Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Stolpersteine: bronces con area de praia

miércoles, 09 de enero de 2019
O ano pasado fixo medio século que Francia viviu unha auténtica revolución que quixo cambiar o mundo para poboalo de liberdade. O estudantado quería mudalo todo e, por ser realista, cría no imposible. O soño estendeuse como a pólvora e diversos países viviron os seus particulares maios sendo case todos duramente reprimidos. Iso si, a caducidade da represión non puido coa perennidade da palabra feita poesía e o 68 deixou sentenzas para a historia. Sen dúbida unha das máis coñecidas di que “baixo o empedrado está area da praia”.

24 anos antes París era liberado da pouta Nazi e 50 anos despois chega a España o proxecto Stolpersteine de Gunter Demnig. Stolpersteine é unha pedra coa que se pode tropezar e a Demnig pareceulle que os pobos, no seu camiñar, debían tropezar cos erros históricos que non é desexable repetir. Entón decidiu que, alí onde caera unha persoa, tiña que haber unha pedra de bronce de 10x10 que, incrustada no camiño, lembrara o seu nome e a data na que a vida lle foi roubada. Supoño que é mellor que tropecemos ata o infinito nos bronces da historia que a posibilidade de que o pobo repita as súas páxinas máis nefastas…

Europa ten moi claro o anteriormente dito e non admite certas exaltacións. España está en pleno debate sobre a memoria e cómpre lembrar que aínda hai moitos desaparecidos nas cunetas. A miúdo España, contrariamente a Europa, promoveu o esquecemento e deixou campar na elite ignominias promotoras de esquecemento. Isto afástanos do europeísmo e, recentemente supúxonos un tirón de orellas por parte do Consello de Europa e un suspenso por parte da ONU.

Stolpersteine é a nosa oportunidade de resarcir ás vítimas nunha memoria militante que asegure a democracia, ensinándonos o moito que custou e o feble que pode chegar a ser…. Por iso, en cada pedra que lembra o pasado, ten que haber area de praia que semente nos camiñantes azos de liberdade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES