Politeismo e democracia
Otero Canto, Xosé - lunes, 24 de diciembre de 2018
Cando só nos deixan pensar na unidade, estannos privando da visión multiforme e cromática, a dos semitóns que a intensidade da luz reproduce nas nosas retinas da variedade, porque a beleza e a verdade nunca é unha, absoluta, senón múltiple e heteróclita, por iso, penso que a democracia ten que ser plural, e reflictirá as distintas cores sapienciais da comunidade experimentadas en verdades parciais, xa que cando se totalizan como unha verdade absoluta, xorden as tiranías.
Esa variedade, fainos ver a vida en semitóns distintos e tamén engrandece e enriquece a nosa alma; por iso, chega ao meu pensamento a paridade de politeísmo e democracia.
Como todos sabemos, na democracia, os membros serán libres e iguais, e segundo Aristóteles é o goberno dos mellores, ou goberno da multitude, para Platón. A democracia nace en Grecia, e é curioso que a mesma Grecia sexa politeísta, cunha riqueza enorme de deuses, onde cada un no seu estamento ten un poder representado, aínda que as relacións entre eles sexan difíciles e ás veces antagónicas, tendo sempre a un deus superior aos outros no Olimpo, pero se se xuntan varios, poden poñer en perigo ao mesmísimo deus superior (Zeus). Quero dicir que esta variedade de divindades propicia o nacemento da democracia porque esta é unha visión variopinta e diverxente como o son os deuses aos que adoran.
Pola contra, a monarquía é unha visión única na que todo acontece pola graza de deus como rezaban as moedas da monarquía. Un só deus é o que teñen os países árabes, onde todo é un teocentrismo absoluto, todo se move por ese deus que irrompe en todas as verdades: culturais, históricas, políticas, sociais e ata alimentarias, todo está en función dun único ser que goberna as nosas vidas e que nos imposibilita para mirar a diversidade, a cultura amplia da verdade, encadeando aos crentes e deixándoos na imposibilidade de ver a diversidade e polo tanto de non poder chegar á proximidade da democracia.
A relixión pode meterse dunha forma totalizadora na sociedade e incardinar desde a súa óptica única, a súa verdade, a verdade teocéntrica que gobernaba a nosa Idade Media; mais o deus cristián foise democratizando ao longo dos séculos na sociedade occidental, - é dicir, foi aceptando paseniñamente as bases da democracia, aínda que non todas-, e hoxe convive coa monarquía e coa democracia, mais nos países árabes a existencia dun único deus xamais deixará que o pobo se democratice, a non ser despois de que a lima e a climatoloxía da esperanza vaia erosionando esas verdades incuestionables ao longo dos séculos, vaia roendo, pouco a pouco, esa verdade única e totalizadora para deixar paso a unha visión máis variábel e diverxente, que é a óptica da verdade demócrata e cuestionábel do saber, da ciencia, e coa súa mirada ao Olimpo do seu deus discutíbel coma os outros.

Otero Canto, Xosé