Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Meirás, a cultura contra o espolio

miércoles, 19 de diciembre de 2018
A semana pasada asistín a un acto no Teatro Colón da Coruña a prol da devolución do pazo de Meirás. Un acto fondamente documentado que, ademais de expoñer de maneira obxectiva a súa razón de ser fundamentada nunha realidade histórica, utilizou a música, o teatro e a sátira para transmitir unha das anomalías máis sobranceiras: o feito de que un pazo espoliado a través de doazóns forzosas para ser entregado a un ditador siga en mans dos seus herdeiros. Contra isto erguéronse numerosas voces como a de Chévere, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Caxade e todos os que estábamos no Colón por un compromiso ético, por non querer que o noso patrimonio acabe en mans fascistas.

Meirás é unha anomalía que a democracia non pode consentir, un roubo que o Conde Fenosa, entre outros, envolveu en papel de agasallo pero un roubo é un roubo en todo tempo e lugar e corresponde á historia emendar o pasado. É inadmisible que en pleno século XXI se permita a unha familia xogar á aristocracia dun modo tan frívolo. É inadmisible que unha familia viva subvencionada de xeito interxeracional. Por iso, o Colón estaba cheo, cheo de denuncia, cheo de memoria e cheo de ética para dicir que vivir en paz é non permitir o xogo perverso co público. Cada vez que alguén privatiza vence sobre o pobo que honestamente constrúe a súa historia. Por iso, non se pode calar, non se pode admitir, non se pode deixar de teimar na idea da igualdade e da democracia porque cada anomalía é un foco de infección contra a liberdade.

Definitivamente, á liberdade sempre hai que salvala; por iso, transmitir a historia e o valor do logrado é un compromiso que teima en facer o tempo lineal e non cíclico. O esquecemento condénanos a repetilo, a memoria pon negro sobre branco aos feitos e procura resarcir ás vítimas cando menos simbolicamente dándolles voz. Neste sentido, temos que resarcir Meirás, volvelo a converter nun símbolo de cultura e liberdade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES