Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Ramón López Otero

sábado, 22 de diciembre de 2018
Don Ramón López Otero naceu en Pígara o 14 de febreiro de 1864 e estivo de crego na parroquia dos Vilares de Díaz Castro desde o 2 de xaneiro de 1891 ata o seu pasamento, Don Ramón López Oteroocorrido o 7 de febreiro de 1951. O día antes do seu pasamento foi na súa besta ver ao cura de San Salvador que estaba moi maliño e que morreu aquela mesma noite. De volta pasou polas Mourelas, para que lle cortara o pelo meu tío Xaime, que daquela facía de barbeiro, pero a casualidade fixo que ao día seguinte tamén remataran para el os seus días entre nós, coma si o seu amigo de San Salvador houbera chamado por el. Nada mais e nada menos que sesenta anos, un mes e cinco días, nos que se fixo ser querido e respectado por todos os veciños da parroquia.

El foi quen lle puxo o alcume de Armeiro a Xosé Lobeiras e cando o Golpe de Estado non deixou que a represión fascista se cebara na súa parroquia. Contan que Xosé Díaz, da casa de Chancharicas de Drada, en tempos da República, dicíalle que á igrexa había que darlle outra utilidade. Dicía que era mellor dedicala a escola ou a unha sala de baile e que aos corvos había que desfacerlles o niño, pero despois do levantamento fascista chegou un día a muller de Xosé á casa do cura dicindo que viñan os fascistas polo seu home e que o quedaban agardando na casa. Don Ramón díxolle que se fora para a casa e que lles dixera aos fascistas que pasaran pola reitoral.

Cando chegaron o primeiro que fixo foi poñerlles de comer e de beber e despois preguntoulles que era o que os traía por alí; eles dixeron que viñan a por Chancharicas, que seica era republicano e o crego afirmoulles que de republicano non tiña nada, que era un pouco laretas e charlatán, pero polo demais era o mellor fregués que tiña, así que xa se podían ir e deixalo en paz.

Despois, cando xurdiu na veciña parroquia do Buriz o caso do “Prato Único”, que levou á cadea a nove veciños, el e os cregos de Soexo e Trasparga, Don Antonio Vázquez González e Don Domingo Paderne Díaz, foron declarar a favor deles e saíron libres.

Nunha ocasión tamén o cura desa parroquia do Buriz, don Claudio Díaz Maseda, a quen acusaban de ser o denunciante dos veciños xulgados polo Prato Único, quería denunciar tamén a algúns dos Vilares, pero don Ramón enfrontouse a el, que seica chegou a sacar a pistola, e díxolle: Aparta de aí, que son un vello de setenta e tres anos, pero para ti aínda non me fai falta pistola.

Din que redactaba moi ben, polo que ademais de escribirlle as cartas aos veciños, facíalles as reclamacións e outros documentos ante as distintas administracións do Estado, pero sen embrago, seica non era bo orador nin se lle entendían moi ben as cousas. Escribiu o libro “Conversas dun crego con un zapateiro”, no que quixo inmortalizar as conversas que tivo con Pedro Ribas, do Ventureiro de Bascuas, na zapatería que tiña no Pazo dos Vilares cando ese pazo aínda era de Nicolás dos Manchás, pero ese libro nunca apareceu e si é certo que o escribiu non temos a sorte de poder desfrutar desas conversas.

Por último, aínda que non veña moito a conto, quixera deixar aquí, para que non lle ocorra o mesmo que ó libro, un caso que lle aconteceu a don Ramón coa tía Mari Pepa de Minero do Laxoso un día no que o crego dixo no evanxeo aquilo de “dar al César lo que es del César”, pero que a tía Mari Pepa non debeu entender moi ben que era o que había que darlle ó César nin a que César se refería, e como ela tiña un fillo un pouco descoidado que se chamaba así, ao rematar a misa agardou por don Ramón á saída da igrexa para saber que fora o que pasara e que era o que lle tiñan que dar ao seu Cesar, polo que cando saíu o señor crego, acercouse a el e preguntoulle moi baixiño:

- E logo…, don Ramón; perdeu algo por aí o meu cabezán?
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES