Hai agora xustamente cincuenta anos que o cóengo Manuel Espiña Gamallo recibiu o Pedrón de Ouro como recoñecemento ó seu labor a prol da galeguización dunha Igrexa galega secularmente sometida a unha lingua e cultura foráneas. Foi o Concilio

Vaticano II o que fixo posíbel a nivel mundial este xiro copernicano desde a arcana utilización do latín ó uso normalizado das chamadas linguas vulgares. É ben sabido porén que, mentres no País Vasco ou Cataluña o cambio resultou algo relativamente normal, en Galicia se converteu nun arduo problema, que continúa aínda hoxe a ser conflitivo e ben distante da súa normalización.
Espiña tomou partido claro, como non podía ser doutro modo, polo uso normal da lingua propia do país en tódolos ámbitos, e de maneira máis concreta nos eclesiásticos, aínda que el mesmo era por outra parte ben consciente da malfadada historia dun país que desde había séculos se viu obrigado a ir abandonando pouco a pouco a súa propia e florecente lingua ante o imperio e a violencia doutra que lle foron introducindo desde fóra. Ocupeime algo xa noutros escritos, especialmente en
Galicia. Raíces e compromiso, destes temas e non é agora o momento de volver sobre eles. Coido, en troques, que co gallo do mencionado cincuentenario do Pedrón de Ouro concedido a Espiña cumpría lembrar algo do seu forte e clarividente espírito en relación con tales cuestións, sobre todo porque o altar desde o que o crego amigo facía de valente e amoroso profeta dos nosos tempos viña ser tan só un breve escrito semanal no xornal La Voz de Galicia que levaba como distintivo xeral o nome de
Outeiro de San Xusto. Foi desde este modesto altar laico desde onde profeticamente predicou Espiña desde o 4 de xaneiro de 1970, ó longo de nada menos que trinta e dous anos, ata que lle rexeitaron a publicación dun seu escrito que estaba destinado a aparecer no mesmo xornal no mes de novembro de 2002.
Menos mal que só dous anos antes do seu pasamento acadou publicar Espiña en 2008 o volume que leva como título
Outeiro de San Xusto. Escolma I. Relixión e Igrexa, onde seleccionou e chegou a recoller unha boa parte destes seus escritos, entre eles o mencionado e rexeitado escrito titulado As canonizacións, que se pode ler ó final da mencionada
Escolma (nas páxs. 277-278). Polo que deduzo, trátase dunha edición privada e debido a isto quero desde aquí agradecerlle publicamente ó tamén bo amigo Victorino Pérez Prieto terme proporcionado hai só poucas semanas (dada a dificultade da súa adquisición) un exemplar do mesmo. De tal volume tomo aquí, pois, as miñas citas. Vaiamos xa ós textos.
Nun seu escrito do ano 1977, titulado Unha nova Igrexa para Galicia fará Espiña o seguinte comentario en relación coa pouca utilización do galego nas celebracións litúrxicas: Case me atrevo a dicir que, desde hai sete ou oito anos, estamos case parados nesas trescentas misas galegas, contra máis de tres milleiros en castelán, o que significa que non chegamos nin ao dez por cento. O contrario do que acontece en Euskadi e Catalunya e ata en Valencia. Isto supón un gravísimo pecado dos cregos galegos. Os nosos bispos (case todos) fixeron chamadas e deron algúns exemplos, pero coido que tiñan que facer moito máis [...] Tiñan que celebrar eles sempre en galego nas aldeas e moitas veces nas cidades e organizar cursiños de preparación para os cregos. E, despois de tantos anos, xa tiña que haber unha Lei prohibindo aos cregos das aldeas actuar en castelán sen un permiso especial, así como antes houbo esta Lei con relación ao galego (Outeiro... 85).
Téñase en conta que a aprobación oficial en Roma do uso da lingua galega na liturxia ocorrera xa o 7 de xaneiro de 1969. E se no texto citado do ano 1977 acusa Espiña os cregos, pola súa neglixencia en relación co uso do galego na liturxia, de gravísimo pecado, non deixará tampouco de acusar do mesmo gravísimo pecado os propios bispos anos máis tarde, o 8 de maio de 1994, no seu escrito Señores bispos de Galicia deste xeito:
Pero si quero dicirlles que vostedes, que en si son boísimas persoas, están neste tema cometendo un gravísimo pecado de omisión, que non só atenta contra a catolicidade e a necesaria inculturación da nosa fe, senón que ademais lles resta moita autoridade moral ante a sociedade galega e ante a historia. E teñen que recoñecelo e conseguir unha conversión, como conseguiu san Óscar Romero, arcebispo do Salvador (Outeiro..., 222).
Como se ve, vinte e catro anos antes de que canonizaran Óscar Romero (hai só un par de meses) en Roma, xa Espiña con certeira intuición- o canonizara pola súa conta trala persoal conversión do propio Romero ós pobres e asoballados do seu país. Entrementres, en relación cos señores bispos de Galicia o profeta Espiña continuaba a pedirlles a eles unha conversión que se ía demorando demasiado.
Os vellos profetas adoitaban formular denuncias ben concretas, nada abstractas. Algo así fará tamén Espiña descendendo a unha crítica, que se estendería no tempo durante varios anos, ós modos de afrontar os problemas da cultura e da lingua dun país quen naqueles anos era bispo de Ourense, o burgalés Ángel Temiño Saiz. Espiña formulou inicialmente esta crítica nun amplo texto (con data do 6 de decembro de 1970, é dicir, case dous anos despois da mencionada aprobación do uso do galego na liturxia), que leva como título O señor bispo e os cregos de Ourense. En efecto, despois de aludir Espiña ó caso concreto dunha denegación por parte do bispo do permiso para un crego celebrar misa en galego, continuará deste xeito:
Teño que supoñer, señor Bispo, que este feito sexa certo, dada a seriedade das persoas que mo contaron. E entón teño que afirmar que Vostede segue o camiño da maior parte dos Xefes da Igrexa en Galicia nos últimos séculos, que fixeron ao noso sufrido e anguriado pobo moitísimo mal sen darse conta- por matar a nosa lingua e cultura, que é a nosa alma.
Tamén falan de que Vostede apela moitas veces á súa condición de castelán de Burgos. Isto creo que vai contra o espírito dun sucesor dos Apóstolos, que se facían grego cos gregos i hebreo cos hebreos [...] Mais a culpa meirande non é de Vostede, senón deses queridos amigos cregos, que non debían pedirlle permiso para isto [...] (Outeiro..., 41-42).
Porén, a crítica máis directa e incisiva ó bispo de Ourense é a que lle fará case dezasete anos despois (o 1 de marzo de 1987) no escrito O señor bispo de Ourense, da que entrecollo algún parágrafo intermedio e mailo final:
Mire, señor bispo, para dicilo en poucas palabras, vostede quixo meternos aos galegos na súa lingua, cultura e mentalidade relixiosa. E iso sería tanto como deixarnos colonizar. Ademais, sería tanto como querer facer redención sen encarnación e iso non foi o camiño de Xesús [...] Pero aínda hai unha razón moito máis importante pola que quixen facerlle esta despedida. Os cregos e tamén os bispos escandalizamos moitas veces aos segrares, porque case nunca recoñecemos caer nun pecado ou nun erro, máis ben queremos amosarnos como infalibles e sen pecado. E isto fainos terriblemente antipáticos a cantos nos observan, por vernos soberbios e hipócritas [...] Pois eu pecador coma o que máis- atrévome a suplicarlle, señor bispo, que se esforce por recoñecer os graves erros, sobre todo o seu grande pecado de omisión por non terse encarnado na nosa alma galega, despois de levar en Galicia case 35 anos. Unha confesión deste xeito ¡canto ben lle faría ao seu sucesor e aos demais bispos galegos e a moitísimos máis! E ata recibiría o noso perdón, e tamén a nosa gratitude polo ben que deixa feito, a pesar de todo (Outeiro..., 151-152).
Por certo, a idea á que neste texto se refire Espiña de que non deberiamos deixarnos colonizar semella asentarse cada vez máis no seu modo de pensar, pois volverá aparecer aínda nel anos despois, por exemplo cando afirma nun posterior texto, co título de A primeira misa en galego (do 1 de setembro de 1991), que a Igrexa galega segue escrava dun alleante colonialismo secular (Outeiro..., 195). Idea esta que ben pode ser vista tamén en relación con aquela outra que el formula no seu texto do 17 de xaneiro de 1998 (que leva como título Monseñor Rouco Varela e Galicia), onde se pode ler o seguinte: O que pretendo é defender a Galicia da
doma e castración da súa identidade, que vén padecendo desde hai cinco séculos. E a Igrexa católica nesta nosa terra, xunguida sempre cos poderosos, axudou máis a esa
doma que á
liberación integral en Cristo, como pide a súa sagrada misión (Outeiro..., 250).
Estas afirmacións ou declaracións poderían verse así mesmo tamén en conexión coas que Espiña redactara para a parte final do seu texto As canonizacións. É moi posíbel que fosen elas, alomenos parcialmente, as que provocaron o rexeitamento por parte dos responsábeis do xornal a que fosen publicadas -como ata agora ocorrera- no seu Outeiro de San Xusto. Véxase, en efecto, o que Espiña escribe na parte final do mencionado texto de As canonizacións:
Así eu, se monseñor Rouco e outros levan adiante o proxecto de declarar santa a raíña Isabel, mal chamada A Católica, nunca a recoñecerei como tal [...]. E tamén foi ben grande o mal que lle fixo a Galicia, por exemplo, coa súa Partida sobre o nomeamento de bispos, pola que todos serán de nuestros reinos (Castela e Aragón), para que puedan llevar nuestra lengua y cultura a los demás pueblos. E durante varios centos de anos case tódolos bispos foron de fóra de Galicia. E tamén mandou que tódolos secretarios de Cabidos e mestres das escolas monacais, etc. tiñan que ser casteláns. E chegou a tanto a súa doma e castración de Galicia que, cando o Abade do mosteiro de Samos lle tivo que pedir autorización para poder ordenar de sacerdotes a doce monxes, a súa resposta foi: que tiñan que ser 5 de Castela a Vella, 4 de Castela a Nova e un de Aragón, que foi como dicir que doce lle parecían moitos e que tan só lle autorizaba a facer dous novos cregos, porque ben sabía que os doce eran galegos (Outeiro..., 278).
En fin... Estamos a poucos anos do pasamento de Manuel Espiña Gamallo o día 28 de febreiro de 2010. É por iso aínda doado lembrarse da súa bondade, liberdade e apertura de espírito. A súa entrega a Galicia e ás súas xentes non recuou endexamais. Pode dicirse tamén con verdade que no seu interior lle doía en definitiva ter que botar man dunha crítica franca, aínda que sempre honesta, ante determinados acontecementos e persoas. En realidade non era tanto el como o espírito profético que habitaba nel o que o conduciu a esta actitude. Coido que todos lle debemos moito á súa persoa, á súa palabra e ó seu bo facer.