Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros como pan de cada día

viernes, 21 de diciembre de 2018
Moitas familias agasallan con infinitos xoguetes aos fillos. Tal sobreabundancia éche un problema e, ao final, pouco pedagóxica. Chintófanos excesivos iluminan os ollos dos pais mentres os pequenos descobren a diversión nas caixas.

Tamén hai quen se decata de que os libros son divertidos. Nunca son excesivos e duran para toda a vida. Unha e outra vez volvemos sobre eles, e algúns ocuparán un lugar privilexiado nos faiados da memoria infantil.

Benditos libros, pan noso de cada día! E magnífica ocasión para romper as estatísticas malditas do Informe dos editores sobre a lectura. Di que catro de cada dez persoas xamais abre un libro. O goberno quere que se lea máis nas escolas pero, ao mesmo tempo, aposta pola perda de protagonismo das humanidades nos plans de estudo. Di que aumenta o número de lectores frecuentes: 36% no 2000, 47% en 2012. Le menos xente pero eses menos len moito máis, asimetría que reflicte a crecente desigualdade económica do país.

Realidade agridoce. Ao dato de desaparición dun 20% de librerías desde 2005 hai que contrapoñer o fenómeno esperanzador da eclosión dos clubes de lectura. Notable é o labor que fan as bibliotecas públicas, oasis do saber, templos da cultura e lugares de goce e de contacto cos benéficos virus dos libros. Outro dato positivo do Informe: os títulos vivos no mercado chegan a 600.000, 'sinal dun saudable pluralismo cultural e de bibliodiversidade': moito que ler e moitos sitios onde facelo aínda que os que máis len son as mulleres e os que menos os maiores do rural. Así e todo, lemos pouco e case a metade dos españois nunca abre un libro. Algunha responsabilidade terán os que teñen a obriga de ensinar a amar os libros para que tantos quedaran vacinados contra a lectura.

Nestes días de frío e néboa, moitas familias peregrinan aos hipermercados e renden culto aos deuses do consumo. Alí, os máis novos, auténticas esponxas, oen, ven que os pais compran. Sons, músicas, movemento, cores, ruído, olores, fotos, abarrote de xente, todo invita a entrar na dinámica de comprar e tirar. Outros lugares imprescindibles, sen contraindicacións e aptos para todos os públicos son as librerías, cova do tesouro de todos os saberes, zoco de agasallos e reino da fantasía. Tantos libros parar ler, adultos e nenos: 80.000 títulos editados cada ano. Libros para ulir, tocar, mirar e admirar. Para ler! Todo o mellor está alí se somos capaces de inocular a capacidade de asombro, as ganas de viaxar páxina a páxina neses barcos de papel, aventureiros da fantasía á descuberta de novos mundos, se somos capaces de inventar o amor polo silencio onde se funden dúas soidades, a do escritor coa do lector. Lectoras, lectores, lecturas devorando o seu pan de cada día. Libros.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES