Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Da palabra razoada ao ruído

martes, 18 de diciembre de 2018
"Si los españoles habláramos sólo y exclusivamente de lo que sabemos, se produciría un gran silencio que nos permitiría pensar"(Manuel Azaña)

Con frecuencia resulta aburrido e esgotador escoitar tertulias, debates ou mesmo ler xornais acerca da política española, e non precisamente polas distintas opinións que poden ofrecerse, senón, ao contrario, polas non-opinións que con máis ou menos volume de voz e vociferío tratan de impoñerse.

Vexamos algúns casos concretos:

1.- Hai poucos días, con motivo do "Día da Hispanidad" o señor Pablo Casado manifestaba con toda solemnidade: "Se celebra el hito más importante de la humanidad, en mi opinión, sólo comparable con la Romanización. La Hispanidad es la etapa más brillante, no de España,sino del hombre…Porque nunca antes el hombre había conseguido trasladar la cultura, la historia de una nación, a tantos sitios a la vez". Tal afirmación non soamente é unha esaxeración senón que como escribe José Mª Castillo "son un disparate tan enorme que no me explico cómo un político, que se supone buen conocedor del derecho internacional, de la ética política y del Derecho de Gentes haya podido afirmar y enaltecer un despropósito tan burdo".

Na colonización de América, como en todas as colonizacións, o que aconteceu foi un inmenso latrocinio, aínda que neste caso estivese xustificado por Bulas papais. Vostede, señor Casado, que, segundo parece é un home de rápida aprendizaxe, igual oíu falar da plenitudo potestatis, doutrina que desde o papa Gregorio VII (séc. XI) ata Inocencio III (ss.XII-XIII) inventaron para xustificar o roubo, con boa conciencia. Vostede, igual non tivo tempo para documentarse, e iso resulta complicado facelo por encarga, pero sucedeu que en 1454 o papa Nicolás V fixo doazón ao monarca portugués dos reinos de África coa facultade de escravizar a todos os habitantes do continente africano, é dicir, facultaba a venda de escravos, o roubo, e enriquecemento a costa dos máis desgraciados deste mundo. Por outra Bula, Inter Caetera, do 4 de maio de 1494, Alejandro VI, en virtude da plenitude de potestade apostólica, agasallaba á Coroa española "con todo el oro, las aromas y otras muchísimas cosas preciosas del Nuevo Mundo".

Se tivo tempo,tamén igual oíu vostede falar de Francisco de Vitoria, Roberto Belarmino e Francisco Suárez, que se opuxeron a tanta xenerosidade, o que supuxo que as súas obras fosen parar ao Índice de Libros prohibidos. O que son as cousas …xa funcionaba a Lei Mordaza!
Pero , aínda máis, o 21 de decembro de 1511, cuarto domingo de Advento, o dominico, Antonio de Montesinos, clama na illa La Española:"Todos estáis en pecado mortal y en él vivís morís, por la crueldad y tiranía que usáis con estas inocentes gentes. Decid, ¿con qué autoridad habéis hecho tan detestables guerras a estas gentes que estaban en sus tierras mansas y pacíficas….?

No mesmo sentido se pronuncian o xesuíta portugués ,Antonio Vieira, no Brasil e o dominico tan coñecido, Bartolomé de Las Casas.

A miúdo moitos políticos tenden á esaxeración. Non se decatan que unha cousa é o"logos", palabra meditada, razoada, e outra a "phoné" son articulado, ruído. Dan a impresión de que canto máis se berra máis razón se ten. O Parlamento debe ser lugar para falar, expoñer diversos puntos de vista, distintas teses, mesmo contrapostas, antíteses, para chegar á síntese e resulta que o converteron nun lugar inútil, onde máis que acordos buscan desacordos, deslexitimar ao adversario polo feito de que ocupa o poder, envelenar o ambiente político para evitar debater asuntos relevantes.Esquecen que entenderse non supón traizoar,nin claudicar, senón razoar.

Mesmo no que a vostede toca, señor Casado, dá a imaxe dun sofista permanente.Falan de Venezuela, de Irán, de Cuba como se o que sucede neses países fose responsabilidade do malvado Zapatero,autor de tamañas maldades como retirar as tropas da estúpida e criminal guerra de Iraq, da Lei de Dependencia, educación para a Cidadanía, Unidade Militar de Emerxencias…, ademais de culpalo do rescate de Grecia, de Portugal ou dos Bancos de España e, se fai falta, da corrupción do PP.

Ten vostede, señor Casado, unha visión tan particular coma pintoresca dos golpes de Estado, identifica golpes de estado con pronunciamentos, o que delata o anacronismo da súa intensa formación, vive no século XIX.Seguramente goza vostede coa lectura do texto do pronunciamento de Primo ,por certo obsceno segundo Unamuno, e non tan pacífico, pois, declarou o estado de guerra..

Cando se concibe a política coma unha guerra total estamos nunha situación antidemocrática, pois, a " política democrática nega a idea da política como unha guerra total"

Mc. Cain escribiu gabanzas dos adversarios, iso indica sinceridade. grandiosidade e nobreza.
A política dun demócrata non pode pretender a desaparición de opcións demócratas por moitas que sexan as diferenzas ,os partidos políticos están na base da democracia.

Un Parlamento bloqueado e incapaz de chegar a acordos é un Parlamento inútil. Como o mesmo nome indica a súa función é "parlamentar", falar. Somos humanos porque falamos, porque temos palabra, "logos", os irracionais emiten sons,"phoné". Como xa dixen anteriormente.

A crispación é unha vella estratexia que consiste en envelenar o ambiente político para evitar debater asuntos concretos e relevantes, porque o importante é deslexitimar ao adversario, non criticar os seus actos de goberno,propoñer alternativas, senón o feito de que ocupe o poder.
Reducen o Parlamento a un espectáculo, con frecuencia, vergoñento.

Os tres presidentes socialistas do período democrático sufriron esta estratexia, non houbo unha confrontación racional de programas.

Andan vostedes obsesionados pola aplicación do artigo 155 da Constitución,coma se fose a alma da Constitución, a dificultade non está na súa aplicación, senón como se sae e como se curan as feridas que provoca.

Vou rematar cunhas palabras proféticas de Pío XII dirixidas a Hitler en 1939: "Nada se perde coa paz e todo pode perderse coa guerra". Non esqueza que á cordialidade e á empatía non se chega mediante decretos.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES