Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que nos anegue a melancolía

lunes, 24 de diciembre de 2018
Dicía Víctor Hugo (que era un home moito máis listo ca min) que “a melancolía é o pracer de estar triste”. A Noiteboa penso que é unha noite melancólica, é dicir, case triste. Si, hai xuntanzas familiares, pero precisamente por iso, por ser familiares, ás veces vólvense tristes porque case sempre hai alguén que nos deixou. E se tiramos polo outro lado do rego, ou sexa, por esas ceas familiares que, tamén algunhas veces, acaban coma o rosario da aurora, xa non digo nada. Non hai nada peor que as liortas familiares. É verdade, hoxe non é o día apropiado para falar diso. Xa bastante chega con que asomen algunhas veces. Hoxe, aínda que a melancolía sexa o pracer de estar tristes, deixemos que nos invada, que nos anegue tal melancolía. Que será triste, pero é bonita, ten o seu aquel. Coma o Nadal.

Cada vez máis xente rexeita estas festas, pero no fondo-fondo recoñecen que ten o seu aquel... quizais o ambiente, quizais as iluminacións, quizais as xuntanzas... O que si ten de verdade é o consumismo. Ai deus, que forma de enganarnos para que no mes de decembro empece xa a costa de xaneiro. E consumimos, e consumimos e consumimos tanto que, ó final, acabamos tirando a metade das cousas.

O Nadal tamén empeza a traer agora a guerra entre O Apalpador e o Papá Noel. Xa escribín algo sobre isto, pero, insisto: poida que nin por Ourense nin por boa parte de Galicia asomara nunca este personaxe, pero tamén digo que só que fose nunha triste aldea galega na que se celebrase O Apalpador, xa sería moito máis auténtico que todos os Papás Noeles anglosaxóns xuntos. En algunha aldea tivo que haber porque ninguén aparece así coma por arte de encantamento. E que non asomen por aí mexericas dicindo que os nacionalistas están a impoñer a ese Apalpabarrigas, cando levamos xa case ou sen case un século escravizados polo Papa Noel. Tampouco é de estrañar que na nosa terra se lle dea para atrás ó auténtico para apousentar na poltrona ó de fóra. Algo así moi semellante como á lingua, por exemplo.

Teñamos a festa en paz. Desde este recuncho, eu son o primeiro en desexarlles a todos moito ben, moita paz, moito amor, moitos soños e moitas desas caralladas das que ás veces recuamos, pero cando chegan deixamos que a felicidade nos empreñe a alma. Bo Nadal.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania