historias de superación, Asociacións que celebraron anos de traballo inaugurando novos locais, persoas homenaxeadas pola súa traxectoria en favor dos máis desfavorecidos, políticos que suben a cadeiras de rodas para coñecer máis de cerca os problemas da falta de accesibilidade, deportistas que gañaron medallas e campionatos en distintas modalidades ou a primeira actriz con discapacidade intelectual nomeada a un Goya así como o conxunto da película. A relación é máis curta, pero vou destacar algúns exemplos significativos que recibimos con alegría e con certa prudencia ata que se materialicen de verdade:
. Cambiar o termo diminuído na Constitución.
. O dereito ao voto para todas as persoas con diversidade funcional.
. A aprobación de incluír o indicativo da discapacidade nas estatísticas de vítimas de violencia de xénero.
. Nova campaña da DXT chamando ao civismo para que non se aparque nas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
. Maior accesibilidade nas novas tecnoloxías con dispositivos e aplicacións que axudan a reducir a dependencia e mellorar a calidade de vida.
. Clínicas dentais e barberías innovadoras pola súa accesibilidade para cadeiras de rodas.
. O avance na defensa dun modelo de Vida Independente que reivindica a figura do asistente persoal.
Remato agradecendo a GaliciaDigital a oportunidade que me brinda para seguir dando pasos en pro dunha sociedade máis inclusiva na que teñan cabida todos. Co agradecemento van os mellores desexos para o novo ano!!!