Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fun a Vilalba mercar un roscón

sábado, 24 de noviembre de 2007
Onte fun a Vilalba, mercar un roscón. Riquísimo, por certo. E xa podería rematar a crónica, porque esta é a síntese, pero algo máis terei que dicir para xustificar o contar esta interioridade.

O certo é que fun ás Pontes, e á ida collín o atallo desde a Ponte Fabilus ata o empalme de Oviedo, xunto ó Polígono das Sete Pontes, e dalí ese pequeno salto a Santaballa. Pero á volta entroume a morriña e pensei que non podía pasar de largo e que un roscón ben merecía facer unha pequena parada.

Non me atrevín a aparcar nun paso de peatón que hai por cerca do antigo Roca e fun aparcar aló xunto á Praza de abastos, co que a parada levoume algo máis do que pensaba, pero valeu a pena, porque aínda me estou relamendo.

O tema ven a conto pola necesidade de facer reclamos para o turismo, para evitar que a facilidade das comunicacións nos deixe aillados.

Porque antes había que pasar polo medio de Vilalba á forza, foses por onde foses, e a propia vila, o comercio, o ambiente, chamaba a atención e aínda que non se tivese pensado parar, sempre había a tentación de deter o coche, aparcar, tomar un viño, mercar unha golechada ou facer unha foto diante da Pravia, xa non digamos achegarse ó Parador para ver o ambiente.

Pero agora, veñas de onde veñas, se tés algo de presa podes pasar de Vilalba. Podes pasar á beira de Vilalba e seguir o teu camiño despois de adiantar polo que chamei atallo e se denomina verdadeiramente estrada de circunvalación que distribúe a circulación en todas direccións aínda que, por agora, non é totalmente circular, pero ben abonda.

E cando funcione a autovía do Norte, e a vía rápida con Ferrol. Bueno, xa digo que fun ás Pontes, e os 26 kilómetros Vilalba-As Pontes levan o doble que os trinta e tantos Vilalba-Lugo.

Pero como todo chega, en seguida estaremos na situación de que Vilalba está rodeada dunhas magníficas vías de comunicación, enlazada de marabilla con todo o mundo, pero tamén co perigo de estar aillada de todo o mundo, e morrer de éxito con tanta boa comunicación arredor que non mete máis tráfico dentro da vila que o que non ten máis remedio que entrar alí.

Xa sei que me poño no peor, pero nestes casos hai que ter en conta non só os beneficios que podemos ter no futuro por unhas excelentes comunicacións senón tamén os perxuizos que nos poden vir encima se non nos preparamos axeitadamente para o que ahí ven.

Cando se trazou a autovía A-6 entre Madrid e A Coruña, que ten que pasar por Lugo que senón non a uliamos, o problema para moitos pobos foi moi importante.

Pensando unicamente na provincia de Lugo, ahí están Becerreá e As Nogais, que -pola orografía- quedaron moi lonxe da nova estrada, e hai que facer un bo esforzo para seguir pensando nelas. O mesmo que Baralla. Eu antes pasaba polo medio de estes tres pobos cada dous por tres, e agora pasa o ano enteiro sen que lles faga unha visita.

Mellor o teñen Rábade, Begonte, Baamonde e Guitiriz, que a nova vía queda cerca. Rábade e Begonte polo polígono industrial, Baamonde, así, así... e Guitiriz gracias que ten o Balneario, as tortas de Guitiriz e o seu dinamismo natural.

En fin, que diante dunha mellora tan forte nas comunicacións hai que buscarse a vida, e chamar a atención do que pasa pola estrada, sexa coñecido ou descoñecido. E se ven moi ben que o tráfico pesado pase de largo, Vilalba ten que facerse notar e conseguir que non só entren no pobo os que non teñan máis remedio... Hai que conseguir que entren a comprar queixos ou roscós, a tomar viños ou dar paseos, a mercar no comercio ou a quedar no Parador.

Todo o contrario, é morrer. E non estamos nós nin ninguén para deixar que nada esmoreza, porque se un pobo esmorece os seus habitantes, un a un, cen a cen, van languidecendo e desaparecendo tamén na percura de sitios con máis vida.

Eu sigo coa miña teima. Hai que moverse... En algún lugar escoitei que os veciños da praza van facer unha asociación para potenciar a zona centro da vila, pero tamén hai tempo souben que na última reunión da asociación de comerciantes só asistiron catro ou cinco.

Pois xa podemos todos irnos poñendo as pilas. Porque dos políticos pode agardarse moito, pero hai que pedirlles, hai que esixirlles pero, sobre todo, hai que axudarlles.

Todos, e non só os comerciantes. Porque eso é cousa de todos. Eu, pola miña parte, estou disposto a colaborar no que poida e saiba. Todos temos que poñernos as pilas. Asi que, ¡a traballar!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES