Internet non nos toca
Santalla, Iago - miércoles, 26 de diciembre de 2018
Fálase moi a miúdo da contradición de que, na época da comunicación, vívense situacións nas que non nos sabemos comunicar. Non sei se é un mito pero máis dunha vez escoitei que hai rapaces que, despois das aulas, quedan e chatean por internet. Para min, o chat ou o skype son medios para manter o contacto cos que están lonxe pero non ten sentido, salvo un recado de urxencia, chatear con alguén que vemos todos os días e menos se o acabamos de ver.
Está claro que internet forxa relacións virtuais, isto non é nada malo sempre e cando teñamos claro que o contacto físico é unha necesidade innata da humanidade. Polo tanto, ningunha xeración por moi dixitalizada que estea pode fuxir da satisfacción desta necesidade. Ademais, o contacto físico é a primeira fonte de aprendizaxe interxeracional e un xeito de irnos facendo conscientes das diferenzas entre os seres humanos, abrindo os ollos á diversidade e ás distintas formas de facer a vida.
Internet tamén ten o perigo de que inconscientemente nos guiemos cara á asunción dun único punto de vista; aínda cando teoricamente é unha rede democratizada na que colle toda a información podemos guiarnos tendenciosamente cara á visión única, sen ter en conta a realidade propiamente dita.
Isto vémolo en temas candentes que, dependendo por onde se sigan, xeneran unha visión ou outra. Volvendo ao tema non podemos esquecer que a base da evolución humana foi a transmisión interxeracional feita dun modo socioafectivo. Os aloumiños educan, os bicos educan, as apertas educan, o saber dos pais e nais educan, o saber das avoas e dos avós educan
Todo isto ten que ser irrenunciable e demostra que o verdadeiro berce educativo é o contacto físico co entorno. Isto é algo que por moito que evolucione, a tecnoloxía nunca poderá superar.
Internet non nos toca e onde non se tocan non medra a vida.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora