Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo, dous homes a reivindicar

jueves, 20 de diciembre de 2018
A exposición, Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela, realizada en Santiago arredor destas dúas figuras, dános pé para traelos ao presente, para lembrar o que un e outro teñen feito polo país, para reivindicalos!

Camilo Buenaventura Díaz Baliño (1898-1936), tal como se nos di na Wikipedia foi un escritor, artista gráfico e intelectual galeguista. Irmán dos tamén artistas Indalecio, María Dolores e Ramiro Díaz Baliño, foi o pai de Isaac Díaz Pardo. Nisto nos centraremos, nesta relación paterno filial que se mostra na imaxe e se completa co poema que Camilo lle dedica ao seu fillo.

Camilo foi membro das Irmandades da Fala. Como escritor, foi autor de relatos publicados na prensa galega da época, especialmente no voceiro das Irmandades, A Nosa Terra, e dun conto ilustrado que leva por título: Conto de guerra, publicado en 1928. Este polifacético e poliédrico artista foi escenógrafo, o máis recoñecido do seu tempo, traballando para a empresa Fraga, o concello de Santiago e Cantigas da Terra coa que realiza unha viaxe por América. Pintor recoñecido. Debuxante, “minucioso e evocador influído pola arte relixiosa e o art nouveau”, recollendo temas célticos, románicos e barrocos; os seus derradeiros debuxos son os retratos dos seus compañeiros da cadea feitos nunha libretiña cun lápis de carpinteiro, tal como Manolo Rivas lembraría -na súa novela homónima-, inmortalizándoo na ficción. Cartelista, realiza a campaña a favor do Estatuto, os sucesivos carteis das festas de Santiago e outros moi recoñecidos como o da coral de Ruada ou o de empresa Castromil. Calígrafo e pergamiñista.

Pioneiro do deseño galego, realiza as capas dos libros da colección Lar, colabora con Céltiga e Nós; pai e avó do deseñadores: Isaac Díaz Pardo e Xosé Diaz. ”Non hai arte galega sen unha idea de redención de Galicia”, deixou dito Camilo, e para iso, “crea imaxes cunha gran carga simbólica e ancestral, co propósito firme de revivir os símbolos e os mitos que lle dan forma á nosa identidade”.

O seu obradoiro foi punto de encontro do galeguismo progresista.

Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo, dous homes a reivindicarIsaac Díaz Pardo, comezara co seu pai, Camilo, na realización de carteis; proseguirá no mundo da pintura destacando o seu clasicismo, os volumes corpóreos e a forza dos ollos dos retratados. Abandona os lenzos para centrarse no mundo da cerámica, crea a fábrica da Magdalena en Arxentina e as fábricas de O Castro e Sargadelos en Galicia.

Con Luís Seoane pon en marcha o Laboratorio de Formas que será a factoría cultural que dará lugar ao Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, a Editorial do Castro...

Escritor de ensaio e crítica, articulista e autor de carteis de cego.

Editor, para levar a cabo o seu empeño na recuperación da memoria histórica e poder divulgar a investigación histórica e artística.

Artista e empresario cultural ao servizo do país, creador de factorías irrepetibles que lle doou imaxe propia a Galicia; unha imaxe recoñecida en todo o mundo.

Intelectual. Deseñador. Autor da creación e recreación de formas que serviran á identidade galega a través das pezas de louza; este deseño de cerámica irá á par do de arquitecturas e mobles para as tendas que el mesmo idea nas que se vende cerámica e libros mentres se mostran
exposicións; tenda, libraría e sala e exposición, galerías Sargadelos (propias ou franquiciadas), centros culturais e embaixadas galegas no exterior, todo xunto!

Traballa cos exiliados na emigración tecendo unha ponte entre a Galicia do interior e o exterior, entre o exilio interno e o afastado.

Industria e laboratorio cultural. Arte e industria, cultura e funcionalidade. Sargadelos foi o noso Bauhaus. Azul cobalto como marca, dignidade como misión. O agasallo para unha voda ou un compromiso, da vaixela á figura ou á xerra... quen non recibiu ese tributo? Nos seus tempos á cabeza das fábricas, toda casa que se preciase tiña algunha das súas pezas. Creador de patentes e figuras...

Cando morre, un xornal anuncia o seu pasamento co titular “Díaz Pardo, el hombre más querido de Galicia”.

O que fora un rapaz de quince anos, orfo e fuxido da persecución fascista, remata na súa vellez, expulsado das empresas que creara.

Seu pai, puxéralle na cabeza unha estrelina, que fala da irmandade, da luz que alumea o común, do brilar da liberdade nos ollos do rapaz que continúa a ser ao pé da morte, do tesouro do cidadán construído de cariño... tal como conta no poema que lle dedica:

“Prendinlle na cabeza do meu fillo,
unha estreliña
forxada na irmandá
e quero ver brillar á lus d´esa estreliña
hastra chegar cegar.
Que vexan os demai n´esa estreliña
a luz da Libertá.
Que vexan que o tesouro máis querido
o ten o seu brilar.
Estreliña feituca de cariños,
estrela do meu lar,
que sempre te levei como reliquia
da Terra, Dios e Nai,
xa te deixo prendida no meu fillo
para sempre endexamais”.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES